7/12/2010
Asociacións culturais da Mariña chaman a homenaxear o Martes 13 a Rosalía de Castro en Burela
As asociacións culturais da Mariña organizan o vindeiro Martes 13 de Xullo a partir das 20:00 h no Parque Rosalía de Castro de Burela un acto de homenaxe a Rosalía de Castro coincidindo co 125 aniversario da morte da nosa poeta nacional. Este acto responde a intención do movemento cultural da Comarca de dignificar, divulgar e poñer en valor a obra desta grande escritora así como reivindicar o uso público e o carácter laico do panteón de Santo Domingos de Bonaval onde está enterrada e que ven de ser fechada ao público polas autoridades eclesiásticas.
Os colectivos culturais convocantes do acto consideran fundamental lembrar o patrimonio que nos legou esta grande galega que non se cingue só a unha obra poética aínda hoxe non superada e que a cada vagada cobra máis actualidade senón ao conxunto do seu corpo literario e tamén da súa actitude vital, que senta as bases para a recuperación escrita do idioma que nos é común e nos identifica como galegos e galegas.
O acto a celebrar en Burela o Martes 13 consistira nunha lectura de tres textos de Rosalía a cargo do escritor Miguel Sande, da xornalista Olga Castro e do pintor Celso Dourado cuxas intervencións intercalaranse con actuacións musicais a cargo do grupo burelés Dambara. Asemade as asociación organizadoras do acto darían lectura ao poema de Curros “Na morte de Rosalía” como reivindicación da autora homenaxeada e tamén como demanda da actualidade e da vixencia das esixencias do poeta de Celanova.
As asociación que organizan este acto chaman a toda poboación da Mariña a sumarse a esta homenaxe en Rosalía a Burela e considera prioritario a participación nesta actividade festiva do maior número de persoas posíbel, tanto polo necesario recoñecemento de Rosalía de Castro como pola urxente reivindicación da apertura do Panteón de Galegos Ilustres, baixo unhas mínimas condicións en canto a horarios, titularidade e aconfesionalidade do recinto
Asemade os colectivos convocantes que tamén están adheridos a Plataforma nacional que promove unha homenaxe nacional para o 15 de Xullo en Compostela a Rosalía queren convocar a todos os mariñaos a participar desta xornada en Compostela e lembrar que haberá autobuses desde A Mariña para acudir a Compostela. Aquelas persoas que pretendan acudir a manifestación poden chamar ao Tlf:608-555-010.
AC. Francisco Lanza. C.Cultural Ollomao, AC. A Pomba do Arco, C. Cultural Buril, MariñaPatrimonio, AC. Arrincadeira, AC. O Milleiro, Irmandade San Caetano, AC.Mardouro, AC. Anduriña.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário