12/19/2022

O Coído: un xacemento da Idade do Bronce na Mariña

 

Unha vez máis o salón do Museo Histórico de Sargadelos, na Casa da Administración, acolleunos para desenvolver a última actividade pública de Mariña Patrimonio neste ano que remata. O motivo foi a presentación dos resultados da intervención arqueolóxica que a asociación promoveu en 2020 no Coído, nas proximidades do Polígono Industrial de Cuíña, grazas ao convenio que subscribimos anualmente coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

Unha presentación que tardou máis do previsto debido a dificultades técnicas, finalmente solventadas. Mª José Bóveda, arqueóloga e xerente da empresa Gabinete de Arqueoloxía, con quen contratamos a intervención, e María Martín, arqueóloga e directora da intervención, foron as relatoras nesta presentación pública. O relatorio iniciouse cunha contextualización da etapa, á que finalmente se atribíu a datación do xacemento, a Idade do Bronce; un período do que temos escasos restos materiais, debido a que a poboación construía con madeiras e outros materiais perecedoiros dos que non quedou rastro visible. María José Bóveda completou esta contextualización cun repaso visual dalgúns restos relevantes de achados culturais do bronce no noroeste peninsular, resaltando a escasa información existente sobre esta etapa da historia antiga.

A continuación, María Martín realizou unha exposición do proceso de intervención no Coído e dos materiais atopados, destacando a gran densidade de cerámica localizada, especialmente na primeira das catro catas realizadas, ata superar os 2.000 fragmentos cerámicos. Unha proporción moi superior á habitual nestes xacementos, circunstancia que ela atribúe ao feito de que esta intervención foi realizada desde a superficie orixinal, sen alteracións importantes do terreo. Trátase dunha cerámica popular, correspondente a pezas de tamaños diversos e fabricados de forma bastante tosca coa técnica de churro. Ademais de cerámica, recolléronse cantos rolados con signos de ter sido sometidos ao lume, que puideron ser empregados para quentar líquidos. Por outro lado, manifestou a intención de recompoñer pezas, dado que se aprecia que foron rotas in situ e presentan aristas moi claras que facilitan a reconstrución.

As relatoras destacaron a importancia deste xacemento que se mantén en bastante bo estado, o que permite pensar que sería posible atopar máis restos dun posible poboado do bronce, no que poderían aparecer fondos de cabanas ou pozos correspondentes a silos, bastante comúns neste tipo de xacementos.

O noso agradecemento a María Martín e a María José Bóveda pola súa implicación nesta intervención e ao Museo Histórico de Sargadelos polas facilidades que nos presta para realizar estes actos divulgativos.

Ver en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=Ux4bgbrvssk

12/17/2022

MARIÑA PATRIMONIO APOIA A CREACIÓN DUN MUSEO ARQUEOLÓXICO NA ATALAIA DE SAN CIBRAO

En datas recentes membros de Mariña Patrimonio mantiveron na Atalaia de San Cibrao unha reunión co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e maila concelleira de cultura, Dolores García Caramés.

No transcurso deste encontro, os representantes do Concello trasladaron a Mariña Patrimonio a súa intención de apostar pola creación dun museo arqueolóxico con posiblidades de albergar un depósito para acoller os materiais arqueolóxicos aparecidos na Mariña.

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio vén mantendo dende hai anos co Concello de Cervo un fluído diálogo arredor da Atalaia, e os seus restos arqueolóxicos, para tratar de encontrar a forma máis acaída de revalorizalos e preservalos. Neste sentido, Mariña Patrimonio concorda co Concello de Cervo en que a edificación que hoxe se atopa en estrutura, e que foi recentemente adquirida polo Concello, debe ser conservada en parte, rebaixándose en altura para non provocar un impacto visual negativo na península da Atalaia. Coinciden ambos, Concello e Mariña Patrimonio, en que esta edificación se destine a albergar un futuro museo arqueolóxico da Mariña, que contaría tamén cun depósito para acoller todos os restos arqueolóxicos procedentes da Mariña luguesa. Tanto os que na actualidade se atopan dispersos por varios depósitos de Lugo coma os que poidan aparecer nun futuro na comarca.

Dende Mariña Patrimonio felicitan ao Concello de Cervo por apostar pola creacion deste museo arqueolóxico na Atalaia ao tempo que expresan o seu total apoio a esta iniciativa.

12/16/2022

Mariña Patrimonio organiza a conferencia O Coído: un xacemento da Idade do Bronce na Mariña

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado 17 ás 12:00 unha charla na Casa da Administración de Sargadelos na que se presentarán os datos obtidos trala escavación realizada polo Gabinete de Arqueoloxía e a Universidade de Santiago de Compostela no ano 2020 no lugar do Coído (Cervo, Lugo). A conferencia correrá a cargo das arqueólogas María Martín Seijo e María José Bóveda Fernández, responsables da escavación e do estudo realizado neste sitio arqueolóxico. O estudo en laboratorio, e a realización dunha datación por luminiscencia dun dos fragmentos cerámicos achados no xacemento, permítelles ás autoras deste traballo realizar para todo o conxunto unha proposta de adscrición cronolóxica na Idade do Bronce.

A intervención arqueolóxica, promovida pola asociaciación socioculural Mariña Patrimonio, foi subvencionada cunha axuda da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e contou coa colaboración do Concello de Cervo, propietario dos terreos onde se levaron a cabo as catas arqueolóxicas.

O xacemento arqueolóxico de O Coído foi descuberto nas proximidades do polígono industrial de Cuíña no 2010 por membros de Mariña Patrimonio. Dita asociación, tras observar no lugar milleiros de fragmentos cerámicos, informou nese momento sobre este particular á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Alen diso, á vista do interese que espertaron estes restos entre os arqueólogos que visitaron o xacemento, a citada asociación promoveu unha intervención arqueolóxica de cuxos resultados se informará na charla prevista para o próximo sábado.

Enlace fotos: https://photos.app.goo.gl/xEurgG9appMJFiQK6


 

12/12/2022

VISITA AO PATRIMONIO DE XOVE

 

 
O día presentouse propicio, sen moito frío e cunha luz moi agradable, para desenvolver unha actividade que, polo menos en parte, tería que ser no exterior. O grupo de participantes, composto por case trinta persoas chegadas dos concellos costeiros desde Ribadeo a Viveiro, o Valadouro e mesmo de Lugo capital, foi recibido por Lucía Sánchez Meitín, especialista en cultura e patrimonio do Concello de Xove.

A visita iniciouse na igrexa da Rigueira que, segundo nos informou detalladamente Antón Niñe, aínda que está adicada a San Miguel, ten a súa importancia por dous motivos principais: a romaría que se celebra anualmente en honor de San Antonio e o seu fermoso retablo de estilo barroco, movemento artístico de grande relevancia en Galicia.

A continuación, o grupo trasladouse ata o pazo da Rigueira de Ferrol, onde Xacobe Fernández Casabella, xovense compoñente da directiva da asociación, falou da súa importancia histórica, pois pertenceu aos descendentes de Pardo de Cela ao chegar ás súas mans por vía da liñaxe da súa dona, Isabel de Castro. As súas propiedades chegaban ata o mar no lugar do portiño de Morás. Foi reconstruído en diversas ocasións con máis ou menos fortuna, na actualidade está deshabitado e precisa dunha consolidación e limpeza dos muros.

Tras unha parada técnica con café incluído, chegamos ata a salientable igrexa de Xuances, de tres naves e cunha torre barroca do estilo das do mosteiro de Lourenzá, o que a conecta tamén co barroco. Conta no esterior cun fermoso adro cuberto e no interior un retablo equiparable ao da igrexa de San Miguel, todo o cal foi destacado tamén por Antón Niñe.

Continuamos a visita achegándonos a un lugar máxico pola súa situación e historia: San Tirso. Alí, Manolo Miranda destacou o importante labor que está desenvolvendo o Concello de Xove para revalorizar este sitio arqueolóxico. Un lugar onde, ademais do castro, se poden apreciar os restos dun mosteiro e igrexa, cuxa fundación se remonta ao século VIII, posiblemente simultánea con otros mosteiros dúplices da Mariña, tal e como sinalou Xacobe.

A mañá rematou cun xantar no lugar da Ponza, en A Cancela, onde repuxemos forzas a base de diversos platos de carne e peixe moi ben aviados e servidos.

A xornada de tarde comezou cun achegamento á igrexa de Morás, non moi grande pero moi interesante polo que alberga no seu interior, cun fermoso retablo diferente aos vistos nas igrexas de A Rigueira e Xuances. Neste caso, o retablo non está cuberto de pan de ouro, senón decorado a base de liñas douradas sobre un fondo de madeira escura, e cunha imaxinería igualmente rica.

E, xa para rematar a xornada, desprazámonos ata o lugar que ocupaba a baleeira de Morás, onde Lucía Sánchez Meitín nos deu cumprida información sobre a historía da factoría. Ao carón duns paneis informativos, onde se describe o proceso industrial da baleeira, Lucía relatounos diversos detalles moi interesantes relacionados coa factoría e mesmo coa xente que traballou nela.Cando a luz ía diminuíndo, e coa despedida de Lucía, demos por rematada a visita a Xove e emprendimos o regreso.

Non queremos finalizar esta crónica sen antes expresar o noso agradecemento ás persoas que nos atenderon ao longo desta interesante visita ao concello de Xove. Incluímos nos agradecementos ao seu párroco, Juan Novo Gabeiras, que aínda que non puido acompañarnos por motivos de traballo, facilitounos o acceso ás igrexas visitadas.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/BjGLFTomeHiAmeG4A


12/02/2022

Visita polo patrimonio do Xove

 

Mariña Patrimonio estamos organizando para o próximo sábado día 10 de decembro unha visita polo patrimonio do Xove. Nesta saída contaremos coa colaboración de Lucía Meitín, especialista en cultura e patrimonio do concello de Xove, e de Antón Niñe, gran coñecedor do patrimonio relixioso da nosa comarca. Está previsto visitarmos, en xornada de mañá, a Igrexa e o Pazo da Rigueira, a Igrexa de Xuances e San Tirso;  en xornada de tarde, a aldea de Morás, onde escoitaremos falar das tradicións de Xove.

A data límite para apuntarse remata o martes 6 de decembro

11/03/2022

VISITA GUIADA AO CASTRO DE RUETA

 Todos sabiamos que estaba aí e que era moi especial, pero o desbroce realizado días atrásdeixou unha imaxe impresionante do Castro de Rueta, como se puido apreciar nas vistas panorámicas que recolleron os medios de comunicación e as redes sociais.

Para dar visibilidade aos traballos de sondaxe, realizados ao longo desta semana con medios xeofísicos por un equipo de investigadores do CSIC, os seus directores, David González e Jesús García, tiveron a deferencia de guiar o numeroso grupo de persoas que acudiron á convocatoria realizada para coñecer estes traballos, atraídos pola espectacularidade das imaxes tomadas e pola novidade das actuacións anunciadas.

 A visita comezou cunha explicación xenérica, de gran valor didáctico, sobre os castros; recintos amurallados propios da Idade do Ferro de entre 2.000 e 2.800 anos de antigüidade, nos que residiu de forma permanente a poboación ao longo duns mil anos. Salientaron os investigadores a monumentalidade do castro de Rueta, así como o seu excelente estado de conservación.

A continuación, o grupo atravesou o recinto amurallado pola súa entrada orixinal dando acceso a un extenso espazo no que chaman poderosamente a atención os numerosos promontorios que se pretende identificar, grazas ás sondaxes realizadas co magnetógrafo e o xeorádar, aparatos que permiten detectar ata varios metros de profundidade as posibles estruturas construídas.

A partir deste recinto maior, logo de cruzar un profundo foxo e unha nova muralla interior, accédese á parte alta do castro, que constitúe unha plataforma elevada que alberga un promontorio rochoso coñecido como Pena do Raio, de grande visibilidade tanto desde o mar como desde terra, o que deu lugar á pervivencia de diversas lendas na memoria colectiva do lugar. Nestes penedos aparecen diversas cazoletas, un tipo de petróglifos bastante comúns nesta zona, que deberán ser estudados con maior profundidade. Destacan, ademais, dous espazos aterrazados na parte que baixa cara ao cantil, de difícil interpretación, dado que non sabemos canto espazo do castro foi derrubado pola acción destrutiva do mar ao longo dos máis de dous mil anos transcorridos.

David González rematou a visita sinalando que quedan pendentes algunhas probas, que realizarán nos próximos meses con novos medios tecnolóxicos. Será tamén durante os próximos meses cando realicen o traballo de análise dos datos recollidos, o que permitirá a elaboración dun informe cos  resultados destas sondaxes, as súas posibles interpretacións e posibles actuacións que se poderían acometer no futuro. Tamén incidiu na importancia de manter limpo de maleza o xacemento e aproveitar o seu enorme valor como recurso educativo, social e mesmo turístico. Finalmente, comprometeuse a vir explicarlle á veciñanza todo o que se desprenda do estudo sobre este xacemento de Rueta que, á vista do interese suscitado, constitúe un dos elementos identitarios máis relevantes de Cervo.

Ver video

10/23/2022

Un achegamento ao patrimonio inmaterial da Mariña

Moi entretida a conferencia Un achegamento ao patrimonio inmaterial da Mariña impartida no Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos polo antropólogo Rafael Quintía.

A través da súa disertación, ante un nutrido número de persoas, Quintía fixo público o resultado dun pequeno pero interesante traballo de investigación encargado por Mariña Patrimonio, e realizado o pasado ano 2021, que pretende valorizar a nosa cultura mitolóxica, así como a súa divulgación.

Logo dunha introdución para resaltar a trascendencia do patrimonio inmaterial dentro do conxunto do patrimonio cultural de calquera pobo como elemento esencial da súa identidade, Quintía foi relatando de xeito moi didáctico, e cunha boa dose de humor, algúns dos exemplos recollidos en diferentes concellos mariñáns a xeito de pequena pero relevante mostra da enorme riqueza mitolóxica desta comarca, concretamente nos concellos de Ribadeo, Trabada, Barreiros, Cervo, Xove e Viveiro.

Resaltou Quintía o feito de que Galicia carece dun inventario de bens culturais inmateriais, que só posúe Andalucía, e sobre a necesidade de preservar o inmenso e valioso patrimonio mitolóxico galego, seguramente un dos máis ricos e aínda vivos de Europa. Un patrimonio desgrazadamente en acelerado proceso de extinción debido a que van desaparecendo as persoas que o poden transmitir e á falta dun traballo sistemático de documentación do mesmo.

Por último, o noso agradecemento ao Museo Histórico de Sargadelos por cedernos unha vez máis o seu agradable espazo para realizar este acto, e tamén á Área de Cultura da Deputación de Lugo sen cuxa colaboración non sería posible levar a cabo este tipo de iniciativas.

Ver video

10/02/2022

Visita polo patrimonio do Valadouro

 

O Valadouro esperta grande interese. Isto é o que podemos deducir da masiva resposta á convocatoria que Mariña Patrimonio realizou para visitar o seu patrimonio, o que nos obrigou, lamentablemente, a pechar a admisión e ter que rexeitar numerosas solicitudes de participación. O programa respondía en boa parte a unha liña temática moi atractiva, proposta polo noso guía Xesús Pisón: a vinculación de moitas das igrexas e da imaxinería relixiosa a cultos precristiáns relacionados coa fertilidade, as deidades e seres mitolóxicos femininos, profundamente implantados no noso país antes da chegada do cristianismo e aínda hoxe presentes na tradición oral.

 Con este fío condutor, visitamos pola mañá a Igrexa de Santa Cruz, construída sobre un castro a partir dun antigo templo suevo do século V e vinculada posiblemente á pequena fonte das Curuxeiras ou de Santa Helena, próxima á igrexa, da que a tradición oral aínda conserva lendas referidas ás ninfas e deidades femininas que a habitaban.
 A continuación, visitamos a Igrexa de Bacoi, que tamén ten vínculos á mitoloxía asociada ás fontes e á fertilidade, e que posúe un fermosísimo retablo barroco que por si mesmo xustifica sobradamente a visita.
 Facendo unha paréntese no tema que fiaba as visitas, tivemos a ocasión de visitar o maxestuoso Pazo de Carrocide grazas á xenerosidade dos seus propietarios, Carmucha e o seu fillo Juanjo, a quen expresamos a nosa gratitude por amosarnos a súa fermosa capela e as estancias principais do pazo, en especial o marabilloso salón que posúe unhas pinturas ao fresco en moi bo estado de conservación.

A xornada de mañá rematou cun breve paseo e a correspondente caña pola vila de Ferreira, que viña de celebrar o seu mercado semanal, e un espléndido xantar no Asturias, que non nos decepcionou.

 Xa preto das cinco iniciamos as visitas da tarde, á Pena Abaladoira, na parroquia do Pereiro; un bolo granítico máis no medio desta paraxe que constitúe un auténtico festival de morfoloxía granítica ao pé do Pico do Cadramón. A este penedo, pola súa capacidade de ser abalado, atribuíuselle ao longo da historia unha serie de propiedades máxicas, entre as que destaca a de propiciar a fertilidade feminina. Non pasou a ocasión sen que o grupo conseguise abalar a pedra e, quen sabe se acabará nun feliz desenlace ao cabo dos nove meses…
 Preto deste lugar, xa na parroquia do Cadramón, rematou a xornada no templo máis antigo do Valadouro, a capela de Santa Filomena, resto dunha igrexa románica do século XI, sobre un templo anterior prerrománico, que só conserva a ábsida ou presbiterio e o arranque dos muros da que foi a nave da igrexa parroquial do Cadramón, Labrada e Silán ata o século XIX, data en que foi desmantelada e as súas pedras reutilizadas na construción da igrexa parroquial de San Xurxo, quedando en estado de semiabandono. Este templo igualmente ten a súa orixe no culto á fertilidade, cristianizada e presente tanto nos canzorros que conserva coma na súa advocación principal a Santa Filomena e outras imaxes como a Santa Ana.

Na actualidade, a capela, que alberga importantes pinturas góticas do século XVI, permanece no esquecemento por parte das institucións responsables, a pesar dos esforzos dos veciños que a manteñen a duras penas custeando eles mesmos as reparacións indispensables. Desde Mariña Patrimonio facemos un chamamento ao Bispado de Mondoñedo, responsable directo, á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e ao Concello de O Valadouro, como corresponsables da súa conservación, para que se lle preste a atención que precisa urxentemente esta xoia patrimonial, probablemente a máis importante do Valadouro.

O noso agradecemento ao párroco do Valadouro, D. José Ángel Fernández, por autorizarnos as visitas, así como ás persoas responsables de abrir e pechar os templos de Santa Cruz de Bacoi e de Santa Filomena, pola súa desinteresada colaboración. Finalmente, o noso agradecemento a Xesús Pisón, que conseguiu darlle a esta visita unha perspectiva tan fermosa como interesante.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/jEM8ENQmxc1XN9eP9

9/23/2022

Visita polo patrimonio do Valadouro

Mariña Patrimonio estamos organizando para o próximo sábado día 1 de outubro unha visita polo patrimonio do Valadouro, que terá como fío condutor os cultos precristiáns á fertilidade. Nesta saída contaremos coa colaboración do dramaturgo Xesús Pisón, que fará de guía durante todo o percorrido. Está previsto visitarmos, en xornada de mañá, a Igrexa de Santa Cruz, a Igrexa de Bacoi e o Pazo de Carrocide (Lagoa);  en xornada de tarde, a capela de Santa Filomena (O Cadramón) e a Pedra Abaladoira (O Pereiro)

A data límite para apuntarse remata o martes 27 de setembro.


9/21/2022

VISITA AO PATRIMONIO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ

O pasado domingo 18, Mariña Patrimonio organizou unha nova excursión cultural. Nesta ocasión, o grupo composto por 23 persoas de distintos puntos da comarca, e guiados en todo momento polo arqueólogo Luis Gómez Souto, viaxou ás Pontes de García Rodríguez para coñecer o seu patrimonio cultural, centrado no seu pequeno pero interesante casco medieval así como na etnografía e a arqueoloxía, tanto prehistórica como industrial contemporánea.

Iniciouse a xornada cunha visita da man do seu guía Ismael á Igrexa de Santa María, situada no mesmo centro histórico da vila; un templo que ao longo da súa historia, iniciada sobre o século XIII, foi ampliado e modificado en distintas etapas ata o peculiar aspecto actual. Garda un marabilloso retablo barroco e conserva pezas de imaxinería relixiosa de gran valor.

 A continuación, na mesma praza, o grupo puido visitar e percorrer o coidado e fermoso Museo Etnográfico Monte Caxado, guiados polo seu creador e impulsor José María López Ferro, un home que adicou gran parte da súa vida a recoller e musealizar un numerosísimo e variado fondo de materiais que nos permiten manter na memoria a vida da comarca das Pontes e mesmo doutras zonas próximas.

A mañá completouse coa visita guiada polo noso guía e arqueólogo á exposición arqueolóxica “Man a man”; unha pequena pero interesante mostra de materiais recollidos no territorio municipal e pertencentes ao período comprendido entre o Neolítico e a presenza romana. Uns restos que nos permiten obter unha visión completa do patrimonio arqueolóxico antigo do Concello de As Pontes.

 Logo dunha opípara comida no Mesón O Puxigo, o grupo acometeu a xornada de tarde cun paseo polas dúas pontes medievais que dan nome á vila e por algúns edificios e rúas singulares da vila medieval. A continuación, desprazámonos cara ás inmediacións do lago artificial das Pontes, onde o noso guía fixo unha explicación sobre o nacemento e evolución da actividade mineira e industrial da vila, que propiciou o seu crecemento urbano planificado. Así mesmo, falounos arredor do importante impacto da mina de carbón e das diferentes industrias vinculadas ao seu aproveitamento sobre un territorio que posúe unha importante presenza prehistórica, como se pode apreciar nos numerosos campos de mámoas que marcan unha rede de camiños históricos de gran relevancia que atravesan este concello.

 Por último, queremos amosar o noso agradecemento a Isma, que actuou como guía na igrexa e realizou unha exhaustiva descrición da mesma; ao profesor López Ferro, pola súa disposición para guiarnos persoalmente no museo, e ao noso guía ao longo de toda a xornada, Luís Goméz Souto, pola súa xenerosidade e dispoñibilidade o que nos permitiu marchar cun coñecemento moi completo sobre esta vila que todos asociamos á actividade mineiro-industrial, pero que posúe un interesantísimo pasado medieval que sorprendeu á maioría do grupo.

+fotos: https://photos.app.goo.gl/v3akGvgkfday4WXt6

7/10/2022

A minaría aurífera romana

O pasado sábado 9 de xullo levouse a cabo a actividade programada por Mariña Patrimonio e o Concello de Foz sobre a minaría de ouro romana. Como estaba previsto, realizouse en xornada partida. Pola mañá, o arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo, impartiu a conferencia “A minaría aurífera romana” na Casa da Cultura de Foz e á que asistiron unhas 45 persoas. A exposición, moi ben ilustrada e de gran valor didáctico, permitiunos comprender o proceso de extracción do ouro, tanto na etapa prerromana, durante os dous últimos milenios anteriores á era cristiá - que se realizaba bateando as areas dos ríos- como, e sobre todo, a explotación industrial masiva e sistemática acometida polos romanos en todo o noroeste da Península e que chegou a proporcionar o 7% da produción de ouro do Imperio. 

Merayo explicou detalladamente o proceso de extracción do ouro, tanto nos xacementos primarios como nos secundarios, como é o caso da mina da Espiñeira, un dos complexos mineiros máis extensos do noroeste, que abrangue as dúas beiras do río Masma, repartida entre os concellos de Barreiros e Foz.

Na xornada de tarde participou un numeroso grupo de persoas, arredor de 60, convocadas no Campo da Feira da Espiñeira para percorrer unha das zonas da mina que recentemente quedaron á vista, grazas á corta dunha parte do eucaliptal que cobre toda a mina actualmente. Merayo guiou ao grupo explicando in situ como se realizaba o lento proceso de erosión artificial da enorme masa de sedimentos que o río Masma acumulou ao longo de millóns de anos. Esta erosión realizábase mediante correntes de auga, que se lanzaban desde depósitos ubicados na zona máis elevada do lugar. Previamente, os depósitos enchíanse mediante múltiples canles, que traían auga por gravidade desde diferentes captacións do territorio.

A auga corrente arrastraba os materiais sedimentarios de diferentes grosores, que conteñen unha ínfima proporción do prezado ouro en partículas similares a finas areas. Estes eran conducidos mediante un gran entramado de canalizacións cara ás zonas máis baixas que rodean a mina, onde se decantaban as partículas auríferas polo seu maior peso. Estas partículas mesturábanse con mercurio, logo aplicábaselle calor e, finalmente, quedaba o prezado metal.

A zona visitada conserva a complexa topografía de canles e acumulacións de cantos rodados (murias), que os mineiros apartaban e acumulaban para facilitar a circulación dos sedimentos máis finos nos que viaxaban as partículas auríferas.

Cremos que a actividade desenvolvida este sábado permite dar a coñecer este xacemento importantísimo, tanto en dimensión como en valor histórico. Un xacemento que xa fora citado polo enxeñeiro alemán, Schulz, en 1835 e redescuberto por Mariña Patrimonio en 2013, o que permitiu a súa inclusión no Catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia, feito fundamental para a súa protección. Lamentablemente, só é posible apreciar esta enorme mina cando se produce unha corta coma a que nesta ocasión nos permitiu realizar a actividade.

Por último, agradecemos ao Concello de Foz pola súa activa colaboración na organización da actividade e por ter posto á nosa disposición todos os medios necesarios para a realización da mesma. Así mesmo, agradecemos ao ponente e guía, Iván Álvarez Merayo, o seu entusiasmo e bo labor divulgativo.







7/05/2022

CONFERENCIA SOBRE A MINARÍA AURÍFERA ROMANA E VISITA Á MINA DA ESPIÑEIRA (FOZ)

 O vindeiro 9 de xullo terá lugar ás 11.30 na Casa da Cultura de Foz a conferencia “A minaría aurífera romana” organizada polo Concello de Foz e maila asociación Mariña Patrimonio. Esta conferencia, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, correrá a cargo do arqueólogo especialista en minería romana, Iván Álvarez Merayo, que tamén fará de guía na visita programada á mina de ouro romana da Espiñeira. A visita á antiga explotación mineira arrancará ás 17.00 dende o Campo da Feira de A Espiñeira.

A Mariña luguesa é unha zona rica en explotacións mineiras antigas, lamentablemente pouco coñecidas e escasamente estudadas. Unha mostra da existencia destas explotacións auríferas na Mariña son as dúas minas romanas localizadas pola asociación Mariña Patrimonio no ano 2013 na desembocadura do Masma. Concretamente, unha atópase na zona de Covas (Barreiros) e a outra en A Espiñeira (Foz). O achado de ambas explotacións foi notificado pola citada asociación á Xunta, que incluíu en 2014 estes bens patrimoniais no catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia.

Respecto ás minas de ouro romanas da desembocadura do río Masma, o enxeñeiro Guillermo Schulz xa nos fala sobre esta explotación mineira da ría de Foz - da que destaca a súa gran extensión - nunha publicación do 1835 titulada Descripción geognóstica del reino de Galicia.

Na visita organizada á mina de ouro romana da Espiñeira para a xornada do sábado 9 de xullo, terase a oportunidade de ver, grazas á corta do monte realizada recentemente nunhas parcelas situadas na antiga explotación mineira, unha parte importante da que puido ser unha das explotacións de ouro máis grandes de toda Galicia.


https://photos.app.goo.gl/khxAnbPJZq7nAGBs8

6/12/2022

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DO VICEDO

 

O tempo non acompañou. Aínda así, 30 persoas responderon á convocatoria de Mariña Patrimonio para visitar algúns dos lugares máis reseñables do Vicedo. A visita foi deseñada e guiada polo profesor Bernardo Penabade, burelés de adopción, máis nado na parroquia de Grañas (Mañón), a quen agradecemos a súa contribución fundamental no desenvolvemento desta actividade. 

Durante as actividades da mañá, Penabade foi auxiliado polo tamén profesor e investigador Antón Niñe, a quen igualmente agradecemos a súa colaboración pola información que nos achegou sobre as tres igrexas que visitamos: San Pantaleón de Cabanas (Ourol), San Ramón de Cabanas e San Pablo de Riobarba.

 Os tres templos responden a unha arquitectura similar, dotadas de fermosas portadas góticas e a presenza constante da simboloxía propia da Casa dos Andrade. Trátase de igrexas que sorprenden pola súa magnífica factura, que revela a importancia económica e relixiosa que estas parroquias tiveron no pasado. 

Sorprende gratamente o coidado estado da súa contorna, a pesar da escasa poboación que actualmente reside no lugar. Un mérito que haberá que atribuír á vecindade e ao seu párroco Cristobal Rivas, a quen tamén agradecemos a súa colaboración por facer posible estas visitas. Queremos sinalar, de paso, a necesidade que teñen estes templos dunha maior atención por parte das autoridades responsables deste valioso patrimonio, para iniciar a restauración destes edificios, dos seus retablos e das posibles pinturas murais que puidera haber nalgunha delas. Conviña identificalas canto antes e, de ser o caso, protexelas legalmente, a fin de frear o seu deterioro.

 Na xornada de tarde, Penabade fixo tándem con Hixinio Puentes, Cronista Oficial de Mañón e bo coñecedor da historia local; unha historia moi relacionada coa industria da salga de sardiña, que acadou gran desenvolvemento desde mediados do século XVIII na vila do Vicedo.

Coa interesante información de Hixinio, o grupo realizou un agradable paseo ata o Vicedo Vello e a súa praia, agora moi popular pola súa area branca, derivada do caolín que procede dunha industria de lavado desta arxila que funcionou na súa ribeira. Cómpre sinalar que a praia do caolín tende a relacionase erroneamente coa edificación que máis presenza ten nese lugar, unha antiga fábrica de salga, probablemente a máis antiga do Vicedo, antecedente das que se atopan no Vicedo novo. Algunas delas foron trasformadas en fermosas casas e outras permanecen en estado ruinoso. Hixinio relacionou estas industrias coa chegada, desde mediados do século XVIII, dos fomentadores cataláns, responsables do desenvolvemento da industria conserveira por todo o litoral galego.

 Celebramos e agradecemos, finalmente, a presenza nesta visita do actor oriundo da parroquia de Cabanas, Pepe Penabade, que nos aportou as súas vivencias de infancia e xuventude nestas terras, hoxe esquecidas, pero posuidoras de tesouros patrimoniais que cómpre conservar. 


 

+ Fotos: https://photos.app.goo.gl/LkWqXbwYb2nYdsNcA



5/31/2022

O COMERCIO A TRAVÉS DA CERÁMICA DE PUNTA ATALAIA

Cunha nutrida asistencia, unhas 60 persoas, celebrouse o pasado sábado esta conferencia a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé, especialista en cerámica da época galaico romana. Bartolomé ten estudados e documentados boa parte dos restos atopados nas escavacións realizadas no castro de Punta Atalaia aló polo ano 2008; restos materiais que permanecen almacenados nun depósito a falta dun espazo museístico no que debían estar expostos ao público.

O conferenciante fixo unha ampla descrición dos numerosísimos materiais documentados, seguindo a cronoloxía do prolongado período no que o castro estivo habitado: desde o século I a.C., propiamente castrexo, ata o século VI, xa altomedieval, e pasando por unha prolongada e fecunda etapa de romanización.

Sorprende e resulta especialmente interesante a enorme cantidade e variedade de materiais cerámicos atopados, de diferentes tipoloxías, calidades e procedencias xeográficas, tanto polas zonas onde foron producidas as pezas como polos posibles usos e mercadurías que transportaron. Pódese inferir a partir deste estudo que o castro de Punta Atalaia constitúe un dos fitos comerciais da costa galega e cantábrica nos primeiros séculos da nosa era e, particularmente, no período tardorromano, séculos III a V, no que rexistrou unha importantísima actividade comercial.

Ademais da intensidade comercial cabe destacar a enorme diversidade e amplitude xeográfica que acadaron estas relacións comerciais, posto que se atopan cerámicas procedentes de lugares tan afastados como o Oriente Medio, o norte de África (Túnez), o sur e oeste da Península Ibérica e, polo norte, todo o golfo de Biscaia, a Aquitania e as Illas Británicas.

Todos estes datos constitúen un importante avance no coñecemento da historia antiga e altomedieval da nosa comarca e de Galicia. Porén, hai aínda moito que documentar e coñecer sobre este xacemento, tanto a partir dos restos xa recollidos coma dos que están baixo terra e que esperemos poidan ser recollidos e documentados en futuras escavacións. Mariña Patrimonio puxará para que este importante legado vaia aflorando en forma de coñecemento da nosa historia.