11/20/2011

" Vou canso de todo menos da música"

A Asociación Sociocultural Mariñapatrimonio organiza, en colaboración coa Asociación ribadense MUSIQUEANDO, o acto de presentación da escolma de artigos de Hernán Naval. " Vou canso de todo menos da música".


O Conservatorio Profesional de Música de Viveiro será o lugar onde se desenvolverá esta presentación o xoves 24 de novembro ás oito e media da tarde.


No acto intervirán Hugo García Presno, director da EMM e D de Ribadeo e

Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, profesor e presidente de Mariñapatrimonio

10/13/2011

Cultura só recoñece os danos efectuados por particulares en varios castros da Mariña

Castro Coto da Vela (XOVE) 1956

Patrimonio obriga a retirar os eucaliptos plantados sobre as defensas do castro da Vela (Xove), pero non se pronuncia sobre a agresión do concello de Xove sobre o castro de Sumoas

O Servizo de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia recoñece, a través de varias comunicacións remitidas a ADEGA e Mariñapatrimonio, os danos provocados por particulares en tres xacementos da Mariña: Castelo de Celeiro (Viveiro), Castro da Vela e xacemento de Pereiraboa (Xove); pero non se pronuncia sobre os prexuízos exercidos polo concello de Xove sobre o Castro de Sumoas.

Tras as denuncias presentadas por Mariñapatrimonio e ADEGA o pasado mes de xuño, o servizo de Patrimonio da Xunta admite que os danos denunciados nos tres xacementos castrexos son verídicos e, mesmo, obriga a retirar os eucaliptos plantados nun deles, en concreto, no castro da Vela (Xove): “ as remocións de terras da tala e posterior repoboación afectan a área de protección integral do castro. Se non fosen arrincados os eucaliptos que cobren o terraplén da croa, o futuro crecemento das raíces ocasionaría maiores danos estas estruturas defensivas”.

Nos outros dous casos recoñece que se realizaron remocións de terra e repoboacións forestais con eucaliptos que afectaron parte do patrimonio, tal e como afirmaran Mariñapatrimonio e ADEGA. En canto ao xacemento do Castelo de Celeiro (Viveiro), Patrimonio di que “as remocións de terra da plantación deixaron ao descuberto tramos dun muro de pedras pertencentes ás estruturas defensivas do xacemento”. Con respecto ao xacemento de Pereiraboa (Xove) asegura que “no transcurso das inspeccións constátase que neste monte se fixera unha repoboación recente de eucaliptos con maquinaria pesada que puxo ao descuberto varios anacos de cerámica”.

Con estes informes de Cultura queda claro que nos tres xacementos houbo remocións de terra que danaron o Patrimonio. Agardamos que os citados informes disipen as dúbidas daqueles que no seu día nos descualificaron acusándonos de mentir e de non estar capacitados para falarmos de Patrimonio.

Porén, Patrimonio só contestou ás denuncias presentadas que teñen que ver coa actuación de particulares, xa que non se manifestou con respecto á actuación do concello de Xove sobre o Castro de Sumoas, incluído no Inventario Xeral do Patrimonio cultural de Galicia. O Concello despositara varias toneladas de terra sobre o xacemento sen a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

A única información que recibimos ao respecto é a través da prensa, na que se recolle a suposta vontade do alcalde de Xove, Xosé Demetrio Salgueiro, de legalizar o depósito de terras. Confiamos en que a Dirección Xeral de Patrimonio faga cumprir a lei e non utilice un dobre raseiro para medir as infraccións ao patrimonio cultural, dependendo de se o infractor é un particular ou un alcalde. Se en Morás Patrimonio obriga a un particular a retirar as árbores que foron plantadas sen autorización, terá tamén que obrigar ao alcalde de Xove a retirar a terra depositada no castro, tamén sen autorización.

