Concello e construtor non cumpren coas súas obrigas e Patrimonio entérase dos estragos producidos no castro da Atalaia, grazas á acción dos veciños e de MariñaPatrimonio.
MariñaPatrimonio informou o 28 de xuño de 2010 ao servizo de patrimonio cultural sobre a caída dun muro nunha das vivendas do castro da Atalaia por mor das intensas choivas rexistradas na pasada primavera.
Trala visita ao xacemento realizada polo arqueólogo da Xunta, a xefa de servizo de patrimonio cultural remitiunos un escrito onde se nos informa que “ o muro afectado pertence á vivenda mellor conservada” e que “ ao inundarse a zona debeu producirse o seu colapso”; engade ademais, e é o máis preocupante, que “non se pode descartar que o derrubo fose provocado(...) xa que unha das portas fora forzada e incluso depositárase escombro preto das estruturas arqueolóxicas”.
Dende a Dirección Xeral de Patrimonio instan ao Concello á “adopción de medidas que garantan que non se volva producir a entrada nos solares de xente non autorizada” e lembran que unha resolución desta Dirección Xeral obriga o contrutor “a adopción de medidas de protección, co tapado provisional dos restos arqueolóxicos”.
Estes feitos, derivados da meteoroloxía adversa ou pola acción imprudente dalgunha persoa, evidencian a vulnerabilidade do xacemento e o seu deterioramento.
MariñaPatrimonio apoia esta resolución do Director Xeral do Patrimonio Cultural posto que o tapado provisional é a medida máis acaída para protexer as estruturas das inclemencias climatolóxicas así como dos posibles desaprensivos. Asemade, esíxelle a Patrimonio un maior control do que suceda no castro, ao construtor que cumpra canto antes a resolución de Patrimonio e ao Concello que, tal e como recolle a Lei, tome as medidas cautelares necesarias para protexer este ben patrimonial .
Tendo en conta os beneficios que o castro da Atalaia lle pode proporcionar a San Cibrao, cómpre que Patrimonio, construtor e Concello cheguen canto antes a un entendemento para que sexa posible comezar os traballos de recuperación e posta en valor deste importante xacemento.
1 comentário:
Non me cabe a menor dúbida que a culpa é do equipo de goberno do Concello e do constructor a partes iguais. Dos concelleiros por permitir tal aberración. É sabido que o edificio colindante xa está afectado por unha sentenza que obriga ao seu derrubo. Por que se lle deu licenza de construción? E é responsabilidade do constructor porque sen lugar a dúbida fixo o posible porque se deteriorara a excavación. Cando comezou a obra fixo toda a excavación sen apuntalar as marxes e, xa daquela, houbo corrementos de terras do lado do castro.
Enviar um comentário