Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
18 de novembro, roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A igrexa de Cervo é outra das que imos visitar.
11/13/2017
11/10/2017
Igrexa de Rúa (Cervo)
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
A igrexa de Rúa, unha das que visitaremos no roteiro do próximo 18 de novembro
11/08/2017
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
Co
fin de conmemorar o Día Internacional do Patrimonio, Mariña
Patrimonio está a organizar para o día 18 de novembro unha visita
guiada, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello
de Cervo. O percorrido polas diferentes igrexas comezará ás 10.00h
na Igrexa de Cervo e, dependendo das persoas que se inscriban, continuarase
en coches particulares ou en autobús. Ás 14.00h faremos unha pausa
para xantar e retomaremos a actividade ás 16.00h diante da capela de
San Cibrao no Porto.
Quen
o desexe poderá participar no xantar que terá lugar no restaurante
O Pedregal de San Cibrao; a data límite para anotarse é o martes 14
(prezo 12€)
Este
roteiro enmárcase no conxunto de actividades programadas por
diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.
As
persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte
FORMULARIO
DE INSCRICIÓN
9/25/2017
Roteiro A Coruña
Aquí podedes ver algunhas fotos do roteiro que fixemos pola cidade
de A Coruña. Unha xornada moi agradable e proveitosa en compañía de Ana
Isabel Filgueiras, a quen lle agradecemos novamente a súa colaboración.
9/07/2017
ROTEIRO URBANO POLA CORUÑA
SÁBADO,
23 DE SETEMBRO
En
Mariña Patrimonio estamos a organizar un interesante roteiro pola
cidade da Coruña. Convidámosvos a participar connosco nesta nova
actividade.
Horario
7:30
- Saída do autobús dende Foz con paradas en Burela, Cervo, San
Cibrao, Xove e Viveiro (os horarios intermedios avisaranse
previamente)
10:00
- Visita á exposición sobre o castro de Chao Samartín e exposición
permanente no castelo de San Antón.
12:00
- Visita guiada ao castro de Elviña.
14:00
- Xantar en restaurante reservado para o grupo.
16:00
- Ruta urbana para coñecer as raíces históricas da Coruña,
incluíndo os muíños de vento, sobre os que é especialista a
arqueóloga que nos guía.
19:00
- Saída da Coruña e volta á Mariña.
Límite
de prazas (39)
As
solicitudes serán atendidas por orde de inscrición. Para
solicitalas, haberá que cumprimentar este formulario.
Cando
estean cubertas todas, avisarase por correo electrónico aos
inscritos aceptados para formalizar o pago previo.
Tamén
se lles comunicará a non inscrición aos que non poidamos atender.
Prezos,
incluído seguro de responsabilidade civil
Custe
da actividade: socios e nenos: 20 € - non socios: 30 €
Xantar:
20 €
(os
que sexan notificados como inscritos deberán ingresar o custe da
actividade antes do 16 de setembro. O resto dos
solicitantes quedará en lista de espera por se xorde algunha baixa)
O
pagamento deberá realizarse na seguinte conta bancaria:
Mariña
Patrimonio, ABANCA, IBAN ES84 2080 0160 4830 4000 7104
(debe
enviarse por correo electrónico a copia do ingreso)
8/08/2017
A Xunta prohíbe varar embarcacións no círculo lítico da Roda de Barreiros, que está a 1 km da costa
“Non
se permite o varado de embarcacións fóra dos puntos establecidos”,
así reza o panel informativo, asinado pola Xunta de Galicia,
colocado no emblemático xacemento do concello de Barreiros (Lugo)
Para
quen non coñeza o sitio arqueolóxico da Roda
de Barreiros
(Lugo), cómpre dicir que se atopa no concello de Barreiros, a un
quilómetro da costa e a varios quilómetros de calquera curso
fluvial navegable. En 2006 o xacemento foi obxecto dunha escavación
arqueolóxica debido a que os antigos moradores desta zona, hai uns
3700 anos, decidiron construír esta enigmática estrutura circular
xusto no trazado da autovía A8. A Roda foi totalmente escavada e,
lonxe de aportar luz, suscitou máis dúbidas sobre que tipo de
xacemento é esta estrutura circular.
Dende 2006 a Roda de Barreiros,
malia as promesas da Consellería de Cultura de poñela en valor,
caeu no máis absoluto dos abandonos: o xacemento sen protexer, as
catas abertas e os eucaliptos, eses que non son invasores, invadindo
desaforadamente todo o xacemento. Esta situación ten sido denunciada
por Mariña Patrimonio en reiteradas ocasións.
En
2015, por fin, Patrimonio decide intervir e realiza novas catas no
xacemento o que lles permite datalo na Idade do Bronce. Trataríase
dunha estrutura
tipo Henge
que,
segundo os arqueólogos, a convertiría no único coñecido na Europa
continental. Con estes novos datos reaparecen as promesas de posta en
valor e en 2016 o Concello de Barreiros coloca na estrada nacional un
indicador do lugar ilegalmente, polo que
foi retirado ás poucas horas por Fomento.
Até o momento, a outra gran
posta
en valor do sitio arqueolóxico consistiu en colocar un panel
informativo que, entre outros, asina a Xunta de Galicia.
Supoñemos que para destacar o gran valor do xacemento cumpría un gran panel; non abondaba colocar un discreto como os que se adoitan ver nos sitios arqueolóxicos normais, aquí o panel “grande, ande ou non ande”; por suposto colocado no lugar que máis interfira na visión do xacemento. De todas maneiras, se non deixa ver A Roda non importa, xa que o panel repite ata en tres ocasións a mesma fotografía do xacemento, que o poderiamos ver ao natural, se o propio panel e os toxos o permitisen.
Sobre o texto do mencionado panel xa
non imos entrar, aínda que sen dúbida debería ter pasado o filtro
dalgún entendido en lingua e en arqueoloxía.
Para rematar, e emulando os
contratos das entidades bancarias, o panel da Roda de Barreiros tamén
ten a súa letra pequena; de feito, na parte inferior esquerda
atopamos un recadro que, entre outras exquisiteces, advirte que “non
se permite o varado de embarcacións fóra dos puntos establecidos”.
7/10/2017
UNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS PROVOCA POSIBLES DANOS NUN CASTRO DE A PONTENOVA
ADEGA
e Mariña Patrimonio vimos de presentar unha denuncia perante o
Servizo de Patrimonio polos posibles danos ocasionados por labores
forestais no castro de O Patelo (GA27048002), ubicado en Santo Estevo
de Rececende, concello de A Pontenova (Lugo). Ambas asociacións cren
que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e mailas remocións
de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron
afectar este ben patrimonial.
Débese ter en conta que este sitio
arqueolóxico está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio e
figura nas normas subsidiarias do concello de A Pontenova, o que o
converte nun ben patrimonial protexido.
O castro de O Patelo estaba cuberto
por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque
autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal,
por unha plantación de eucaliptos.
Por outro lado, ADEGA e Mariña
Patrimonio sabemos que o Servizo de Patrimonio facilitoulle a Medio
Rural información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona norte
da provincia de Lugo, mais trece dos vinte e tres xacementos que a
Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as
coordenadas, polo tanto non están localizados pola administración o
que conleva a súa desprotección. Esta ausencia de coordenadas é
unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade por parte da
Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que cómpre
atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso
patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto.
6/27/2017
RUTA FRAGA DAS VIGAS
Sábado,
8 de xullo de 2017
RUTA POLA
FRAGA DAS VIGAS
Ruta
de dificultade baixa (8-10 km ida e volta) que descorre por unha
fraga na cabeceira do Río Figueiras (afluente do Masma)
A volta prevese para
media tarde (cómpre levar bocadillo e bebida para xantar en ruta)
Prezos (inclúen
seguro):
- Socios: 6
€
- Non
socios: 10 €
Forma de pago: Ingreso
en conta ou transferencia. Concepto: Ruta das Vigas e nomes
dos participantes. Nº CONTA: ES84
2080 0160 4830 4000 7104
(Obrigatorio cubrir o
formulario e remitir xustificante de pago a este enderezo
electrónico mr.patrimonio@gmail.com antes do mércores 5 de xullo)
Para
inscribirse pulsar AQUÍ
Organiza: MARIÑA
PATRIMONIO
6/04/2017
O tecido asociativo de Galicia crea a Rede do Patrimonio Cultural
Foto: Sole Felloza.
Máis
de cincuenta asociacións participan nesta iniciativa para vertebrar
a defensa e promoción do noso patrimonio material e inmaterial
“A cultura é a
identidade do noso pobo”. Con esta premisa, máis de cincuenta
entidades culturais e patrimoniais de toda Galicia abriron o proceso
para a creación da Rede polo Patrimonio Cultural Galego, unha
entidade cuxo principal obxectivo será velar pola protección, a
divulgación e a defensa do patrimonio cultural do país. 33 delas
estiveron presentes na xuntanza fundacional da Rede no museo do Pobo
Galego este sábado 3 de xuño. Nas vindeiras semanas, as asociacións
que refrenden os acordos tomados constituirán xa formalmente esta
Rede de Patrimonio Cultural.
A
rede servirá coma un instrumento de axuda e unha ferramenta de
difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que
participan dela e tamén para promover accións e campañas en
defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais,
sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si
soas, lles resulta difícil acceder.
54 entidades de
gran diversidade territorial e sectorial
54 entidades de todo
o país, que reúnen desde grupos culturais de carácter local ou
comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de
carácter profesional uníronse no que é a primeira rede vinculada
ao patrimonio cultural que se crea en Galicia, un país onde a
cultura e o patrimonio constitúe unha importante fonte de riqueza
tanto social como económica e un valioso activo cara o futuro. As
entidades participantes na rede manterán a súa independencia, aínda
que participarán do seu calendario común de actividades.
Unha
planificación anual
A Rede polo
Patrimonio Cultural Galego realizará campañas –dúas ou tres por
ano--, que afecten a aspectos económicos, lexislativos,
administrativos, sociais ou educativos relativos ao patrimonio
cultural, á súa conservación, protección e promoción. Ademais,
as entidades participantes acordaron impulsar mecanismos e compartir
recursos para divulgar o patrimonio, especialmente na ensinanza, co
obxectivo de que os máis pequenos crezan cos valores do amor a súa
historia e a súa cultura.
Por outra banda,
consciente de que forma parte dun espazo cultural e histórico
concreto, a rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban
á Galicia territorial, senón tamén campañas que abrangan outros
espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de
Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas
como a de Ponte das Ondas.
A Rede polo
Patrimonio Cultural Galego conta xa coa web redepatrimonio.gal para
difundir as súas actividades e a de todas as entidades participantes
e creará unha intranet para as comunicacións internas.
A creación desta
nova entidade de defensa do patrimonnio é froito de semanas de
contactos entre distintas entidades. Máis de 50 de toda Galicia
amosaron o seu interese en participar nela e 33 ratificaron os
acordos para impulsala nunha xuntanza que tivo lugar este sábado no
Museo do Pobo Galego, en Santiago.
As entidades que
participan no proceso de fundación da Rede de Patrimonio Cultural
son:
| A Gentalha do Pichel |
| A. C. Arrincadeira |
| A. C. Cultura do País |
| ADEGA |
| Alén Nós |
| Amigos do Arqueolóxico |
| Asoc. Cultural Festa da Prehistoria |
| Asociación ABERTAL del Eo-Navia |
| Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo |
| Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde |
| Asociación Amigos dos Castros |
| Asociación Betula |
| Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! |
| Asociación Cultural O Bión |
| Asociación Cultural Pereira Adiante |
| Asociación cultural Sonora |
| Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo |
| Asociación de Veciños O Chedeiro |
| Asociación galega Cova Crea |
| Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional |
| Asociación Monte Pindo Parque Natural |
| Asociación Nordés |
| Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego |
| Asociación profesional CRG da Conservación e Restauración de bens culturais de Galicia |
| Asociación profesional de guías de turismo de Galicia |
| Asociación Xermolos |
| Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial |
| Colectivo A Rula |
| Colectivo defensa Patrimonio A Forneiriña |
| Colectivo defensa territorio ANOVATERRA |
| Colectivo Patrimonio dos Ancares |
| Comunidade de Montes de Baroña |
| Etnoga Patrimonio Cultural, SL |
| Formas Cip Sl |
| Fundación Alexandre Bóveda |
| Fundacion Eira |
| Fundación Galicia Sustentable |
| Fundación Terra Termarum Castrolandín |
| Grupo de Investigación "A Laxe da Irena" |
| Grupo de Investigación Roda |
| Irmandade Augas Santas |
| Irmandade Illa de Tambo |
| Irmandade Santo Estevo |
| Liga Céltica Galaica |
| Mariña Patrimonio |
| Monterrei Cultura e Territorio e Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei |
| Noutrora |
| O Colado do Vento |
| O Sorriso de Daniel |
| O Suído |
| Patrimonio dos Ancares |
| patrimoniogalego.net |
| Phottic |
| Plataforma pola recuperación do Sar |
| Proxecto Socheo |
| Roxí Roxal |
| Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte |
| Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) |
| Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins |
| Sos Arte Rupestre |
| Umia Vivo |
| www.historiadegalicia.gal |
Foto: Sole Felloza.
