11/03/2023

Castroverde

 

O pasado sábado 28 de outubro realizamos a anunciada visita ao patrimonio de Castroverde, tan descoñecido para nós como extenso e interesante. O día chuvioso non axudou a completar o programa previsto, pero aínda así resultou moi  satisfactorio, porque tivemos a sorte de contar cun guía de excepción, Ricardo Polín, Doutor en Filoloxía, historiador, cronista oficial de Castroverde e principal impulsor do Camiño Primitivo a Santiago.

Comezou a mañá coa visita á queixería Santo André, onde Carlos Reija, o mestre queixeiro e propietario tivo a xentileza de ensinarnos o proceso de fabricación e mesmo nos obsequiou cunha degustación do seus queixos do Cebreiro, galardoados reiteradamente no Salón Gourmets de Madrid, logo dun proceso de recuperación do queixo tradicional curado que os reis de Castelá enviaban como obsequio a outras monarquías europeas.

A continuación visitamos a parroquia de Tórdea, na que puidemos ver un pequeno tramo da via romana XIX, ramal 2A, que une Astorga con Lugo, así coma a fermosa igrexa parroquial de Sto. Tomé de Tórdea, de orixe prerrománica, na que chaman a atención as numerosas gravuras talladas nos seus muros. 
O xantar do grupo tivo lugar no restaurante
Casa Remedios, unha casa de comidas de referencia na comarca, reseñable pola súa singularidade e a calidade da súa cociña tradicional.

Na xornada de tarde, no medio dunha choiva intensa e continua, visitamos o conxunto monumental de Vilabade, composto pola igrexa de Santa María, coñecida como a “Catedral de Castroverde”, igrexa anexa ao antigo convento hoxe desaparecido. O templo gótico foi construído no século XV. Ao lado do templo, o Pazo de Vilabade, hoxe reformado e convertido en aloxameto turístico, compoñen un conxunto que sorprende pola súa magnificencia. Moi preto deste lugar, visitamos tamén a ermida da Virxe do Carme, enclavada nunha espléndida carballeira que o primeiro domingo de agosto celebra unha romaría de grande sona.

A visita rematou ao pé do castro de Castroverde, no que se atopa a torre da homenaxe do castelo, que inicialmente data do século XIV e pertence á familia dos Osorio e posteriormente á de Altamira, xa no século XVI. O conxunto que forma o castro, hoxe cuberto dun frondoso bosque autóctono, os restos do castelo e mailo pequeno burgo anexo á fortificación, posúe un alto valor patrimonial. Actualmente desconectado das vías de comunicación e mesmo do Camiño Primitivo que atravesou este núcleo histórico, merecería dunha atención prioritaria que o convertese en elemento primordial da vila de Castroverde.
A visita a Castroverde quedou incompleta porque prevíamos achegarnos a un lugar moi especial,
Soutomerille, un espazo natural que alberga unha aldea abandonada, con restos de casas antigas, igrexa e cemiterio, ao pé do castro do mesmo nome. O lugar merece por si mesmo unha visita a este concello, así que todos quedamos emprazados para repetir esta viaxe noutro momento do ano que nos permita completar este achegamento ao patrimonio de Castroverde. 
O noso agradecemento a Ricardo Polín, que ademais de compartir connosco os seus amplos coñecementos, realizou un esforzo de preparar esta visita con resultados que compensaron sobradamente os inconvenientes do tempo atmosférico.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/qe4T1RXUtLzDFWzJ

 


Sem comentários: