De
forma conxunta, catro asociacións luguesas Cultura do País, ADEGA,
Buril e Mariña Patrimonio-, todas elas comprometidas na divulgación
e defensa do patrimonio natural, histórico e cultural do país,
organizaron un roteiro arqueolóxico con dobre intención: por unha
banda dar a coñecer algúns dos sitios arqueolóxicos da Mariña,
neste caso relacionados co ouro, e por outra, reivindicar o retorno
da colección Álvaro Gil ao Museo Provincial de Lugo, despois de que
esta institución pública perdese por sentenza xudicial a súa
custodia. Unha sentenza que priva á cidadanía dun patrimonio
histórico que nunca debeu caer en mans privadas posto que nos
pertence a todos.
Como
se está a demostrar cos recentes descubrimentos, A Mariña
constituiu na antigüidade un importante centro de produción
aurífera, de aí a importancia dos achádegos, especialmente de
torques, con que conta esta comarca.
A
xornada comezou de mañá coa visita a impresionante mina romana de
ouro da Espiñeira, que se estende entre os concellos de Foz e
Barreiros, nunha superficie aproximada de 150 hectáreas. Manuel
Miranda, presidente de Mariña Patrimonio guiou a visita do grupo,
composto dunhas 60 persoas, procedentes da capital lucense e da
propia comarca mariñana. A mina da Espiñeira foi unha explotación
aurífera de carácter industrial a gran escala, utilizando auga a
presión para producir arrastres de terreos aluviais próximos á ría
formada polo Masma.
O
roteiro continuou en Foz, visitando o castro costeiro do Carreiro que
ocupa unha boa extensión do litoral entre as praias de A Rapadoira e
Llas. Este castro, que forma parte dun conxunto de tres castros na
parroquia de Marzán, ten tamén vestixios de minería romana do
ouro, nas súas galerías subterráneas que servían para a
exploración de vetas minerais e que saen ao exterior no propio
cantil costeiro, perfectamente visible desde o paseo marítimo que
atravesa o castro. Deste complexo castrexo procede o torques de
Marzán, que custodia o Museo Provincial.
De
camiño a Burela, houbo parada no castro de Fazouro, non tanto pola
súa relación co ouro, senón por ser este o único escavado e
visitable. Xa en Burela, o grupo aproveitou para realizar unha visita
aos restos do hipocausto, un sistema de calefacción posiblemente
dunha casa romana, que fora descuberto con motivo das obras da nova
estrada de acceso ao porto. Procedeuse a limpar o lugar de lixo,
materiais plásticos, palets e ata un colchón, que evidencian o
vergoñante estado de abandono e deterioro no que se atopa este
xacemento, que supostamente debería estar protexido polas
administracións responsables, tanto autonómica como municipal.
A
xornada rematou pola tarde coa visita ao castro do Cabo e ás
coñecidas como “Tetas da Viculeira”, que algúns arqueólogos
consideran torres monumentais que sinalan a entrada á fortificación
castrexa. Neste lugar, un neto da persoa que atopou a peza máis
importante da ourivería mariñana e que forma parte da colección
Álvaro Gil, o nomeado torques de Burela, explicou onde foi atopado e
outros detalles do achádego. Segundo o seu relato, o torques
permaneceu na casa da familia que o atopou un só día, xa que a
garda civil o veu reclamar de inmediato. Chama a atención que o seu
descubridor recibise unha irrisoria compensación económica para
acabar, por avatares fáciles de imaxinar pero difíciles de
xustificar, formando parte dunha colección privada á que a
legalidade vixente lle outorga unha exclusividade inexplicable que
priva á sociedade do seu lexítimo disfrute e aproveitamento
cultural.
http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157638705951365/
Sem comentários:
Enviar um comentário