O bo tempo acompañou na excursión organizada por Mariña Patrimonio a Santiago de Compostela para o sábado 16 de novembro. A visita á capital do país, sempre oportuna e apetecida, tiña como obxectivo visitar a catedral pola mañá e achegarnos pola tarde á exposición “Unha vida vikinga”, na Cidade da Cultura.
Especialmente satisfactoria foi a visita guiada á catedral, que incluíu o Pórtico da Gloria, marabillosamente restaurado e probablemente o maior prodixio da arte románica, así como as cubertas renovadas do templo, pasando pola tribuna e completada coa subida á torre da Carraca. Guiados por Tania, á que agradecemos a súa simpatía e a facilidade para comunicar, puidemos gozar dunha perspectiva diferente do complexo catedralicio e da propia cidade, o que nos permitiu entender a transcendencia e a atracción que este lugar exerce en todo o mundo.Unha visita que un quixera prolongar indefinidamente polo placer visual e espiritual que proporciona. A visita á catedral completouse, para quen así o quixo, coa posibilidade de visitar o museo, se ben o tempo dispoñible era reducido.
Logo do xantar en Casa Manolo, o grupo trasladouse ao Gaiás para a visita da tarde. A exposición “Unha vida vikinga” reúne unha importante e ben escollida selección de pezas relacionadas co fenómeno e a civilización vikinga e a súa expansión e influencia entre América do norte, Europa do leste e Rusia e a contorna do Mediterráneo, centrando a súa presenza en todo o norte de Europa. Esta exposición permite facernos una idea de como sería a vida dos homes e mulleres nas distintas etapas vitais e sobre a súa presenza nos diferentes lugares aos que chegaban as “vikingadas”, entre os que estaba incluído o territorio galego, do que tamén hai pezas expostas.Con esta viaxe complétase a programación de excursións do ano 2024 de Mariña Patrimonio, se ben quedan aínda algunhas actividades divulgativas que se anunciarán proximamente.
Sem comentários:
Enviar um comentário