4/20/2009

2ª xornada de Historia de Galiza, en Lugo


O ciclo continúa o próximo sábado 25. Esta vez desprazámonos a Lugo. O motivo é que toca a Galiza romana e ¿que mellor que Lucus Augusti para ilustrar esa etapa?

Dende MariñaPatrimonio convídase e anímase aos mariñáns e non mariñáns que nos acompañen. Sairemos en autobús desde San Cibrao e visitaremos o Museo Provincial e a muralla e finalmente haberá unha conferencia -tamén no museo- de Adolfo de Abel Vilela.

Todos aqueles e aquelas que se animen deben comunicalo a MariñaPatrimonio -a máis tardar o mércores- e utilizando os medios habituais:

Tfnos: 616815120 / 690650542

1ª xornada de Historia de Galiza


O tempo non axudou moito para realizar o roteiro polos castros de Ribadeo, pero eso non impediu que cumprísemos o programa

Pola tarde a conferencia de Antonio de la Peña resultou brillante. Un auténtico privilexio poder contar cunha das máximas autoridades sobre a historia da Galiza prerromana. O seu relato resultou ameno e sorprendente, desmitificando unha boa cantidade de tópicos que aínda permanecen no imaxinario popular sobre a orixe do pobo e da cultura galegos, en particular a idea dun pasado celta, que esta desbotada totalmente pola investigación prehistórica seria.

Pincha neste enlace para ver imaxes da xornada do sábado:

4/15/2009

Este sabado arranca o Ciclo de Historia co período castrexo


Pola mañá visita aos castros costeiros de Ribadeo. Dado que se trata de actividades abertas ao público en xeral, para sumarse a ela convócase aos interesados/as ás 11:00 horas na praia das Catedrais. Desde ali iniciaremos o roteiro polo litoral con tramos en coche o outros a pé.

Pola tarde, a conferencia do arqueólogo Antonio de la Peña desenvolverase no Museo de Mar de San Cibrao ás 19:00 horas, coa mesma premisa de apertura a todo o público interesado.

Para ampliar información acerca de calquer aspecto, podese contactar con MariñaPatrimonio no enderezo electrónico ou no teléfono de contacto que se indica
mr.patrimonio@gmail.com
Tfno. 616815120

MariñaPatrimonio presenta o Ciclo de Historia de Galiza

No Museo do Mar de San Cibrao, coa presenza de Antón Veiga, responsable da Area de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, que subvenciona esta actividade, a xunta directiva de MariñaPatrimonio presentou o Ciclo de Historia de Galiza que arranca o próximo 18 de abril e desenvólvese nos sábados sucesivos.

O ciclo percorre os distintos períodos prehistórico e históricos con visitas á fitos do noso patrimonio en horario de mañán e conferencias en horario de tarde a cargo de ponentes especialistas en cada un dos períodos históricos.




3/28/2009

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística solicita información ao Concello de Cervo sobre as obras que se realizan no Castro da Atalaia

A instancia de MariñaPatrimonio, este organismo, dependente da Consellería de Ordenación do Territorio, require ao Concello mediante una comunicación escrita do pasado 25 de marzo, a presentar no prazo de 10 días toda a documentación relativa ás licenzas de obra concedidas no Castro da Atalaia a Promociones San Ciprián, que propiciaron a destrución parcial do Castro e que continúan en construción.
Achegase en documento adxunto o requerimento recibido polo Concello de Cervo ao que facemos referencia.

Preme aqui:
http://www.scribd.com/doc/13740096/Sol-Urbanismo-Inf-Licenz-Atalaia-250309

3/13/2009

MARIÑAPATRIMONIO denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural novas destrucións no xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia





MARIÑAPATRIMONIO denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural novas destrucións no xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia e esixe a inmediata paralización das obras

MARIÑAPATRIMONIO esixe a inmediata paralización das obras no castro da Atalaia,despois de comprobar que Promociones San Ciprián vén de realizar novas destrucións neste xacemento, demostrando así a súa mala fe e a intención de ir aos poucos desfacéndose dun patrimonio arqueolóxico que lle é molesto para os seus intereses inmobiliarios.
O xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia de San Cibrao ( Concello de Cervo), está en perigo por mor da construción do “RESIDENCIAL FARO DE SAN CIPRIAN" (3 edificios con un total de 100 vivendas, promovidos por Promociones San Ciprián, S.L). O Concello deu licencia de obra sendo plenamente consciente de que alí había un castro.
FEITOS:

O 10 de xaneiro de 2008, segundo o informe do arqueólogo Emilio Ramil, na primeira parcela destinada á construción dun edifico de 42 vivendas no castro da Atalaia de San Cibrao quedaba unha área arqueoloxica sen alterar de 200m2 máis outros 60m2 pendentes de escavación, o que fai un total de 260m2.

O 14 de abril de 2008 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autoriza movementos de terra e desmontaxe das estruturas localizadas nunha superficie escavada de 68,25 metros.
En consecuencia, quedaron 191,75m2 de área arqueolóxica sen alterar.

Destes 191,75m2 de área arqueolóxica sen alterar só quedan 15m2. Promociones San Ciprián, destruíu completamente o resto da área non afectada do xacemento arqueolóxico inventariado,

MARIÑAPATRIMONIO esixe, por tanto, a inmediata paralización das obras no castro da Atalaia e que, a maiores das sancións administrativas que poidan corresponder, se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal a reiterada destrución do patrimonio arqueolóxico histórico co agravante de ter provocado a completa destrución dunha parcela do xacemento arqueolóxico inventariado.

XUNTAMOS ARQUIVO COA DENUNCIA:

MARIÑAPATRIMONIO Denuncia Ante a Dirección Xeral de Patrimonio 1

2/27/2009

Castro de Fazouro



A Dirección Xeral de Patrimonio iniciou os trámites para declarar BIC ( Ben de interese cultural) o castro mariñán de Fazouro (Foz).
Amosámosvos unha imaxes deste castro, abatido polas ondas, nun dos temporais que nos deixou este cru inverno.











2/17/2009

527 sinaturas respaldan a denuncia de Mariñapatrimonio ante a D.X. de Urbanismo



Mariñapatrimonio xunto con 527 persoas, preocupadas polo futuro da Atalaia de San Cibrao , denunciamos ante a Dirección Xeral de Urbanismo a concesión de licenzas por parte do concello de Cervo para a construción de tres edificios sobre o xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia. Os asinantes desta denuncia consideramos que as tres licenzas foron outorgadas con manifesto incumprimento da lexislación urbanística e da lexislación do patrimonio, polo que requirimos a intervención da autoridade competente en materia urbanística para, tomando en consideración a nosa denuncia,se leven a cabo as accións pertinentes para repoñer a legalidade e se protexa un ben patrimonial que é de todos e todas.


Os feitos nos que baseamos a nosa denuncia son os seguintes:
As tres parcelas nas que se pretenden executar estes proxectos de edificación están ubicadas no Castro da Atalaia, onde, no momento de outorgarse as respectivas licenzas urbanísticas, a Alcaldía e demais membros da Xunta de goberno coñecían a existencia dun xacemento arqueolóxico. Para poder conceder estas licenzas, o concello precisa un informe sectorial previo das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio. As tres licenzas carecen deste informe sectorial.
A cualificación do solo correspondente a estas tres parcelas para as que foron outorgadas as licenzas urbanísticas é, segundo as Normas Subsidiarias de Planeamento do concello de Cervo (do ano 1978 e modificadas en 1998 para adaptación á Lei de Adaptación do Solo de Galicia), a de SOLO URBANO para usos I/RM (Industrial e Residencial Mixto. A ordenanza do planeamento para este tipo de solo, esixe que, para cada solar, o Concello estableza “a modalidade de ordenación acorde co entorno do mesmo” establecendo, ademais, que “nas zonas de transición ou indiferenciadas, así como nas parcelacións de ordenación mixta se efectuará previamente un Estudo de Detalle” (punto 4.3.4 das Normas Subsidiarias do Planeamento de Cervo). Non consta a aprobación de ningún Estudo de Detalle previo á concesión destas licenzas de edificación.
Polo tanto os 527 asinantes desta denuncia, xunto con Marinapatrimonio, consideramos que as tres licenzas concedidas, foron outorgadas con manifesto incumprimento da lexislación urbanística e lexislación do patrimonio vixentes, polo que requirimos a intervención da autoridade competente en materia urbanística para, tomando en consideración as nosas denuncias, se leven a cabo as accións pertinentes para repoñer a legalidade e desa forma protexer o Castro da Atalaia.
Pincha neste enlace para ver máis fotos:
Pincha neste enlace para ver o documento completo da denuncia:

12/13/2008

Cantos máis mellor

Mediante esta campaña de captación de socios e socias, MariñaPatrimonio aníma a toda a cidadanía a participar máis activamente na defensa e o disfrute do patrimonio.

Se queres sumarte á nosa asociación cumprimenta o impreso de inscrición que se pode descargar aquí e faino chegar á xunta directiva.

A cuota de inscrición é de 10 €

Descarga aquí: http://documents.scribd.com/docs/a24sb5fx9hn0k5hhk0l.pdf