10/29/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio reclaman protección para a Mina Romana da Espiñeira Advirten que os traballos da canteira de Euroarce afectan a zona arqueolóxica.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) pola realización de novos traballos mineiros, desmontes e movementos de terra asociados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte, no concello de Foz (Lugo).

Os recentes movementos de terra, atribuíbles á empresa Euroarce Caolines S.L., afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira (GA27019024), un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.

As asociacións denuncian que os traballos realizados pola empresa se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e que estarían a causar danos directos na antiga mina romana, concretamente sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos.

Esta canle aparece xa identificada no traballo sobre minería antiga realizado no ano 2019 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), asinado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia. Neste traballo delimítase a área correspondente á Mina Romana da Espiñeira e documéntase as súas canles de evacuación. 

 No mesmo sentido, o recente “Informe de delimitación planimétrica do xacemento explotación aurífera de A Espiñeira”, elaborado en marzo de 2025 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer, representa na súa planimetría a mesma zona como parte da antiga mina romana, coincidindo coa delimitación establecida polo CSIC, que identifica ese tramo concretamente como unha canle de evacuación da antiga mina romana.

Segundo ADEGA e Mariña Patrimonio, estes traballos poderían estarse realizando sen contar coa autorización previa da DXPC nin co preceptivo control arqueolóxico que esixe a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural.

Por este motivo, solicitan á DXPC que paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e, se se confirma que non existe autorización, abra o correspondente expediente sancionador e adopte as medidas necesarias para reparar os danos causados na Mina Romana da Espiñeira.


10/28/2025

Betanzos

A Asociación Mariña Patrimonio realizou este domingo a súa adiada visita a Betanzos, unha vila merecedora de atención como unha das cidades históricas de maior riqueza patrimonial de Galicia. Para esta visita contamos coa colaboración do servizo da empresa 77 Turismo de Betanzos e, en particular con José Ángel Paz Quintana, un dos seus guías, ao que queremos transmitir os nosos parabéns polo seu traballo.

 A xornada comezou polo acceso ao casco antigo, outrora amurallado, atravesando a Porta da Vila e a Rúa do Castro ata a Praza da Constitución. Nela concéntrase un notable conxunto monumental: a Casa Núñez —antigo centro de comercio e hoxe sede do Centro de Exposicións e Arte Gráfica—, obra singular do arquitecto Rafael González Villar; a Casa do Concello; o Pazo de Lanzós e a igrexa gótica de Santiago, que coa súa ábsida envolve a Torre Municipal do Reloxo. Trátase dunha praza de gran encanto, situada no punto máis elevado da cidade medieval.

A continuación, desprazámonos ao outro gran conxunto monumental dentro das murallas, integrado polos dous templos contiguos de San Francisco e Santa María de Azogue. O primeiro, unha igrexa conventual na que a impronta dos Andrade se fai constante, alberga o espectacular sepulcro de Fernán Pérez de Andrade e un bo número de cabaleiros, damas e outros persoeiros relevantes do Betanzos baixomedieval. No segundo dos templos, Santa María, é moi destacable o conxunto escultórico que representa o calendario agrícola.

No espazo que ocupara o claustro do convento de San Francisco, atopamos outra das obras do arquitecto González Villar: as Escolas Municipais. Este edificio foi un encargo dos persoeiros máis relevantes de Betanzos, os irmáns García Naveira, comerciantes enriquecidos na Arxentina que se prodigaron no seu labor filantrópico con investimentos de enorme envergadura económica e social.

Moi preto das Escolas Municipais, retornando á Porta da Vila, puidemos apreciar a terceira das obras de González Villar: a casa do Pobo, outra iniciativa singular dos García Naveira, sempre estimulando a promoción das clases máis desfavorecidas.

Xa fóra da cidade antigamente amurallada, esténdese a fermosa praza dos Irmáns García Naveira, presidida pola Igrexa conventual de Santo Domingo. Neste espazo puidemos contemplar tamén varios elementos singulares: o Palco da Música, de estilo Art Decó, con características únicas pola súa construción metálica; o conxunto escultórico da fonte de Diana cazadora, fundida en París, e a estatua dos omnipresentes Irmáns García Naveira. 

A obra social destes dous grandes é moi diversa e completa como puidemos ver a continuación achegándonos ás escolas Jesús García Naveira, que ademais se completaban cun imponente asilo de anciáns, hoxe desaparecido. Saíndo fóra da zona urbana, atopamos un edificio singular, moi representativo da sensibilidade social destes filántropos, o Lavadoiro das Cascas, construído para facilitar o durísimo traballo das lavandeiras de oficio, con espazo para facilitar o secado da roupa, sen descoidar a estética e a dignidade do edificio.

Finalmente, a obra máis espectacular dos García Naveira foi sen dúbida o Parque do Pasatempo, que ocupou a inmensa marisma desecada aos pés da cidade e constituiu o primeiro parque temático. Este parque “enciclopédico”, en palabras de Luis Seoane, foi deseñado e construído coa intención de traer aos betanceiros o saber da época de todo o mundo, xa que eles non tiñan a oportunidade de viaxar.Este inmenso legado perdeuse en boa parte e o que se conserva, hoxe moi deteriorado, está a ser restaurado pouco a pouco. 

 

Volvemos de Betanzos coa impresión dun conxunto patrimonial excepcional, unha cidade fundamental na historia de Galicia que fai un esforzo de conservación meritorio, que animamos a continuar porque aínda hai moito que preservar, especialmente en canto ao legado inmenso dos irmáns García Naveira. O seu compromiso con Betanzos é merecedor do esforzo para dar a coñecer e valorizar a súa obra.


+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/Dm2iqt7tHNqjztEVA