Mariñapatrimonio e ADEGA reiteramos a nosa preocupación polas continuas agresións que se están a producir nos xacementos arqueolóxicos e pola falta dunha política axeitada de protección do patrimonio que, como vemos, acaba revertendo no prexuízo dos propietarios dos terreos afectados.

Dende ADEGA e Mariñapatrimonio seguiremos denunciando aquelas agresións ao patrimonio sobre as que teñamos coñecemento e animando á cidadanía a informar sobre outros casos de maltrato aos bens patrimoniais que son de todas e todos, de xeito que se evite o seu deterioro e desaparición.

9/29/2011

Labores de tala e repoboación de eucaliptos danan dúas mámoas nos concellos de Foz e Xove

Os túmulos foron inventariados tras a denuncia de Mariñapatrimonio e ADEGA

O Servizo de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia vén de comunicar a MariñaPatrimonio e a ADEGA o inventariado de dúas mámoas na Mariña de Lugo que até o momento non estaban amparadas legalmente e que hai uns meses foron agredidas con maquinaria pesada utilizada en dúas repoboacións forestais con eucaliptos.

Así mesmo, Patrimonio Cultural recoñece os danos denunciados no mes de xuño por Mariñapatrimonio e ADEGA perante este servizo e o Seprona, requiríndolle aos propietarios a retirada dos eucaliptos plantados sobre un destes túmulos, en concreto, o de Pico da Lebre, no concello de Foz.

A outra mámoa danada é a situada no monte da Canteira, no concello de Xove. Neste caso, a rápida intervención do Servizo de Arqueoloxía de Patrimonio e do Seprona evitou a destrución do túmulo e, malia a sufrir algún dano ao pasar maquinaria pesada porriba, detívose a súa repoboación con pá mecánica.

Peor sorte correu a mámoa do Pico da Lebre que, ademais de verse afectada polo efecto da maquinaria pesada, foi agredida pola repoboación con pá mecánica coa que se realizaron 15 buratos no túmulo, resultando este xacemento arqueolóxico gravemente prexudicado.

Mariñaptrimonio e ADEGA lamentamos unha vez máis estas agresións ao noso Patrimonio cultural e, asemade, a inexistencia dun inventariado completo destes bens arqueolóxicos e dunha política axeitada de protección e conservación do patrimonio cultural, que acaba derivando tamén no prexuízo dos propietarios afectados.

EnlaceFotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/Mamoas

9/26/2011

ADEGA e MariñaPatrimonio conseguen que Patrimonio actúe por fin para protexer o xacemento arqueolóxico da Atalaia

MariñaPatrimonio e ADEGA, asociacións volcadas dende o 2006 na defensa do xacemento arqueolóxico do castro da Atalaia (San Cibrao- Cervo) afectado pola insaciable especulación urbanística, coa inestimable axuda das administracións públicas, felicítanse de ter conseguido que, por fin, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural adopte medidas para protexer as vulnerables estruturas do castro.

Dende que finalizaron as escavacións, ADEGA e mais MariñaPatrimonio viñemos demandando unha intervención no xacemento que evitase o seu deterioramento e preservase as citadas estruturas. A demora en adoptar estas medidas provocou no xacemento danos que denunciamos no seu día.

Hoxe, malia todo, cómpre felicitar aos responsables de Patrimonio por iniciar o tapado dos restos arqueolóxicos e, de maneira moi especial, felicitamos os veciños da Atalaia porque paso a paso, co seu esforzo e colaboración, logrouse salvar este importante ben cultural.

EnlaceFotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/TapadoRestosArqueoloxicosCastroDaAtalaia

7/19/2011

O patrimonio arqueológico de A Mariña no 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba.


O 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba, organizado polo Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e que terá lugar nesta vila entre os días 20 e 23 de xullo, contará coa presenza do patrimoinio arqueolóxico da Mariña a través de tres ponencias que estudan diferentes aspectos dos xacementos arqueolóxicos da praia de Area en Viveiro, do castro da Atalaia en San Cibrao e o xacemento do paleolítico inferior do río Covo en Cervo.

