A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) pola realización de novos traballos mineiros, desmontes e movementos de terra asociados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte, no concello de Foz (Lugo).
Os recentes movementos de terra, atribuíbles á empresa Euroarce Caolines S.L., afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira (GA27019024), un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.
As asociacións denuncian que os traballos realizados pola empresa se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e que estarían a causar danos directos na antiga mina romana, concretamente sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos.
Esta canle aparece xa identificada no traballo sobre minería antiga realizado no ano 2019 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), asinado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia. Neste traballo delimítase a área correspondente á Mina Romana da Espiñeira e documéntase as súas canles de evacuación.
No mesmo sentido, o recente “Informe de delimitación planimétrica do xacemento explotación aurífera de A Espiñeira”, elaborado en marzo de 2025 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer, representa na súa planimetría a mesma zona como parte da antiga mina romana, coincidindo coa delimitación establecida polo CSIC, que identifica ese tramo concretamente como unha canle de evacuación da antiga mina romana.
Segundo ADEGA e Mariña Patrimonio, estes traballos poderían estarse realizando sen contar coa autorización previa da DXPC nin co preceptivo control arqueolóxico que esixe a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural.
Por este motivo, solicitan á DXPC que paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e, se se confirma que non existe autorización, abra o correspondente expediente sancionador e adopte as medidas necesarias para reparar os danos causados na Mina Romana da Espiñeira.


Sem comentários:
Enviar um comentário