11/05/2021

SOBRE A PRESENZA DE ESTRUTURAS CIRCULARES NA MARIÑA

Dende que en 2006 a escavación da Roda de Barreiros sacou á luz a existencia dun novo tipo de xacementos arqueolóxicos, descoñecidos ata o momento en Galicia, foron aparecendo e identificándose pouco a pouco novas estruturas circulares en todo o territorio galego. Na Mariña, da man da asociación sociocultural Mariña Patrimonio, descubríronse varios recintos que coinciden coas características destes círculos prehistóricos. Concretamente, no ano 2014 Mariña Patrimonio localizou na zona da Mourisca, en Cervo, dúas estruturas circulares duns 40 metros de diámetro. Trala descuberta destes dous xacementos, dita asociación solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio a catalogación e protección de ambos sitios arqueolóxicos; solicitude que foi rexeitada polo Servizo de Patrimonio de Lugo. En 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio corrixe ao Servizo de Lugo catalogando e protexendo as dúas estruturas circulares de Cervo, despois de que no 2016 Mariña Patrimonio denunciara graves danos na estrutura 2 da Mourisca por mor dunha plantación de eucaliptos.
Por outro lado, a Mariña conta coa estrutura circular de Xove, coñecida oficialmente co nome de “Lavandeira”. Malia a que, tanto en notas de prensa da Xunta de Galicia coma en artigos xornalísticos, se afirma que a súa descuberta se produciu no transcurso das obras da vía de altas prestacións, treito San Cibrao-Celeiro, o certo é que o recinto de Lavandeira foi descuberto en 2015 por membros de Mariña Patrimonio. Precisamente, o feito de non terse detectado o xacemento durante a construción da mencionada vía provocou que unha parte importante do recinto prehistórico quedara sepultado baixo 13.000 metros cúbicos de terra. A retirada desta terra, que se produciu despois de que a asociación mariñá informara á Dirección Xeral de Patrimonio sobre a existencia deste ben patrimonial – e tamén da súa afectación debido ás obras- supúxolle á Consellería de Infraestruturas un desembolso de 212.336,91€.

As intervencións arqueolóxicas realizadas nos anos 2017 e 2019 datan este sitio arqueolóxico de Lavandeira na Idade do Bronce.

 
Tamén en 2015, a asociación Mariña Patrimonio localizou no concello de Xove, concretamente nas proximidades de Vilachá, un “castro” duns 90 metros de diámetro que foi catalogado por Patrimonio como castro de Castelo. Mais, cos datos que se coñecen na actualidade sobre a morfoloxía e a ubicación das estruturas circulares, é posible que este “castro do Castelo” sexa en realidade unha estrutura circular da Idade do Bronce.

Así mesmo, en 2016, membros de Mariña Patrimonio detectaron en Vilagoíz (A Devesa- Ribadeo), mediante imaxes aéreas, un posible recinto circular de 100 metros de diámetro. Como sucede con moitas das estruturas circulares localizadas en Galicia, os labores agrícolas ao longo do tempo foron afectando e rebaixando o parapeto da estrutura de Vilagoíz, ata facelo case imperceptible in situ. Con todo, nas imaxes aéreas vese claramente o recinto, e mesmo semella que hai un segundo círculo. En todo caso, cumpriría facer neste lugar estudos arqueolóxicos para determinar se son realmente estruturas circulares prehistóricas.
Neste mesmo ano, Mariña Patrimonio localizou unha parcela, coñecida co nome de Campo da Roda, na parroquia de San Xulián de Cabarcos (Barreiros). Sobre o terreo, puideron observar os restos do que podería ser un recinto moi alterado e cunha abundante vexetación, que impedía ver a posible estrutura. Porén, nas imaxes LIDAR apréciase a existencia dun recinto circular duns 55 metros de diámetro que, de confirmarse, sería a segunda Roda do concello de Barreiros.

Por último, en 2017, a mencionada asociación descubriu no lugar de Ronchas, en Fontao (Cervo) outra posible estrutura circular. Un recinto duns 40 metros de diámetro no que se pode ver con claridade o parapeto que o rodea. Aínda que Mariña Patrimonio solicitou a catalogación deste xacemento, a Dirección Xeral de Patrimonio denegouna por silencio administrativo. Deste xeito, a estrutura circular de Ronchas quedou sen a protección que unha administración responsable debería proporcionarlle. 

Dáse a circunstancia de que, no transcurso dunha plantación de eucaliptos en 2020, a apertura dunha gabia a 200 metros do recinto circular sacou á luz un muíño barquiforme, dificilmente movible, debido ao seu gran tamaño e ao seu peso. A aparición deste muíño podería ser un indicio da existencia dun asentamento que podería estar relacionado con esta estrutura circular de Ronchas.
 
En definitiva, desde o 2006, data en que se empeza a ter constancia da existencia deste novo tipo de xacementos arqueolóxicos, na Mariña existen 2 estruturas circulares da Idade do Bronce (A Roda e Lavandeira), segundo confirmaron as escavacións arqueolóxicas; 2 catalogadas como estruturas circulares, pero sen escavar (Mourisca 1 e Mourisca 2) e 5 posibles recintos sen catalogar.



Fotos: https://photos.app.goo.gl/rzZm4TjSBRh3RjUe7

Sem comentários: