Os responsables da transformación
da fachada neste Ben de Interese Cultural non contarían coa
preceptiva autorización de Patrimonio.
A asociación Mariña Patrimonio
vén de denunciar perante a Consellería de Cultura e mais no
Concello de Cervo as intervencións que se están a desenvolver no
edificio circular da fábrica de Sargadelos. Neste complexo
industrial, que foi declarado Ben de Interese Cultural, coa categoría
de monumento en 2014, as mencionadas intervencións están a
transformar e desvirtuar o emblemático edificio de Sargadelos; unha
obra do arquitecto Andrés Fernández – Albalat que se construíu
no concello de Cervo en 1968 por encargo de Isaac Díaz Pardo e Luis
Seoane.
Segundo
a información da que dispón a asociación denunciante, os traballos
que se están a realizar na fachada do edificio non contan coa
preceptiva autorización da Consellería de Cultura nin coa necesaria
licenza municipal. Por todo isto, Mariña Patrimonio considera que
cómpre unha inmediata paralización das actuacións que se están
realizando na fábrica de Sargadelos e ademais entende que é
necesario volver ao estado orixinal a fachada deste importante ben
patrimonial.
Sem comentários:
Enviar um comentário