5/02/2014

MARIÑAPATRIMONIO INFORMA AO SERVIZO DE PATRIMONIO SOBRE A DESCOBERTA DUNHA POSIBLE TUMBA MEDIEVAL.

Mariñapatrimonio ven de comunicarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a existencia na praia de Benquerencia dunha posible tumba antropomorfa, labrada na rocha e de época medieval.
O pasado 20 de abril Pablo, veciño de Ribadeo, informou a Mariñapatrimonio de que na praia de Benquerencia, concello de Barreiros, vira unha rocha labrada que semellaba unha tumba medieval. Despois de visitar o lugar, a citada asociación contactou con varios arqueólogos, que coincidiron en que a rocha fora labrada pola man do home e descartaron totalmente a posibilidade de que se trate dunha oquedade natural. Así mesmo, as medidas: 1,60cm de longo; 40cm de ancho, onde irían os pés e 50cm no lugar dos ombreiros, coinciden coas medidas habituais neste tipo de sepulturas. Outro dato que salientaron os arqueólogos é a orientación da tumba, posto que estes enterramentos medievais maioritariamente estaban orientados oeste-leste, coma se o defunto mirase
cara á saída do sol.
Agora cómpre realizar os estudos pertinentes que ratifiquen esta hipótese e que, de confirmarse, estariamos ante un novo achado arqueolóxico descuberto grazas á colaboración de particulares, concienciados da importancia que ten dar a coñecer o noso patrimonio.

FOTOS: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157644267565392/

Sem comentários: