Coincidindo co día de San Martiño, 11 de novembro, que marca o inicio da tempada da matanza do porco, Mariña Patrimonio organizou unha conferencia titulada “A matanza do porco. Cultura e tradición”, a cargo do doutor en antropoloxía social, Xoán Carlos García Porral. O acto celebrouse na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro e completouse cunha comida de cocido no Restaurante Asturias, que deixou ben satisfeitos aos participantes.
Co amplo coñecemento directo e indirecto que posúe sobre o tema, o ponente realizou un percorrido, tan exhaustivo como entretido, por todo o proceso que vai desde a cría e ceba do porco na casa tradicional galega ata os derradeiros pasos da elaboración dos múltiples aproveitamentos deste animal que tanta importancia tivo na Galicia rural ao longo da historia. Así repasou a ceba, o día da mata e todos os traballos e costumes que inclúe, seguido do día da parta e o salgado e do día dos chourizos, no que se fan todas as elaboracións de embutidos. A explicación centrouse na tradición da matanza na súa comarca, o Deza, pero facendo constante referencia ás distintas variantes terminolóxicas e nas formas de facer que se poden atopar ao longo e ancho do país.
Así mesmo, fixo ampla referencia aos rituais e crenzas relacionadas coa cultura do porco que dan mostra da enorme importancia que este animal tivo na supervivencia alimentaria do pobo galego, así como ás numerosas referencias que o porco e a matanza teñen na literatura oral e escrita, con citas a textos de Rosalía de Castro ou Camilo José Cela. Cómpre resaltar a importancia deste elemento do patrimonio inmaterial galego, resultado dun coñecemento profundo e complexo construído ao longo dos séculos e que, desgrazadamente, corre risco de desaparecer.
Os nosos parabéns a este estudoso da cultura popular polo seu traballo de investigación e divulgación, e agradecemento pola súa presenza na Mariña. Agradecemento tamén ao concello do Valadouro por facilitarnos o local e pola colaboración, sempre atenta, do persoal da Casa da Cultura.
VIDEO: https://youtu.be/rDYMc0LfQRY?si=Vm7-TY5lzinI73I8
Sem comentários:
Enviar um comentário