5/27/2019

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE MAÑÓN

Este sábado 25 de maio presentouse espléndido para o percorrido polo concello de Mañón, no que participaron máis dunha trintena de persoas convocadas por Mariña Patrimonio,

Durante o percorrido tivemos o privilexio de contar como guía e anfitrión de luxo co profesor mañonés afincado en Cervo e Burela, Bernardo Penabade. Da súa man iniciamos a visita en Bares, onde arrinca o Camiño dos Arrieiros, vía milenaria que comunicou esta vila de situación xeográfica estratéxica co interior de Galicia desde os tempos antigos.

Trala visita ao Semáforo, convertido en fermoso e romántico hotel, onde o seu xerente Javier Pardo nos contou como se produciu esta transformación, visitamos o Coído e os vestixios romanos da necrópole do Porto de Bares. Desde este punto, e seguindo o Camiño dos Arrieiros, despois dunha breve visita á igrexa nova da Vila de Bares, subimos á Garita, atalaia que permite extasiarse cunha espectacular panorámica da comarca máis septentrional da Península.
 
Despois de achegarnos ao Barqueiro, capitalidade actual do municipio, onde o grupo gozou dun refrixerio no Bar Queiro, a visita continuou na dirección dos arrieiros cara ó interior polos altos da Serra Faladora, vendo descorrer en paralelo pola nosa esquerda o río Sor, ata a parroquía de Mañón, antiga capitalidade municipal. Aquí puidemos coñecer, ademais da antiga feira, a igrexa parroquial de Sta. María, un templo moi especial polas súas importantes pinturas murais dos séculos XV e XVI. Neste lugar a restauradora Clotilde Lemoine, coautora do único estudo realizado sobre estas pinturas, que se conservan malia as desafortunadas obras de reconstrución da cuberta do edificio, ilustrou a visita sinalando a súa calidade e relevancia, asi como a necesidade de completar unha restauración que impida o seu previsible deterioro.
 

Despois dun contundente xantar en Casa Urbano, a seguinte etapa foi o conxunto da igrexa e casa reitoral do Campo das Grañas, unha modélica restauración promovida pola comunidade de veciños. Esta espléndida actuación patrimonial foi explicada por Jesús Pardo Novás, Cefucho, home que tivo un especial protagonismo no éxito da mesma. A actuación pretende ser continuada coa restauración das instalacións da antiga feira que se celebraba neste Campo das Grañas ao carón da igrexa.

Para completar a visita, o camiño dos Arrieiros retomou a nosa atención achegándonos ao Forno dos Mouros e ao tramo de Pena Branca, onde puidemos ver algunhas das 88 mámoas que se teñen computado desde Bares ás Pontes, sempre vinculadas a este ancestral camiño.

Dende Mariña Patrimonio queremos agradecer, ademais do mencionado labor dos guías, a colaboración do párroco de Mañón e dos veciños de Bares por facilitarnos a visita ás citadas igrexas.
 +FOTOS:https://photos.app.goo.gl/p2GmCySPzo996kye9

Sem comentários: