5/30/2024

A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo lanzan campaña para adquirir e preservar a parcela histórica de Santo Estevo do Ermo en Barreiros.

 

A Fundación Eira da Xoana (da asociación ecoloxista ADEGA), Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo, pretenden adquirir, recuperar, estudar e protexer unha parcela situada ao carón da Fraga de Santo Estevo do Ermo. Nesta parcela atópanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo, o seu antigo cemiterio e as ruínas das cabanas das eremitas que habitaron esta máxica fraga. Para poder adquirir esta parcela, actualmente plantada de eucaliptos, requírese da colaboración e axuda económica da comunidade.

Santo Estevo do Ermo é unha pequena fraga situada no medio do extenso eucaliptal no que se converteu a Mariña Lucense. Esta fraga, localizada no concello de Barreiros, está moi ben conservada, grazas ao esforzo e traballo dun grupo de veciños asociados na Irmandade Santo Estevo. Santo Estevo é un oasis de especies autóctonas cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, incluíndo fentos pouco comúns, ameazados e vulnerables.

O lugar está atravesado por un río que forma unha fermosa fervenza ou “revertedoiro”. Neste sitio, tamén coñecido como Augas Santas, hai dúas fontes milagreiras: a de Santa Rosa e a do Ferro, ás que desde tempos inmemoriais acoden centos de persoas para curar diversos males. Neste máxico lugar, atópase tamén unha rocha coas pegadas do cabalo do apóstolo Santiago e mais unha capela “nova”, arredor da cal se celebran importantes romarías.

A parcela que se pretende mercar actualmente é un eucaliptal, pero neste sitio, baixo un impresionante abrigo rochoso, consérvanse os restos da antiga igrexa de Santo Estevo do Ermo, posiblemente de cronoloxía moi antiga e que puido cristianizar un lugar previamente sagrado. Segundo a documentación conservada, nesta parcela erguíanse as cabanas onde vivían as eremitas e un antigo cemiterio de orixe medieval. Nun extremo da parcela tamén se atopa un “cuncheiro” onde, ademais de cunchas, apareceron ósos e cerámica medieval.

O obxectivo das citadas asociacións é mercar o terreo, eliminar os eucaliptos, recuperar a fraga, realizar estudos arqueolóxicos e valorar a posibilidade de levar a cabo unha escavación. Para adquirir a finca, comezar os traballos de recuperación e realizar unha primeira prospección arqueolóxica, necesitaríanse 6000 euros. A compra realizaríase a nome da Fundación Eira da Xoana, que está constituída como fundación e recoñecida como de interese galego.

As doazóns á Fundación Eira da Xoana teñen dereito a dedución na cota do IRPF (para cantidades que non superen os 250 euros, a dedución é do 80% para persoas físicas e do 40% para empresas; isto é, se a achega é de 100 euros, recupéranse 80 ao facer a declaración da renda). Para beneficiarse desta dedución, ao realizar a doazón é necesario indicar o nome do doante e no concepto poñer “DOAZÓN”. Posteriormente, débese enviar o xustificante e mais os datos fiscais (nome e apelidos, número do documento de identidade e localidade do domicilio) á Fundación, na dirección de correo electrónico: fundacion@eiradaxoana.gal. A conta da Fundación Eira é ES11 2080 5034 6130 4000 7939.

Para máis información, podes contactar connosco no teléfono 659 683 384 (Eira da Xoana)

Grazas por colaborar.

 

Sem comentários: