ADEGA
e Mariña Patrimonio alertan da posible desaparición da Medorra da
Seara do Campelín e demandan a apertura de expediente sancionador,
no caso de que se comproben os feitos. A Medorra da Seara do
Campelín, situada na parroquia de Cabanela, en Navia de Suarna, é
unha mámoa catalogada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural
dende o ano 1992.
Nas últimas actualizacións dos visores de
ortofotografías podemos ver imaxes de satélite e aéreas captadas
no ano 2023, onde se aprecia claramente a existencia de movementos de
terras nunha pequena área que coincide xusto co lugar onde a
Dirección Xeral ten catalogado a Medorra da Seara do
Campelín.
Neste lugar, recentemente corroboramos que se
realizaron movementos de terras e que na actualidade, no canto da
Medorra da Seara do Campelín, hai un buraco de aproximadamente 15
por 7 metros e uns 40 cm de fondo, que chega ata o sustrato
rochoso.
Debido a que estes movementos de terras puideron
ocasionar a desaparición total ou parcial da Medorra da Seara do
Campelín, ADEGA e Mariña Patrimonio temos solicitado ante a
Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha
investigación para comprobar estes feitos e, no caso de que se
verifique a desaparición do xacemento arqueolóxico, solicitamos a
apertura do correspondente expediente sancionador.
Ligazón a fotografías: https://photos.app.goo.gl/ivjy6uyP1JRTKtbp9
Sem comentários:
Enviar um comentário