Entre as ponencias deste congreso, as relacionadas coa Mariña son:

“Pesca e marisqueo no xacemento de Area (Viveiro, Lugo)”

“Marisqueo, pesca e forxa no Castro de Punta Atalaia(San Cibrao, Lugo), avance de resultados do cuncheiro”. O cuncheiro obxecto de estudo foi parcialmente destruído polo concello de Cervo no ano 2006 con motivo da construción do polémico e inacabado observatorio de aves.

“Novos achados inferopaleolíticos na Área Cantábrica Lucense”. Estudo sobre os útiles líticos do paleolítico inferior que Mariñapatrimonio localizou en distintos puntos da Mariña como a enseada de Cegoñas – A Rega (Ribadeo); A Pampillosa en Foz e en Cervo os localizados na Senra, Trasbar , Viladesuso , Guioncho así como o destacado xacemento das terrazas do río Covo, onde se levan atopado máis de vinte útiles.

Dende Mariñapatrimonio amosamos a nosa satisfacción porque o Patrimonio arqueolóxico da Mariña sexa motivo de estudo por especialistas de recoñecido prestixio e estea presente neste 2º Congreso Internacional de Arqueoloxía.

Nesta ligazón pódense ver fotos do concheiro da Atalaia https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CuncheiroDoCastroDaAtalaia

e dos útiles líticos atopados na Mariña. https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/UtilesLiticosPaleoliticoInferior?authkey=Gv1sRgCML1z6qbhL2TggE





7/12/2011

Petróglifos podomorfos nas Anzas (Ribadeo).

Mariñapatrimonio informou o pasado mes de xuño ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia sobre a existencia dun posible petróglifo podomorfo nas Anzas (Ribadeo). Trala inspección do xacemento polos técnicos do Servizo de Patrimonio, este ben cultural foi incluído no inventario de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio, co nome de “As fádegas- as pisadas do Encanto” e coa clave GA 27051023, converténdose no primeiro petróglifo atopado en Ribadeo e o primeiro podomorfo da Mariña.

Este tipo de petróglifos son gravuras que representan a pegada do pé; aparecen nun pequeno número de penedos próximos á costa , especialmente na zona occidental da provincia de Pontevedra .

As gravuras de As Anzas reciben o nome de “As pisadas do encanto”, atópanse nos lindes da horta de produción ecolóxica de Elia e Vicente, coñecida como As Fádegas, nun vello camiño ao son do río Grande ou Alesancia, que ía dende as Anzas até Salcedo. Nesta rocha hai representadas unhas 11 pegadas do pé do Encanto e dúas cazoletas.

Relacionado con este petróglifo hai un valioso patrimonio inmaterial. Segundo recolle a lenda, nunha gran rocha á beira do río habita un Encanto, unha moza fermosa e loira que deixou as pegadas dos seus pés na laxe do camiño. Polo San Xoán a moza aparéceselles aos que pasan por alí amosando a súa fermosura e mailos seus tesouros así como unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro. A beleza da moza ou a cobiza do ouro, fai que a xente se achegue á rocha , o que provoca o seu encantamento , ficando para sempre no interior da rocha.

Mariñapatrimonio quere agradecerlles a asociación Cultural Alesancia das Anzas e en especial a Elia e Vicente a súa colaboración, que contribuíu a que hoxe estes petróglifos estean inventariados e gocen da protección que recolle a lei para este importante ben cultural.

