9/22/2026

CHARLA SOBRE O CAMPAMENTO ROMANO DE RIOTORTO

 O pasado sábado 5 de setembro, na Casa da Cultura das Rodrigas (Riotorto), cunha asistencia importante de público, o arqueólogo do INCIPIT (CSIC) Andrés Menéndez Blanco realizou unha presentación acerca do achádego en 2023 do campamento romano Vedro da Fame, situado a cabalo dos concellos de Riotorto e A Pastoriza.

O ponente realizou unha completa contextualización que permitiu coñecer como son os campamentos militares romanos e como adoitan situarse e distribuírse no territorio, en resposta á mobilidade das unidades militares. Neste caso, parece estar aliñado con outros xacementos de similares dimensións trazando un posible itinerario do exército romano desde a actual Lugo en dirección á Mariña.

Os campamentos responden a un patrón formal moi definido en todo o imperio romano, con forma de naipe con esquinas redondeadas e un tamaño variable en función da dimensión do continxente militar que albergasen. Construíanse para efectuar os descansos do exército no seu avance, por veces dunha soa noite, outras veces de dias ou semanas. Erguíanse de xeito moi rápido e organizado, cavando un foxo perimetral en forma de V dando lugar a un parapeto que se reforza con elementos defensivos de madeira. Dentro do recinto utilízaban tendas de campaña para albergar o continxente. Adoitan ubicarse en lugares altos, para permitir boa visibilidade do territorio e para facilitar a súa defensa.

A diferenza destes campamentos de campaña, construíanse tamén outros de carácter permanente, que corresponden a momentos nos que a conquista xa foi completada e diferentes unidades militares permanecen no territorio para consolidar o control do mesmo así como garantir e supervisar a explotación dos recursos. Neste caso, son construídos con materiais pétreos e non sempre se ubican en lugares altos.

Debido ao tempo transcorrido e á intervención humana posterior, os restos actuais deste campamento do Vedro da Fame son moi difíciles de ver no terreo. Pódense apreciar con certa claridade algún dos tramos do parapeto defensivo, pero a maioría desta liña defensiva perimetral confúndese entre a vexetación baixa e o bosque de piñeiros e eucaliptos, polo que non sería apreciable se non fose polas ferramentas dixitais actualmente dispoñibles, como as fotografias aéreas de diferentes momentos, imaxes desde drone ou imaxes LIDAR. A combinacion das mesmas permite definir con bastante claridade o perímetro do campamento, coa habitual forma de naipe, aínda que neste caso conta cun recinto anexo a un dos lados longos do rectángulo. 

Ata hai poucos anos non se contaba con información sobre a ubicación dos campamentos romanos correspondentes ás campañas militares coñecidas como Guerras Cántabras, que permitiron o control do norte e noroeste peninsular por parte de Roma. En moi poucos anos, e grazas a estas novas ferramentas dixitais, estanse a coñecer os detalles de como se foron realizando as diferentes incursións militares que completaron, en tempos do emperador Augusto, a conquista do territorio castrexo posteriormente coñecido como Gallaecia.

Esta actividade foi organizada polas Asociacións Arrincadeira de Riotorto, Mariña Patrimonio e a Asociación Ecoloxista ADEGA e contou coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia. Deputación de Lugo. 


Sem comentários: