A
través da súa disertación, ante un nutrido número de persoas,
Quintía fixo público o resultado dun pequeno pero interesante
traballo de investigación encargado por Mariña Patrimonio, e
realizado o pasado ano 2021, que pretende valorizar a nosa cultura
mitolóxica, así como a súa divulgación.
Logo
dunha introdución para resaltar a trascendencia do patrimonio
inmaterial dentro do conxunto do patrimonio cultural de calquera pobo
como elemento esencial da súa identidade, Quintía foi relatando de
xeito moi didáctico, e cunha boa dose de humor, algúns dos exemplos
recollidos en diferentes concellos mariñáns a xeito de pequena pero
relevante mostra da enorme riqueza mitolóxica desta comarca,
concretamente nos concellos de Ribadeo, Trabada, Barreiros, Cervo,
Xove e Viveiro.
Resaltou
Quintía o feito de que Galicia carece dun inventario de bens
culturais inmateriais, que só posúe Andalucía, e sobre a
necesidade de preservar o inmenso e valioso patrimonio mitolóxico
galego, seguramente un dos máis ricos e aínda vivos de Europa. Un
patrimonio desgrazadamente en acelerado proceso de extinción debido
a que van desaparecendo as persoas que o poden transmitir e á falta
dun traballo sistemático de documentación do mesmo.
Por
último, o noso agradecemento ao Museo Histórico de Sargadelos por
cedernos unha vez máis o seu agradable espazo para realizar este
acto, e tamén á Área de Cultura da Deputación de Lugo sen cuxa
colaboración non sería posible levar a cabo este tipo de
iniciativas.
O
Valadouro esperta grande interese. Isto é o que podemos deducir da
masiva resposta á convocatoria que Mariña Patrimonio realizou para
visitar o seu patrimonio, o que nos obrigou, lamentablemente, a
pechar a admisión e ter que rexeitar numerosas solicitudes de
participación. O programa respondía en boa parte a unha liña
temática moi atractiva, proposta polo noso guía Xesús Pisón: a
vinculación de moitas das igrexas e da imaxinería relixiosa a
cultos precristiáns relacionados coa fertilidade, as deidades e
seres mitolóxicos femininos, profundamente implantados no noso país
antes da chegada do cristianismo e aínda hoxe presentes na tradición
oral.
Con
este fío condutor, visitamos pola mañá a Igrexa
de Santa Cruz,
construída sobre un castro a partir dun antigo templo suevo do
século V e vinculada posiblemente á pequena fonte das Curuxeiras ou
de Santa Helena, próxima á igrexa, da que a tradición oral aínda
conserva lendas referidas ás ninfas e deidades femininas que a
habitaban.
A
continuación, visitamos a Igrexa
de Bacoi,
que tamén ten vínculos á mitoloxía asociada ás fontes e á
fertilidade, e que posúe un fermosísimo retablo barroco que por si
mesmo xustifica sobradamente a visita.
Facendo
unha paréntese no tema que fiaba as visitas, tivemos a ocasión de
visitar o maxestuoso Pazo
de Carrocide
grazas á xenerosidade dos seus propietarios, Carmucha e o seu fillo
Juanjo, a quen expresamos a nosa gratitude por amosarnos a súa
fermosa capela e as estancias principais do pazo, en especial o
marabilloso salón que posúe unhas pinturas ao fresco en moi bo
estado de conservación.
A
xornada de mañá rematou cun breve paseo e a correspondente caña
pola vila de Ferreira, que viña de celebrar o seu mercado semanal, e
un espléndido xantar no Asturias,
que non nos decepcionou.
Xa
preto das cinco iniciamos as visitas da tarde, á Pena
Abaladoira,
na parroquia do Pereiro; un bolo granítico máis no medio desta
paraxe que constitúe un auténtico festival de morfoloxía granítica
ao pé do Pico do Cadramón. A este penedo, pola súa capacidade de
ser abalado, atribuíuselle ao longo da historia unha serie de
propiedades máxicas, entre as que destaca a de propiciar a
fertilidade feminina. Non pasou a ocasión sen que o grupo conseguise
abalar a pedra e, quen sabe se acabará nun feliz desenlace ao cabo
dos nove meses…
Preto
deste lugar, xa na parroquia do Cadramón, rematou a xornada no
templo máis antigo do Valadouro, a capela
de Santa Filomena,
resto dunha igrexa románica do século XI, sobre un templo anterior
prerrománico, que só conserva a ábsida ou presbiterio e o arranque
dos muros da que foi a nave da igrexa parroquial do Cadramón,
Labrada e Silán ata o século XIX, data en que foi desmantelada e as
súas pedras reutilizadas na construción da igrexa parroquial de San
Xurxo, quedando en estado de semiabandono. Este templo igualmente ten
a súa orixe no culto á fertilidade, cristianizada e presente tanto
nos canzorros que conserva coma na súa advocación principal a Santa
Filomena e outras imaxes como a Santa Ana.