Ligazón para as fotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/AsPisadasDoEncantoAsFadegasAsAnzasRibadeo

6/28/2011

Conferencia: “Os petróglifos. Gravuras rupestres ao aire libre” a cargo do arqueólogo Antonio de la Peña Santos

Antonio de la Peña é un dos máis recoñecidos expertos en gravuras rupestres. O próximo sábado 2 de xullo impartirá unha conferencia sobre os petróglifos en Galiza. A conferencia terá lugar no Museo do Mar de San Cibrao, comezará ás 20h e a súa entrada é libre e gratuíta.
Sen dúbida, esta é unha boa oportunidade para coñecer máis e mellor a manifestación artística máis xenuína da prehistoria galega.
Os petróglifos abundan especialmente nas Rías Baixas, aínda que tamén se atopan noutros lugares de Galiza. Dos primeiros que apareceron na Mariña lucense, tívose noticia a través de Mariñapatrimonio, trátase dos petróglifos do castro da Atalaia (San Cibrao- Cervo). Posteriormente esta asociación informou ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza a existencia doutros na Mariña, como os do castro do Coído en Cervo, os do castro de Burela en Burela e os do castro de Rueta en Cervo. Este último é un petróglifo con temática xeométrica, catro círculos unidos por un trazo, e constitúe o único destas características na Mariña.
Os catro petróglifos mencionados atópanse xa no inventario do Patrimonio Cultural de Galiza , considerados como Bens de Interese Cultural (BIP), polo que gozan da máxima protección que contempla a lei.
Mariñapatrimonio informou tamén a Patrimonio sobre un posible petróglifo en Ribadeo, que aínda non foi estudado por Cultura.
Estes achádegos abren a posibilidade de que, cun estudo sistemático nesta zona, aparezan outros que aporten novos datos para o estudo desta interesante manifestación cultural.


Velaí unha reseña do conferenciante Antonio de la Peña:

Antonio de la Peña Santos é arqueólogo. A súa actividade investigadora diríxese con preferencia cara á Idade do Bronce, á arte rupestre, ao mundo castrexo e ás orixes da cidade de Pontevedra. Desempeña o cargo de Conservador dos Fondos Arqueolóxicos do Museo Provincial de Pontevedra.
Participou en máis dun cento de congresos e reunións científicas da súa especialidade e en numerosas campañas de escavacións arqueolóxicas, dirixindo 23 campañas en 26 xacementos, entre eles os asentamentos de Lavapés, Torroso, Santa Tegra e a ponte do Burgo. Tamén localizou, catalogou e levantou calcos de máis de medio milleiro de complexos da arte rupestre galaica.

É membro de varias institucións culturais -como as Seccións de Arqueoloxía e de Historia da Arte do Instituto de Estudios Galegos, o ICOMOS, o Instituto Cultural Galaico-Minhoto, a Asociación Arqueolóxica Viguesa, o Centro de Estudios Históricos de Pontevedra, as Asociacións Profesionais de Arqueólogos de España e de Galicia, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Sociedade Para o Avance do Pensamento Crítico (ARP), a Franca Irmandade de Pontevedra, a Asociación Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, etc.- e do consello de redacción de varias publicacións periódicas de tema arqueolóxico e histórico -como Ars Praehistorica, Pontevedra Arqueológica, Brigantium, El Museo de Pontevedra ou Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais-. Académico correspondente da Reial Académia Catalana de Belles Arts. Premio Turoqua no 2003 e Cidade de Pontevedra no 2004.

Leva pronunciadas máis de trescentas oitenta conferencias e publicados vintedous libros e máis de douscentos setenta artigos en publicacións de tema arqueolóxico.



6/15/2011

ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian ao Conselleiro de Cultura ante a Fiscalía polo Castro de Atalaia



Ambas organizacións presentamos esta hoxe diante da Fiscalía unha denuncia contra o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, por non cumprir coa lexislación de protección patrimonial e non velar pola conservación do xacemento arqueolóxico Castro da Atalaia, sito en San Cibrao, no Concello de Cervo. Tras un ano desde que a Dirección Xeral de Patrimonio resolvese ditar o tapado provisorio do xacemento escavado ante o seu posible deterioro, e a pesar das reiteradas chamadas de atención feitas por MariñaPatrimonio e ADEGA ante a Consellaría, a día de hoxe aínda non se cumpriu dita resolución e o ben arqueolóxico está a sufrir danos irreparables.

