ADEGA
e Mariña Patrimonio lamentan que a Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural siga sen retirar do visor
de aproveitamentos forestais
da Xunta os datos errados da xeolocalización do patrimonio cultural,
facéndoa pasar como información oficial e fiable.
A
Mariña, 2 de xuño de 2020.- O
pasado 15 de maio, ADEGA e Mariña Patrimonio alertaban ás
Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura que a
actualización da información xeográfica do patrimonio cultural
vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galiza,
adoecía dun número considerable de erros de xeolocalización de
xacementos arqueolóxicos.
Vinte días despois da denuncia, a Consellaría de Cultura segue sen
contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os
erros detectados, e se vai facer unha revisión profunda e completa
da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio
cultural de Galiza no visor de aproveitamentos forestais, tal e como
lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio. Este organismo é o
único que fica por contestar á reclama de ADEGA e Mariña
Patrimonio, xa que ambos colectivos xa recibiron notificación da
Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a
través do Instituto de Estudos do Territorio, na que non desmenten a
existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría
de Cultura, nomeadamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Porén, malia que a
Xunta é plenamente consciente dos graves erros, tanto na
delimitación coma na xeolocalización de numerosos xacementos
arqueolóxicos, continúa recomendando o emprego do visor telemático,
como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización
á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente
protexidas. A última ocasión tivo lugar coa publicación do decreto
73/2020, do 24 de abril, da Consellaría de Medio Rural, co cal a
Xunta pretende axilizar e simplificar a execución de máis de
100.000 aproveitamentos forestais ao ano en montes de xestión
privada, e que entrará en vigor o vindeiro 9 de xuño.
ADEGA e Mariña
Patrimonio urxen de novo á Consellaría de Cultura a corrixir canto
antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos,
que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas
detectadas, esa ferramenta non é fiable nin recomendable como
información validada. Esta información que se fai pasar como
oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos
catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais
se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio
cultural.
10 casos destacados
no Norte da provincia de Lugo
Tras unha nova revisión
dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos
forestais, ADEGA e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10
erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da
provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para
mostrar a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación
oficial da Xunta de Galicia:
Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.
1. Castro de Quenllas do
Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do
xacemento.
2. Castro O Curveiro-Nois
(Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación
deste castro costeiro.
3. Castro de Meirengos
(Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala
como superficie protexida 0,5 Ha.
4. Castro da Vela (Xove):
A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no
visor de aproveitamentos forestais.
5. Castro
Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis
superficie ao castro da que ten. De
1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de
8,5 Ha.
6. Mina
romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta
antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor
de aproveitamentos forestais.
7. Castro
da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de
0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta
superficie a 4 Ha.
8. Mámoa de Tras As
Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de
forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está
situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por
tanto, quedan desprotexidas.
9. Arquela da Pruída
(Fonsagrada): A Xunta despraza esta mámoa 123 m da súa
localización real.
10. Antiga capela e
cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta
antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta
xeolocalización.
Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.
Sem comentários:
Enviar um comentário