5/30/2017
Rede do património cultural
O
vindeiro sábado 3 de xuño as asociacións e colectivos en defensa
do patrimonio temos unha cita no Museo do Pobo Galego para botar a
andar a Rede do Patrimonio Cultural. Mariña Patrimonio considera que
esta rede é unha ferramenta moi útil para avanzar con maior
eficacia na protección do noso patrimonio cultural.
Se
queredes participar, podedes inscribirvos no formulario que está ao
final da declaración, ou
clickando aquí.
DECLARACIÓN CONXUNTA PARA UNHA COORDINACIÓN DAS ENTIDADES POLA DEFENSA DO PATRIMONIO CULTURAL GALEGO
-
O territorio galego concentra unha inxente cantidade de bens culturais materiais e inmateriais. Son o legado da intensa ocupación e uso do territorio por comunidades humanas desde o principio dos tempos e a testemuña viva e real das bases da cultura e identidade do noso país, herdanza que queremos preservar.
-
Este legado constitúe, na actualidade, unha enorme fonte de riqueza de moitos tipos: humana, social, cultural e económica. Xunto á súa preservación como deber por parte das xeracións que se consideran herdeiras dese legado para o futuro, a súa dinamización abre novas oportunidades á nosa sociedade en numerosos ámbitos, constituíndose como unha das fontes de riqueza do país con máis posibilidades e, ao mesmo tempo, máis sustentable no noso territorio.
-
En Galicia existen numerosos movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local ou comarcal de defensa do devandito patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia da contorna inmediata. Os resultados, moi loados nas súas áreas de acción, non sempre trascenden nin son abondo visibles a nivel galego.
-
Porén, aínda que os danos ao patrimonio sempre son locais (a un ben concreto nun momento concreto) tanto a lexislación como as políticas de patrimonio cultural ou as grandes problemáticas (sector forestal, grandes infraestruturas públicas, marco xurídico) trascenden ese ámbito e condicionan, xa que logo, a capacidade de actuación de moitas entidades locais. É preciso dotalas dun instrumento que lles permita operar naqueles ámbitos administrativos (comunidade autónoma, Estado, Unión Europea) que son de difícil acceso para unha pequena entidade e na que esta pode exercer un papel pouco representativo.
-
Na actualidade vólvese vivir un interese por parte de persoas e grupos da sociedade civil por coidar o patrimonio cultural, participar activamente na súa preservación e xestión. Non hai dúbida de que o papel de Internet, conectando a individuos antes illados en diferentes lugares e compartindo información, problemáticas e solucións, incentiva este novo activismo. Internet adáptase con facilidade ás estruturas asociativas galegas, horizontais, descentralizadas e sen unha xerarquía sólida.
-
Os escasos orzamentos que destinan as Administracións ao patrimonio cultural, as profundas transformacións da sociedade e das economías rurais e os cambios lexislativos promovidos recentemente pola Administración galega están a afectar de xeito crítico ao noso patrimonio cultural. É o momento de dar un paso que permita enfrontar estes novos desafíos, sempre desde o respecto á idiosincrasia das entidades locais e comarcais do país.
-
Proponse una ferramenta conxunta de coordinación das asociacións locais/comarcais e outras de ámbito galego (que tamén asinan) , todas elas de defensa do patrimonio para se dirixir ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do noso patrimonio cultural.
-
As entidades que asinan este documento comprométense a crear sistemas de comunicación horizontal, de libre adhesión, sen xerarquías, aos que se poidan incorporar outras organizacións co fin de adhesión aos termos nos que se redacta o presente documento.
-
A mecánica de traballo inicial será o traballo conxunto e a elaboración de iniciativas decididas pola rede que teñan un claro fin de defensa e/ou posta en valor do patrimonio cultural e que pola súa natureza ou dimensión precisen dunha escala superior á de cada unha das entidades. Ningunha organización poderá actuar en nome da Rede e nos casos que se acade unanimidade nomearase unha representación e aclarando en toda a documentación que entidades forman parte dunha iniciativa concreta.
-
As organizacións que asinan esta Declaración manteñen a súa independencia e autonomía e comprométense a encetar o camiño cara a creación dunha estrutura de coordinación de entidades do patrimonio.
Subscrever:
Mensagens (Atom)



