A
localidade de Xove acollerá o vindeiro venres 1 de decembro a
proxección do documental 'Xove, Democracia Nuclear'. Este traballo
xornalístico está dirixido polo xornalista leonés Pedro Lechuga
Mallo, quen contou coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo
para a súa gravación. Este documental recupera a través dos medios
de comunicación en novembro de 1973 as historias vividas na Mariña
cando foi público o proxecto de construción dunha central nuclear
en Xove. Recollen os testemuños de quince persoas vinculadas á
mobilización, veciños e persoas relacionadas co nacionalismo, o
Sindicato Labrego Galego, xornalistas e profesores, ademais do entón
alcalde de Xove, Jesús López González.
A proxección terá
lugar a partir das 20:00 horas no salón de actos do Centro Cívico,
sendo a entrada gratuíta até completar aforo. Este evento é
posible grazas ao ámbito de Cultura da Vicepresidencia da Deputación
de Lugo, que financiou a emisión deste documental en doce
localidades da provincia lucense, e á asociación sociocultural
Mariña Patrimonio.
Ao rematar o documental, haberá un
coloquio no que participarán o director de 'Xove, Democracia
Nuclear', o actual alcalde de Xove e mais Francisco Luis Rodríguez
Guerreiro, unha das persoas vinculadas ao nacionalismo galego que
aparece no documental e que participou activamente nas
mobilizacións.
'Xove, Democracia Nuclear' chega á localidade
de Xove despois de terse proxectado en Burela, Viveiro, Cervo,
Vilalba, Sarria e O Valadouro. Ademais, antes de rematar o ano tamén
se proxectará en Barreiros, O Vicedo, Ribadeo e Lugo.
‘Xove,
Democracia Nuclear’ forma parte do proxecto a nivel nacional
‘Democracia Nuclear’, que ten como obxectivo recuperar as
historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en
España nos anos setenta. Neste sentido, hai uns meses xa se estreou
nos cines ‘Coyanza-1975, Democracia Nuclear’, o documental que
narra o acontecido na provincia de León en 1975 cando se soubo da
intención do Réxime de construír unha central nuclear en Valencia
de Don Juan.
Sem comentários:
Enviar um comentário