Na
actualidade, a capela, que alberga importantes pinturas góticas do
século XVI, permanece no esquecemento por parte das institucións
responsables, a pesar dos esforzos dos veciños que a manteñen a
duras penas custeando eles mesmos as reparacións indispensables.
Desde Mariña Patrimonio facemos un chamamento ao Bispado de
Mondoñedo, responsable directo, á Dirección Xeral de Patrimonio da
Xunta de Galicia e ao Concello de O Valadouro, como corresponsables
da súa conservación, para que se lle preste a atención que precisa
urxentemente esta xoia patrimonial, probablemente a máis importante
do Valadouro.
O
noso agradecemento ao párroco do Valadouro, D. José Ángel
Fernández, por autorizarnos as visitas, así como ás persoas
responsables de abrir e pechar os templos de Santa Cruz de Bacoi e de
Santa Filomena, pola súa desinteresada colaboración. Finalmente, o
noso agradecemento a Xesús Pisón, que conseguiu darlle a esta
visita unha perspectiva tan fermosa como interesante.
Mariña Patrimonio estamos organizando para o próximo sábado día 1 de outubro unha visita polo patrimonio do Valadouro,que terá como fío condutor os cultos precristiáns á fertilidade. Nesta saída contaremos coa colaboración do dramaturgo Xesús Pisón, que fará de guía durante todo o percorrido. Está previsto visitarmos, en xornada de mañá, a Igrexa de Santa Cruz, a Igrexa de Bacoi e o Pazo de Carrocide (Lagoa); en xornada de tarde, a capela de Santa Filomena (O Cadramón) e a Pedra Abaladoira (O Pereiro).
A data límite para apuntarse remata o martes 27 de setembro.
O
pasado domingo 18, Mariña Patrimonio organizou unha nova excursión
cultural. Nesta ocasión, o grupo composto por 23 persoas de
distintos puntos da comarca, e guiados en todo momento polo
arqueólogo Luis Gómez Souto, viaxou ás Pontes de García Rodríguez
para coñecer o seu patrimonio cultural, centrado no seu pequeno pero
interesante casco medieval así como na etnografía e a arqueoloxía,
tanto prehistórica como industrial contemporánea.
Iniciouse
a xornada cunha visita da man do seu guía Ismael á Igrexa
de Santa María,
situada no mesmo centro histórico da vila; un templo que ao longo da
súa historia, iniciada sobre o século XIII, foi ampliado e
modificado en distintas etapas ata o peculiar aspecto actual. Garda
un marabilloso retablo barroco e conserva pezas de imaxinería
relixiosa de gran valor.
A
continuación, na mesma praza, o grupo puido visitar e percorrer o
coidado e fermoso Museo
Etnográfico Monte Caxado,
guiados polo seu creador e impulsor José María López Ferro, un
home que adicou gran parte da súa vida a recoller e musealizar un
numerosísimo e variado fondo de materiais que nos permiten manter na
memoria a vida da comarca das Pontes e mesmo doutras zonas próximas.
A
mañá completouse coa visita guiada polo noso guía e arqueólogo á
exposición arqueolóxica “Man a man”; unha pequena pero
interesante mostra de materiais recollidos no territorio municipal e
pertencentes ao período comprendido entre o Neolítico e a presenza
romana. Uns restos que nos permiten obter unha visión completa do
patrimonio arqueolóxico antigo do Concello de As Pontes.
Logo
dunha opípara comida no Mesón
O Puxigo,
o grupo acometeu a xornada de tarde cun paseo polas dúas pontes
medievais que dan nome á vila e por algúns edificios e rúas
singulares da vila medieval. A continuación, desprazámonos cara ás
inmediacións do lago artificial das Pontes, onde o noso guía fixo
unha explicación sobre o nacemento e evolución da actividade
mineira e industrial da vila, que propiciou o seu crecemento urbano
planificado. Así mesmo, falounos arredor do importante impacto da
mina de carbón e das diferentes industrias vinculadas ao seu
aproveitamento sobre un territorio que posúe unha importante
presenza prehistórica, como se pode apreciar nos numerosos campos de
mámoas que marcan unha rede de camiños históricos de gran
relevancia que atravesan este concello.
Por
último, queremos amosar o noso agradecemento a Isma, que actuou como
guía na igrexa e realizou unha exhaustiva descrición da mesma; ao
profesor López Ferro, pola súa disposición para guiarnos
persoalmente no museo, e ao noso guía ao longo de toda a xornada,
Luís Goméz Souto, pola súa xenerosidade e dispoñibilidade o que
nos permitiu marchar cun coñecemento moi completo sobre esta vila
que todos asociamos á actividade mineiro-industrial, pero que posúe
un interesantísimo pasado medieval que sorprendeu á maioría do
grupo.
O
pasado sábado 9 de xullo levouse a cabo a actividade programada por
Mariña Patrimonio e o Concello de Foz sobre a minaría de ouro
romana. Como estaba previsto, realizouse en xornada partida. Pola
mañá, o arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo,
impartiu a conferencia “A minaría aurífera romana” na Casa da
Cultura de Foz e á que asistiron unhas 45 persoas. A exposición,
moi ben ilustrada e de gran valor didáctico, permitiunos comprender
o proceso de extracción do ouro, tanto na etapa prerromana, durante
os dous últimos milenios anteriores á era cristiá - que se
realizaba bateando as areas dos ríos- como, e sobre todo, a
explotación industrial masiva e sistemática acometida polos romanos
en todo o noroeste da Península e que chegou a proporcionar o 7% da
produción de ouro do Imperio.
Merayo
explicou detalladamente o proceso de extracción do ouro, tanto nos
xacementos primarios como nos secundarios, como é o caso da mina da
Espiñeira, un dos complexos mineiros máis extensos do noroeste, que
abrangue as dúas beiras do río Masma, repartida entre os concellos
de Barreiros e Foz.
Na
xornada de tarde participou un numeroso grupo de persoas, arredor de
60, convocadas no Campo da Feira da Espiñeira para percorrer unha
das zonas da mina que recentemente quedaron á vista, grazas á corta
dunha parte do eucaliptal que cobre toda a mina actualmente. Merayo
guiou ao grupo explicando in situ como se realizaba o lento proceso
de erosión artificial da enorme masa de sedimentos que o río Masma
acumulou ao longo de millóns de anos. Esta erosión realizábase
mediante correntes de auga, que se lanzaban desde depósitos ubicados
na zona máis elevada do lugar. Previamente, os depósitos enchíanse
mediante múltiples canles, que traían auga por gravidade desde
diferentes captacións do territorio.
A
auga corrente arrastraba os materiais sedimentarios de diferentes
grosores, que conteñen unha ínfima proporción do prezado ouro en
partículas similares a finas areas. Estes eran conducidos mediante
un gran entramado de canalizacións cara ás zonas máis baixas que
rodean a mina, onde se decantaban as partículas auríferas polo seu
maior peso. Estas partículas mesturábanse con mercurio, logo
aplicábaselle calor e, finalmente, quedaba o prezado metal.
A
zona visitada conserva a complexa topografía de canles e
acumulacións de cantos rodados (murias), que os mineiros apartaban e
acumulaban para facilitar a circulación dos sedimentos máis finos
nos que viaxaban as partículas auríferas.
Cremos
que a actividade desenvolvida este sábado permite dar a coñecer
este xacemento importantísimo, tanto en dimensión como en valor
histórico. Un xacemento que xa fora citado polo enxeñeiro alemán,
Schulz, en 1835 e redescuberto por Mariña Patrimonio en 2013, o que
permitiu a súa inclusión no Catálogo de xacementos arqueolóxicos
de Galicia, feito fundamental para a súa protección.
Lamentablemente, só é posible apreciar esta enorme mina cando se
produce unha corta coma a que nesta ocasión nos permitiu realizar a
actividade.
Por
último, agradecemos ao Concello de Foz pola súa activa colaboración
na organización da actividade e por ter posto á nosa disposición
todos os medios necesarios para a realización da mesma. Así mesmo,
agradecemos ao ponente e guía, Iván Álvarez Merayo, o seu
entusiasmo e bo labor divulgativo.
O
vindeiro 9 de xullo terá lugar ás 11.30 na Casa da Cultura de Foz a
conferencia “A minaría aurífera romana” organizada polo
Concello de Foz e maila asociación Mariña Patrimonio. Esta
conferencia, que conta coa colaboración da Área de Cultura da
Deputación de Lugo, correrá a cargo do arqueólogo especialista en
minería romana, Iván Álvarez Merayo, que tamén fará de guía na
visita programada á mina de ouro romana da Espiñeira. A visita á
antiga explotación mineira arrancará ás 17.00 dende o Campo da
Feira de A Espiñeira.
A
Mariña luguesa é unha zona rica en explotacións mineiras antigas,
lamentablemente pouco coñecidas e escasamente estudadas. Unha mostra
da existencia destas explotacións auríferas na Mariña son as dúas
minas romanas localizadas pola asociación Mariña Patrimonio no ano
2013 na desembocadura do Masma. Concretamente, unha atópase na zona
de Covas (Barreiros) e a outra en A Espiñeira (Foz). O achado de
ambas explotacións foi notificado pola citada asociación á Xunta,
que incluíu en 2014 estes bens patrimoniais no catálogo de
xacementos arqueolóxicos de Galicia.
Respecto
ás minas de ouro romanas da desembocadura do río Masma, o enxeñeiro
Guillermo Schulz xa nos fala sobre esta explotación mineira da ría
de Foz - da que destaca a súa gran extensión - nunha publicación
do 1835 titulada Descripción geognóstica del reino de Galicia.
Na
visita organizada á mina de ouro romana da Espiñeira para a xornada
do sábado 9 de xullo, terase a oportunidade de ver, grazas á corta
do monte realizada recentemente nunhas parcelas situadas na antiga
explotación mineira, unha parte importante da que puido ser unha das
explotacións de ouro máis grandes de toda Galicia.
O
tempo non acompañou. Aínda así, 30 persoas responderon á
convocatoria de Mariña Patrimonio para visitar algúns dos lugares
máis reseñables do Vicedo. A visita foi deseñada e guiada polo
profesor Bernardo Penabade, burelés de adopción, máis nado na
parroquia de Grañas (Mañón), a quen agradecemos a súa
contribución fundamental no desenvolvemento desta actividade.
Durante
as actividades da mañá, Penabade foi auxiliado polo tamén profesor
e investigador Antón Niñe, a quen igualmente agradecemos a súa
colaboración pola información que nos achegou sobre as tres igrexas
que visitamos: San Pantaleón de Cabanas (Ourol), San Ramón de
Cabanas e San Pablo de Riobarba.
Os
tres templos responden a unha arquitectura similar, dotadas de
fermosas portadas góticas e a presenza constante da simboloxía
propia da Casa dos Andrade. Trátase de igrexas que sorprenden pola
súa magnífica factura, que revela a importancia económica e
relixiosa que estas parroquias tiveron no pasado.
Sorprende
gratamente o coidado estado da súa contorna, a pesar da escasa
poboación que actualmente reside no lugar. Un mérito que haberá
que atribuír á vecindade e ao seu párroco Cristobal Rivas, a quen
tamén agradecemos a súa colaboración por facer posible estas
visitas. Queremos sinalar, de paso, a necesidade que teñen estes
templos dunha maior atención por parte das autoridades responsables
deste valioso patrimonio, para iniciar a restauración destes
edificios, dos seus retablos e das posibles pinturas murais que
puidera haber nalgunha delas. Conviña identificalas canto antes e,
de ser o caso, protexelas legalmente, a fin de frear o seu deterioro.
Na
xornada de tarde, Penabade fixo tándem con Hixinio Puentes, Cronista
Oficial de Mañón e bo coñecedor da historia local; unha historia
moi relacionada coa industria da salga de sardiña, que acadou gran
desenvolvemento desde mediados do século XVIII na vila do Vicedo.
Coa
interesante información de Hixinio, o grupo realizou un agradable
paseo ata o Vicedo Vello e a súa praia, agora moi popular pola súa
area branca, derivada do caolín que procede dunha industria de
lavado desta arxila que funcionou na súa ribeira. Cómpre sinalar
que a praia do caolín tende a relacionase erroneamente coa
edificación que máis presenza ten nese lugar, unha antiga fábrica
de salga, probablemente a máis antiga do Vicedo, antecedente das que
se atopan no Vicedo novo. Algunas delas foron trasformadas en
fermosas casas e outras permanecen en estado ruinoso. Hixinio
relacionou estas industrias coa chegada, desde mediados do século
XVIII, dos fomentadores cataláns, responsables do desenvolvemento da
industria conserveira por todo o litoral galego.
Celebramos
e agradecemos, finalmente, a presenza nesta visita do actor oriundo
da parroquia de Cabanas, Pepe Penabade, que nos aportou as súas
vivencias de infancia e xuventude nestas terras, hoxe esquecidas,
pero posuidoras de tesouros patrimoniais que cómpre conservar.
Cunha
nutrida asistencia, unhas 60 persoas, celebrouse o pasado sábado
esta conferencia a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé,
especialista en cerámica da época galaico romana. Bartolomé ten
estudados e documentados boa parte dos restos atopados nas
escavacións realizadas no castro de Punta Atalaia aló polo ano
2008; restos materiais que permanecen almacenados nun depósito a
falta dun espazo museístico no que debían estar expostos ao
público.
O
conferenciante fixo unha ampla descrición dos numerosísimos
materiais documentados, seguindo a cronoloxía do prolongado período
no que o castro estivo habitado: desde o século I a.C., propiamente
castrexo, ata o século VI, xa altomedieval, e pasando por unha
prolongada e fecunda etapa de romanización.
Sorprende
e resulta especialmente interesante a enorme cantidade e variedade de
materiais cerámicos atopados, de diferentes tipoloxías, calidades e
procedencias xeográficas, tanto polas zonas onde foron producidas as
pezas como polos posibles usos e mercadurías que transportaron.
Pódese inferir a partir deste estudo que o castro de Punta Atalaia
constitúe un dos fitos comerciais da costa galega e cantábrica nos
primeiros séculos da nosa era e, particularmente, no período
tardorromano, séculos III a V, no que rexistrou unha importantísima
actividade comercial.
Ademais
da intensidade comercial cabe destacar a enorme diversidade e
amplitude xeográfica que acadaron estas relacións comerciais, posto
que se atopan cerámicas procedentes de lugares tan afastados como o
Oriente Medio, o norte de África (Túnez), o sur e oeste da
Península Ibérica e, polo norte, todo o golfo de Biscaia, a
Aquitania e as Illas Británicas.
Todos
estes datos constitúen un importante avance no coñecemento da
historia antiga e altomedieval da nosa comarca e de Galicia. Porén,
hai aínda moito que documentar e coñecer sobre este xacemento,
tanto a partir dos restos xa recollidos coma dos que están baixo
terra e que esperemos poidan ser recollidos e documentados en futuras
escavacións. Mariña Patrimonio puxará para que este importante
legado vaia aflorando en forma de coñecemento da nosa historia.
Comezamos coas
actividades programadas por Mariña Patrimonio para o 2022 retomando
unha conferencia, cancelada no pasado mes de novembro, a cargo do
arqueólogo Roberto Bartolomé, que nos falará sobre os restos
cerámicos atopados no xacemento da Atalaia (San Cibrao). A
actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da
Deputación de Lugo, celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio ás
18:30h no Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos.
Dende o 2006, no
xacemento de Punta Atalaia téñense realizado diversas intervencións
arqueolóxicas, que demostraron a existencia dun importante
asentamento galaico-romano así como a reocupación do lugar na Idade
Media. Un dos aspectos máis relevantes destas intervencións é o
abundante e variado conxunto de materiais cerámicos atopados no
transcurso das escavacións. Este material cerámico amósanos a
importante actividade comercial que se desenvolveu dende a Atalaia
con Lugo e maila Meseta, ademais de conexións comerciais co
Atlántico – Cantábrico e co Mediterráneo.
Sen dúbida, as persoas
que se acheguen o vindeiro sábado ao Museo Histórico da Casa da
Administración de Sargadelos sorprenderanse da interesante
información que revelan os restos cerámicos atopados no xacemento
arqueolóxico de Punta Atalaia.
En outubro de 2012, desde Mariña Patrimonio informamos á Dirección Xeral de Patrimonio sobre unha corta do monte no castro de As Engrobias (San Martiño- Foz). Ademais, alertábamos de que unha posible repoboación no xacemento podería danalo gravemente. Nesta ocasión, Patrimonio actúa correctamente e impide que se volva plantar sobre o castro.
En 2017, sendo alcalde Javier Jorge Castiñeira, o Concello de Foz compra os terreos do castro de As Engrobias, no que hoxe puidemos ver, con satisfación, os traballos arqueolóxicos que alí se realizaron estes días da man da Dirección Xeral de Patrimonio e mailo Concello de Foz.