A degradación do xacemento comezou no ano 2006, cando o Concello de Cervo concedeu licenza para a construción de tres edificios sobre o Castro da Atalaia. Tras as denuncias de ADEGA e MariñaPatrimonio, a anterior D.X. de Patrimonio determinou paralizar as obras, pero para cando chegou a orde de paralización, a construtora Promociones San Ciprián xa tiña destruído totalmente unha das parcelas do xacemento. Posteriormente, procedeuse á escavación en área das outras dúas parcelas non afectadas e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio pronunciáronse a favor da conservación in situ dos restos arqueolóxicos e en contra da construción dos edificios alegando a grande importancia destes restos.

En xuño de 2010, a D. X. de Patrimonio ditou a resolución na que obrigaba a Promociones San Ciprián a tapar novamente as parcelas escavadas no Castro da Atalaia, no que apareceron importantes estruturas dun asentamento galaico-romano, para protexer o xacemento. Nese mesmo mes Mariñapatrimonio comunicaba a caída dun muro dunha das cabanas do xacemento por mor das choivas e demandaba da Consellaría de Cultura a toma das medidas oportunas. Posteriormente, no mes de novembro, a mesma organización comunicaba á D.X. de Patrimonio os danos causados sobre os restos arqueolóxicos tras a caía duns taboleiros de considerable tamaño desde o alto da obra paralizada.

Unha vez denunciados os feitos, a Delegación de Cultura de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio emitiron dous expedientes nos que recoñeceron os danos descritos e engadiron outros como: “o anegamento das áreas escavadas”, “o debilitamento dos perfís “ así como “o forzamento das portas de acceso” e “o depósito incontrolado de restos de entullo, material de obras e lixo”. Tamén recoñeceron que “é obvio que unha continua e prolongada influencia das condicións meteorolóxicas adversas producirán un incremento do deterioro”.

Pero estas resolucións da Administración non se están a cumprir e o xacemento atópase nun grande perigo de desaparición. É por iso que Mariñapatrimonio e ADEGA urxen a actuación da Fiscalía para que depure responsabilidades e para que o máximo responsable público neste eido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asuma a súa obriga de protexer e conservar o patrimonio histórico-cultural de todos os galegos e galegas.

Na seguinte ligazón, póndense ver fotos do Castro de Atalaia: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CASTRODAATALAIAFOTOS

6/02/2011

Moutillós, enclave normando

Manuel Miranda, a carón da área que consideran foi
unha fortificación normanda. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Recollemos aquí o interesante artigo sobre o posible asentamento normando do Vicedo da xornalista Cristina L. Felipe publicado hoxe no xornal El Progreso.


02/06/2011 - Cristina L. Felipe / El Progreso (O Vicedo)

De poucos se sabe porque non están á vista, xa non existen ou se modificaron tanto que non se recoñecen, pero o litoral mariñán conta cun importante número de restos arqueolóxicos de asentamentos que non só se reducen ós castros. As invasións normandas deixaron a súa pegada na comarca en forma de fortificacións que falan dun pasado que, hoxe, mentes inquedas se afanan por estudar e sacar á luz. Unha destas localizacións é Moutillós, ó pé da praia vicedense de San Román.

A historia deste achádego comeza na indagación do profesor de Xornalismo da USC e investigador Manuel Gago, moi interesado nas invasións normandas en Galicia, das que existe documentación aínda que ata agora non estaban concretadas localizacións físicas. Trátase do mesmo estudo que o levou a descubrir aí a base dunha antiga fortificación en Foz, que aporta base real á lenda do Bispo Santo. O caso do Vicedo é diferente, pois non sería un afortalamento dos nativos contra as invasións, senón un asentamento dos invasores, nin máis nin menos o primeiro asentamento normando que se coñece en Galicia.

O historiador Manuel Miranda, da asociación Mariña Patrimonio, axudou á identificación de Moutillóns do seguinte xeito: «Gago comentaba que estes asentamentos son coñecidos como motas», así que empezou a buscar topónimos coincidentes ca palabra mota que puideran ter relación con estes afortalamentos, e así atopou Moutillós, o primeiro, aínda que asegura que existen máis. As motas «son montículos de terra levantados de forma artificial que funcionan como defensa, unha especie de protocastelo». Porén, as motas normandas teñen unha particularidade, pois «á parte do montículo tiñan un recinto onde estarían resgardadas as casas». Son as «‘motte & bailey’», engade Gago, que son habituais na Normandía francesa e nas Illas Británicas a partir da invasión de Inglaterra do ano 1066». O sitio arqueolóxico de Moutillós, di Miranda, «é unha fotocopia exacta das motas normandas».

«Sabíase que en Moutillós había un xacemento e considerábase que podía ser un castro, pero non ten nada que ver», asegura o de Mariña Patrimonio. Gago apoia esta afirmación argumentando que o lugar vicedense ten unha configuración específica dentro dos asentamentos fortificados costeiros da Mariña, pois a súa estrutura, «máis que castrexa ou propia da Idade de Ferro, revela interesantes coincidencias cos sistemas defensivos ‘motte & bailey’; é dicir, consta dun foxo, unha pequena muralla externa e unha mota artificial no centro, próxima ao cantil, que revela unha noción militar diferente á da Idade do Ferro tan abundante na costa luguesa».

O profesor cre necesaria unha investigación máis profunda para revelar a cronoloxía do asentamento. Na opinión de Miranda, «sen unha excavación é imposible saber se é unha mota normanda. A toponimia coincide e a estrutura tamén». Incluso a localización semella ideal, pois está nun alto da praia cun porto natural que conforman Os Castelos. «O sitio está escollido, non é casualidade que se asentaran alí», conclúe.


Danos ao Patrimonio nos concellos de Viveiro e Xove(Lugo).


ADEGA e MariñaPAtrimonio denunciamos perante O Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza e o SEPRONA posibles danos provocados nos xacementos arqueolóxicos de o castro do Castelo de Celeiro (Viveiro) , o castro do Coto da Vela e un castro próximo a Pereiraboa, ambos en Xove. Estes danos son consecuencia da tala e posterior plantación do monte de eucaliptos con maquinaria pesada.

Dende estas asociacións comprobamos como nos citados xacementos arqueolóxicos se fixeron remocións de terra con pas mecánicas para a apertura de novos camiños, chegando mesmo a cortar os parapetos de defensa dun castro. Estas remocións de terra con medios mecánicos tamén se levaron a cabo na posterior replantación do monte, que deixou á vista restos arqueolóxicos: cerámica, muíños... que evidencian os danos provocados nos xacementos.

Unha vez máis preguntámonos onde están os poderes públicos, Concellos e Xunta, que por lei teñen a obriga de velar e protexer o Patrimonio que é de todos.

Non deixa de ser paradóxico que o poder público coa máxima responsabilidade na defensa do Patrimonio, a Xunta de Galiza, sexa a mesma que autoriza as talas con maquinaria pesada en xacementos arqueolóxicos inventariados, sabendo a destrución que provoca o uso desta maquinaria.

Estes danos no Patrimonio son habituais; existen informes que demostran como estas prácticas forestais ocasionan a maioría das destrucións que sofre o Patrimonio de Galiza.

Dende ADEGA e MariñaPAtrimonio agradecemos a colaboración cidadá e animamos para que sigan informándonos sobre estas desfeitas e así intentar entre todos poñer freo á destrución do noso Patrimonio.

Fotos Coto da Vela

https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroCotoDaVelaXOVE#

Fotos Pereiraboa
https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroProximoAPereiraboaXove#

Fotos O Castelo de Celeiro
https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroCasteloDeCeleiro#