7/19/2010

Nota de prensa de MariñaPatrimonio sobre os acordos da Dirección Xeral de Patrimonio en relación co castro da Atalaia

Coñecidos os acordos da Dirección Xeral de Patrimonio en relación co castro da Atalaia, MariñaPatrimonio quere expresar a súa satisfación tras conseguir que a Xunta de Galicia decida conservar o xacemento e recoñeza o seu extraordinario valor arqueolóxico.

Queremos en primeiro lugar felicitar os veciños de San Cibrao que se opuxeron á destrución deste xacemento así como felicitar tamén a todas as persoas e asociacións que colaboraron na defensa do castro.

Por suposto, felicitamos á Dirección Xeral de Patrimonio pola súa atinada decisión e recoñecemos o esforzo do señor alcalde, Alfonso Villares, por enmendar os gravísimos erros cometidos polo anterior equipo de goberno, do que formaban parte José Insua, José manuel Balseiro e o propio Alfonso Villares, ao conceder as licenzas de obra, malia coñecer a existencia dun xacemento arqueolóxico, e ao non acatar a orde de paralización ditada por Patrimonio. O resultado destas accións foi a destrución de 1600m2 deste excepcional xacemento.

MariñaPatrimonio volverá solicitar unha reunión co Conselleiro de Cultura para, ademais de achegarlle os nosos parabéns pola decisión adoptada, nos garanta que non se vai permitir ningunha nova construción enriba do xacemento, dado que queda claro tanto nos acordos da Comisión Provincial de Patrimonio como nos informes dos técnicos de Cultura así como nos acordos da Dirección Xeral de Patrimonio que a conservación dos restos é incompatible cos proxectos construtivos. En definitiva, agardamos que estes acordos non dean pé a interpretar a posibilidade de construír cun novo proxecto ou co xa existente, pero maquillado. A conservación do xacemento é incompatible con calquera proxecto urbanístico.

Así mesmo, MariñaPatrimonio continuará traballando para que se clarifique o nivel de responsabilidade do Concello na destrución do Patrimonio por outorgar licenzas presuntamente ilegais e non obedecer a orde de paralización ; do construtor pola presunta destrución de patrimonio arqueolóxico inventariado ;da empresa de arqueoloxía contratada polo construtor que realizou as escavacións e do anterior equipo de Patrimonio da Xunta de Galicia por presuntas irregularidades.

A nosa asociación estima que o castro da Atalaia pode chegar a ser o gran referente arqueolóxico do norte de Galiza e apoiará todas as accións que a Xunta de Galicia e o Concello de Cervo leven a cabo para acadar este obxectivo.

Sem comentários: