10/27/2015

A CROA E O CASTELO, DOUS NOVOS XACEMENTOS NO CONCELLO DE XOVE

 Croa Antemil
Despois da solicitude realizada por Mariña Patrimonio diante da Consellería de Cultura o pasado mes de agosto, o Servizo de Patrimonio Cultural vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dous novos sitios arqueolóxicos coa denominación Castro da Croa e Castro Castelo e coas claves de identificación: GA27025031- GA27025032, respectivamente.
 
Croa Antemil
O castro da Croa atópase no lugar coñecido tamén como Antemil, na parroquia de Xuances. Trátase dun castro costeiro no que se observa un sistema defensivo composto por dous parapetos e mais un foxo. O sistema defensivo vese reforzado pola súa estratéxica situación, así como pola impresionante altura do cantil no que se atopa.
 
  Croa Antemil 
Por outra parte, o xacemento do Castelo,actualmente plantado de eucaliptos, é un recinto fortificado por un só parapeto e atópase a uns 400m do castro costeiro, e asemade xacemento medieval, de San Tirso de Portocelo.
Xacemento do Castelo e castro de San Tirso de Portocel 

O verdadeiramente salientable da inclusión destes xacementos no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos é que os dota dunha protección legal, que debería garantir a súa conservación para que as vindeiras xeracións poidan gozar destes bens patrimoniais.





8/05/2015

Presentación do libro Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica,

 O próximo venres, 7 de agosto, ás 20:30 horas na librería Casa das Letras de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro Louselas (Ribadeo, Lugo). Los inicios del poblamiento humano en la región cantábrica, de Eduardo Ramil Rego e Jose Ramil Soneira.
Os datos que temos sobre os inicios da poboación humana na rexión cantábrica son escasos, a pesar dos moitos vestixios atopados en diferentes depósitos. A maioría dos estudos coñecidos son parciais e pouco exhaustivos. Esta publicación é un fito na investigación, é a primeira vez que se presenta en Galicia unha monografía científica sobre un xacemento do Paleolítico Inferior.
O xacemento de Louselas (Ribadeo) está situado preto da desembocadura do río Eo, nel recuperouse o maior número de ferramentas achelenses da rexión Cantábrica, atribuída a unha fase pouco evoluída, con escasa representación na Península Ibérica, e que permite propoñer unha antigüidade de 450.000 anos para o xacemento.
Os homínidos que se estableceron en Louselas correspondería á especie Homo Heidelbergensis, portadores da cultura Achelense.

A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio, Casa das Letras, A. C. Francisco Lanza e Asociación de Veciños O Tesón

Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías

 Antonio Reigosa o pasado venres enfeitizounos na Librería Bahía de Foz cunha Galicia encantada e fantástica.

7/27/2015

Presentación en Foz de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías edición de Antonio Reigosa.


O próximo venres, 31 de xullo, ás 20:30 horas na librería Bahía de Foz, terá lugar a presentación do libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa.
O libro Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López, é unha das novidades da colección LIBROX de Xerais.
O proxecto Galicia Encantada naceu no seu día para navegar pola internet e, agora, dez anos despois, faise libro. Unha parte dos documentos atesourados na web durante este tempo, revisados e actualizados, transmútanse en papel impreso coa gozosa pretensión de compartir a marabilla dos mitos, lendas, ritos, contos e outros sucedidos, case sempre sorprendentes. Un cento de historias que percorren este «País das mil e unha fantasías» de norte a sur, de leste a oeste, do mar á montaña, da terra ao aire, da auga ao lume. Viaxes de ida e volta, desde o mundo real ao imaxinario e viceversa, guiados polo saber de máis de medio cento de coautores que exercen de cronistas da memoria dunha Galicia sabia e auténtica, irremediablemente encantada
A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio e a Librería Bahia.

7/23/2015

MARIÑAPATRIMONIO SOLICITA INVENTARIAR COMO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO A TURBEIRA DE AREALONGA , SAN MIGUEL DE REINANTE.

Mariña Patrimonio ven de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión da turbeira de Arealonga, San Miguel de Reinante, Barreiros (Lugo), no inventario de xacementos arqueolóxicos, trala aparición dunha cornamenta de cervo e outros restos óseos da fauna que habitou no lugar hai uns 8000 anos.
Mariña Patrimonio considera necesaria que a Xunta inclúa este lugar como xacemento para que sexa debidamente protexido e se evite calquera acción que poida danar a turbeira e/ou os restos que conserva.

A TURBEIRA DE AREALONGA SAN MIGUEL DE REINANTE, BARREIRO, LUGO

Baixo as areas de Arealonga acóchase unha importante turbeira.
Algúns invernos o mar leva area da praia e deixa ao descuberto a turba que conserva os restos dun antigo bosque que, segundo as probas do carbono catorce, ten unha antigüidade duns 8000 anos.
O pasado inverno a superficie que quedou descuberta foi especialmente extensa.

 A acción do mar sobre a turba provocou o desprendemento de numerosos fragmentos que quedaron depositados na parte alta do areal.
 
Ao longo do inverno estes fragmentos foron disgregándose deixando á vista restos óseos dos animais que habitaron este bosque hai uns 8000 anos.
A aparición deste tipo de restos é algo excepcional en Galicia debido á acidez do solo, que impide a súa conservación. A turba, que actúa como conservante, permitiu que estes restos chegasen até nós.
 Na primavera comezamos a ver polo areal as rodeiras de pas mecánicas que pisaron os restos da turba e mesmo estiveron a piques de destruír varios ósos.

 Varias persoas, que adoitan pasear por este areal, recolleron ósos procedentes da turba e
entregáronos a unha representante do CEMMA na Mariña (Coordinadora para o Estudo dos
Mamíferos Mariños).
 Entre os ósos entregados destacan fragmentos de mandíbula e cornamenta de cérvidos.
A comezos de verán, no transcurso do acondicionamento da praia, unha pa mecánica retirou unha gran cantidade de fragmentos de turba, susceptibles de conservar restos óseos.
Tamén se realizaron movementos de area para encauzar tanto o río da Barranca coma un rego que se atopa xunto ao río. Estas prácticas poñen en perigo a turbeira e os restos que conserva; por iso, Mariña Patrimonio vén de solicitar ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia a inclusión da turbeira de Arealonga no inventario de xacementos arqueolóxicos co obxectivo de que se protexa e se evite calquera acción que a poida danar.

7/09/2015

Danos na tumba medieval da praia de Coto (Barreiros)

En maio de 2014 dábamos a coñecer a existencia dunha tumba medieval labrada na rocha na praia de Coto (Barreiros); hoxe falamos de novo desta tumba porque, lamentablemente, o mar levou unha parte dela.
 








Fraga das Vigas

 Durante o roteiro do pasado domingo pola Fraga das Vigas.



Durante o roteiro do pasado domingo pola Fraga das Vigas

6/24/2015

NOVO ESPOLIO NO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE ESTABAÑÓN -VIVEIRO

  ADEGA, MariñaPatrimonio e Pensamento e Sementeira presentamos no Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil unha denuncia polo posible espolio na vila romana de Estabañón, situada na praia da Area do concello de Viveiro
Unha vez máis, este importante sitio arqueolóxico foi vítima da acción irresponsable e ilegal dos “caza-tesouros” que, nesta ocasión, escavaron na zona en que o Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente realizou en 2007 unha cata arqueolóxica. Esta cata no seu momento foi ridiculamente protexida e na actualidade atópase totalmente desprotexida, tal e como temos xa denunciado noutras ocasións.
Sen dúbida, un xacemento importante coma este, sen ningún tipo de protección, con catas abertas e con material arqueolóxico á vista, constitúe un reclamo para os furtivos do Patrimonio.
Lamentablemente, os espoliadores, os temporais e as desafortunadas intervencións de Costas están afectando gravemente o xacemento de Estabañón.
Por iso, as asociacións denunciantes demandamos novamente á Dirección Xeral de Patrimonio Culturas que se adopten con urxencia as medidas necesarias que eviten a desaparición e o espolio deste ben patrimonial.

4/08/2015

A XUNTA NON AUTORIZA O PROXECTO DE ESCAVACIÓN ENCAMIÑADO A PROTEXER O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS


O proxecto presentado por varios colectivos culturais non consegue a autorización
que permitiría o estudo, a documentación e a recollida de restos cerámicos do forno romano de Esteiro, situado na zona da Praia das Catedrais.

Tras os temporais de 2014 que afectaron gravemente o xacemento romano da zona da Praia das Catedrais, oito asociacións culturais contactamos coa Dirección Xeral de Patrimonio, non só para informar sobre a situación crítica na que se atopaba o sitio arqueolóxico, senón tamén para demandar unha intervención de urxencia que evitase a desaparición dos restos arqueolóxicos e que permitise obter a información científica que agocha o forno romano de Esteiro. 
Conscientes de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta non ía actuar coa rapidez necesaria, os oito colectivos culturais decidimos aunar esforzos para contratarmos un equipo de arqueólogos que realizase a demandada intervención arqueolóxica. Con este obxectivo en febreiro de 2015 enviamos a Patrimonio o noso proxecto de intervención, ao tempo que solicitabamos a pertinente autorización.

Debido á tardanza dunha resposta por escrito e despois de coñecer que a Xunta non estaba disposta a ver danada a súa imaxe delegando na sociedade civil a protección dun xacemento arqueolóxico, o pasado mes de marzo decidimos iniciar unha campaña para informar á opinión pública sobre a precaria situación na que se atopa o xacemento arqueolóxico de As Catedrais.

Coincidindo coa posta en marcha da campaña informativa, Patrimonio contactou telefonicamente con nós para comunicarnos que permitiría a nosa intervención arqueolóxica, unha vez que enviásemos as autorizacións do Servizo de Costas e do propietario do terreo. Pero este trámite non o chegamos a realizar, a pesar de contarmos cos citados permisos, por mor das modificacións que Patrimonio esixe no noso proxecto.

MODIFICACIÓNS INASUMIBLES

O proxecto de intervención arqueolóxica presentado na Xunta consistía na realización dunha cata de 3x3m, coa intención de recoller os materiais arqueolóxicos, documentar as estruturas do forno e averiguar se existen outras estruturas anexas ao xacemento. Posteriormente, a cata sería novamente tapada e, cos datos obtidos, avaliaríase se cumpría adoptar outras medidas, tales como o traslado das estruturas atopadas ou a construción dunha escolleira de protección. Estas novas medidas, de seren necesarias, deberían levalas a cabo Costas, Patrimonio ou o Concello.

Malia a que expertos consultados e os arqueólogos contratados consideran este proxecto como o máis axeitado, nunha recente comunicación da Dirección Xeral de Patrimonio indícasenos que cómpre “modificar as dimensións da sondaxe”, así como “executar unha pequena escolleira diante das escadas e da zona escavada”.

Arqueólogos consultados sobre estes requisitos esixidos pola Xunta consideran que cunha cata arqueolóxica reducida, como propón Patrimonio, non abondaría para recoller os materiais arqueolóxicos, non se poderían documentar as estruturas e sería imposible saber se o xacemento ten continuidade, polo que carecería de sentido facer unha intervención da que non se van obter resultados.

En canto á construción da escolleira que se nos esixe, o seu custe é para nós inasumible, como moi ben sabe Patrimonio, polo que pode que precisamente por iso se nos impoña como unha das condicións para autorizarnos a escavación.

En definitiva, a Xunta non autoriza o proxecto de intervención presentado e ao mesmo tempo os colectivos promotores non podemos asumir as modificacións que nos esixe Patrimonio; por iso as asociacións que pretendiamos colaborar na conservación, no estudo e posta en valor do xacemento das Catedrais vémonos na obriga de renunciar á intervención arqueolóxica.

Con todo, non podemos deixar de amosar a nosa satisfación por ter logrado que a cidadanía coñeza a existencia e a importancia do xacemento das Catedrais, así como o estado crítico no que se atopa.

Tamén nos satisface que Patrimonio coñeza a importancia deste xacemento e que sexa consciente de que o mar acabarao destruíndo se a Administración non actúa. Daquela, confiamos e agardamos que o motivo polo que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural rexeita a nosa colaboración non sexa outro que o desexo de executar pola súa banda un proxecto mellor o antes posible.

No entanto, se a Xunta non actúa e tampouco nos deixa facelo a nós, a opción que queda é que o mar leve o xacemento das Catedrais; e iso, ademais de indignante sería vergoñento.