11/10/2016

O SERVIZO DE PATRIMONIO DE LUGO NON ACTÚA ADECUADAMENTE PARA PROTEXER UN XACEMENTO ARQUEOLÓXICO EN CERVO, CONSIDERADO ÚNICO EN GALIZA

Patrimonio puido ter evitado os graves danos sufridos recentemente polo xacemento 
ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de denunciar perante o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no concello de Cervo. Os danos foron ocasionados no transcurso dos labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.
A Mourisca é un sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín, situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges, e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos arqueolóxicos.
Antes de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA poñémonos en contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca tivemos a oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar e protexer este singular ben patrimonial.
En consecuencia, o 27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun dos recintos circulares. Posteriormente, os técnicos de Lugo incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas estruturas como Referencias coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, o feito de incluír no Inventario un lugar como Referencia supón que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o lugar queda sen a debida protección.
Por este motivo, ADEGA e Mariña Patrimonio temos explicado a anómala situación de A Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo e mesmo con Patrimonio.
Posiblemente froito destes contactos, en maio a prensa facíase eco da existencia do sitio arqueolóxico de A Mourisca, ao tempo que reproducía as declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio nas que se anunciaba a corrección da ficha que fora elaborada polo Servizo de Patrimonio de Lugo: «Respecto dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de referencia a xacemento arqueolóxico». 
 
Lamentablemente a corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso e, así mesmo, agardamos que Patrimonio sexa quen de definir onde fallou o Servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo este Servizo nos danos que sufriu o sitio arqueolóxico de A Mourisca, por non contar este ben patrimonial coa necesaria protección, pese as nosas reiteradas advertencias.





10/17/2016

A XUNTA, FINALMENTE, ESCAVA O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS ONDE NEGABA A EXISTENCIA DE RESTOS DE CERAMICA ROMANA

 
  • Centos de fragmentos cerámicos foron rescatados no transcurso dos traballos.
  • A Xunta realizou a escavación sen necesidade de construír o dique de protección que esixía ás oito entidades que se ofrecían voluntarias para retirar os restos arqueolóxicos antes de que foran arrastrados polo mar.
ADEGA e Mariña Patrimonio dámoslles os parabéns a todas as persoas e a todos os colectivos que se moveron na procura dunha solución que evitase a desaparición do xacemento arqueolóxico do forno romano de Esteiro, afectado gravemente tralos temporais de marzo de 2014.

Debido á inevitable destrución do sitio arqueolóxico pola acción do mar, tivemos claro desde o comezo que cumpría unha urxente intervención encamiñada a recoller os centos de fragmentos cerámicos dos dolium así como a documentar as estruturas do xacemento. Despois de terlle comunicado ao Servizo de Patrimonio de Lugo a situación na que se atopaba o forno de Esteiro, e tras solicitarlle a recollida dos numerosos restos de cerámica, na súa resposta por escrito informaba textualmente: “Os técnicos deste Servizo fixeron unha inspección do xacemento o día 11.03.2014 e non atoparon indicios de materiais arqueolóxicos mobles”.

Debido a esta insólita negación da realidade,oito colectivos culturais (Mariñapatrimonio, ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo) xuntamos esforzos para promover voluntariamente a necesaria intervención arqueolóxica, polo que contactamos cun grupo de arqueólogos que elaboraron un proxecto de escavación. Porén, unha vez máis, alguén desde Patrimonio decidiu boicotear unha acaída solución para o xacemento de Esteiro ao poñer como condición sine qua non a construción dun dique que protexese o xacemento das crecidas do mar. O elevado custe que supoñía a construción do “imprescindible” dique obrigounos a renunciar á mencionada escavación. Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para a escavación executada recentemente pola Xunta.

Malia todo, dámoslle tamén os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio por ter reconducido esta absurda situación e por ter asumido a intervención arqueolóxica que achegou novos datos do xacemento, permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio, negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.

As persoas que hoxe se acheguen ao sitio arqueolóxico comprobarán que o forno de Esteiro quedou novamente tapado e que non foi imprescindible construír o dique de protección que a nós se nos esixía con tanto celo. Sospeitamos que a finalidade da incondicional construción do dique non era a de frear o mar, senón a de frear a cidadanía que se move en defensa do patrimonio común.







9/01/2016

Pantasmas do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval. Conferencia de Manuel Gago en O Vicedo.




As asociacións Mariña Patrimonio e Nordés Faladora vimos de organizar para o sábado 10 de setembro unha conferencia a cargo do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago Mariño, co título "Pantasmas do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval”. Esta actividade, con entrada libre e gratuíta, terá lugar ás 20.00h na Casa de Cultura de o concello de O Vicedo.
A xornada completarémola cunha visita ao mosteiro de San Miguel na illa Coelleira, que partirá do porto de O Vicedo ás 10.00h. Dado que a visita á Coelleira ten límite de prazas, é imprescindible ter feita a reserva previamente.
Ás 14.30h haberá un xantar na Casa Fanego de San Román e as persoas que queiran participar nel teñen como data límite para anotarse o mércores 7 de setembro. Finalmente, tralo xantar, faremos unha visita ao xacemento arqueolóxico de Os Moutillós.
Para coñecer os prezos e as condicións da viaxe á Coelleira así como o custe do xantar, cómpre contactar con Miguel Vizoso no teléfono 619 55 32 36.

6/06/2016

A MURALLA DE LUGO PLANTARASE DE EUCALIPTOS NO ARDE LUCUS

As asociacións ADEGA, Cultura do País e Mariña Patrimonio organizamos para o sábado 18 de xuño unha plantación de eucaliptos no adarve da muralla de Lugo. Con este acto pretendemos visibilizar a destrución masiva e indiscriminada do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria forestal.

Aproveitando a xornada de festa do Arde Lucus, na que moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta, os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterémonos por uns momentos en axentes da industria do eucalipto. Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de “ningún xacemento sen eucaliptos”, procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal, farémolo sen pedir permiso a Patrimonio.

A actividade do 18 de xuño terá lugar ás 13.00h no adarve da muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. A continuación haberá un xantar de confraternidade no Lar de Cultura do País. Para rematar a xornada, tras o xantar faremos unha visita guiada a Adai para coñecer o seu impresionante patrimonio arqueolóxico.

As persoas que desexen participar no xantar e/ou na visita guiada, deberán anotarse en
culturadopais@gmail.com ou mr.patrimonio@gmail.com ou no tfn. 619 553 236 (Miguel).

6/01/2016

ADEGA E MARIÑA-PATRIMONIO DENUNCIAN DANOS MASIVOS AO PATRIMONIO HISTÓRICO-ARQUEOLÓXICO POLA INDUSTRIA DO EUCALIPTO



ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de presentar 40 novas denuncias por danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto: plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada, etc. De feito, no N da provincia de Lugo, unha área intensamente eucaliptizada, levamos documentado e presentado nos últimos 5 anos un total de 56 denuncias. ADEGA e MariñaPatrimonio coidamos que boa parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica (uns 500), poden estar afectados nalgunha medida polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto.

Entre estes últimos 40 xacementos afectados figuran 2 abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de idade indeterminada.

Por concellos, as afeccións documentadas distribúense do seguinte xeito:
Abadín, 3
Lourenzá, 1
O Vicedo, 2
Alfoz, 3
Mondoñedo, 5
Viveiro, 2
Barreiros, 3
Trabada, 1
Xove, 5
Foz, 3
Valadouro, 11
Friol, 1

Coidamos que estas 40 novas denuncias són só unha pequeña mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos submetidos á ditadura do eucalipto. Extrapolando os datos ao preto do medio millón de hectáreas eucaliptizadas en Galiza, a magnitude da afección patrimonial (con danos por veces irreparábeis sobre o ben, chegando mesmo até a desaparición do xacemento) e o impacto cultural asociado, podería ser inmensa.
As responsabilidades destas desfeitas distribúense, na opinión de ADEGA e MariñaPatrimonio, a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta de Galiza. A primeira, por actuar irresponsabelmente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE. No tocante á Xunta, a súa responsabilidade é quizáis maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixianza e control dun valiosísimo patrimonio público.

E perante a inoperancia da administración, somos a cidadanía organizada a que estamos asumindo o papel de tutelar estes bens. Seguiremos a documentar e a denunciar perante os servizos de Patrimonio e o SEPRONA todos aqueles casos que poidamos constatar nos que se produzan danos ao noso patrimonio. Valéndonos da listaxe dos xacementos e contando cos recursos que as novas tecnoloxías ofrecen, con actualizacións periódicas de imaxes de satélite, pódese facilmente comprobar se houbo cortas e/ou plantacións de eucaliptos sobre unha determinada zona. Como é que a Xunta non o fai contando con moitos máis recursos?

Perante esta situación, ADEGA e MariñaPatrimonio pediremos tamén áo amparo da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, para frear a destrución masiva dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a inoperancia da Xunta.


5/08/2016

EUCALIPTOS NO CASTRO DA VELA



Ás veces é difícil demostrar unha agresión ao patrimonio e saber se está dentro dos límites do xacemento. Porén, nas novas tecnoloxías temos un bo aliado e unha boa testemuña, tal e como se pode apreciar neste caso do Castro da Vela.
Alguén dubida  que esta plantación de eucaliptos e a correspondente remoción de terras (obsérvense os buratos)  afectou  o sitio arqueolóxico? Alguén dubida que esta parcela coa nova plantación de eucaliptos está dentro do castro?

4/23/2016

80 EUCALIPTOS PARA UNHA MÁMOA


Seguimos observando agresións salvaxes ao patrimonio e  seguimos sorprendéndonos e escandalizándonos do que a industria forestal está a facer. A última, na mámoa do Chao da Moa. Profundos sucos, pedras desprazadas e uns 80 eucaliptos enriba do túmulo.
 


4/10/2016

ROZA DA LAMELA, ANTES E DESPOIS DOS EUCALIPTOS



Así queda un campo de mámoas tralo paso dos integristas do eucalipto; integristas porque pretenden que Galiza estea integramente plantada de eucaliptos.

3/15/2016

Un castro recén inventariado en Mondoñedo arrasado por unha plantación de eucaliptos

En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.

Foi por iniciativa de MariñaPatrimonio que este xacemento da idade do ferro, coñecido como o Castro do Monte da Arca de Argomoso, acadou a protección oficial, aínda que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro
"Los castros y mámoas de Galicia" en 1876.

Tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.

Hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites.
VER FOTOS 

Dende ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de denunciar estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delicto contra o patrimonio cultural tipificados no Código Penal nos artigos 321 a 324.

Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non governamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico.

O máis grave é que non se trata dun caso illado: son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel como é o caso, polos labores asociados ao monocuiltivo do eucalipto. Paradoxalmente, moitas destas plantacións de eucaliptos son despois certificadas co selo FSC, que garante un aproveitamento forestal "sustentábel"...
Ligazóns

12/14/2015

O CASTELO DO MONTE DA ARCA DE ARGOMOSO, NOVO CASTRO INVENTARIADO NO CONCELLO DE MONDOÑEDO.


O Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e coa clave de identificación: GA27030036
O castro do Monte da Arca de Argomoso, aínda que non figuraba no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, xa o historiador José Villamil Y Castro no seu libro Los castros y mámoas de Galicia (1876) fai referencia a el describíndoo do seguinte xeito:
“En el llamado Monte d´arca, que domina á la cíudad de Mondoñedo, existe la que dicen Modorra de los Moros. Está situada en la Croa del monte y compuesta de un área de 300 metros de circulo, defendida por triple parapeto, fabricado de gruesa pared, y de un profundo foso, muy perceptible desde muchos sitios de la ciudad de Mondoñedo, que la rodea por un tercio de su circuito, único por donde necesita semejante defensa, pues por los otros dos, la ladera, al NO, del monte, se presenta tan asperísima (y en parajes completamente vertical), que sólo es visitada por los corpulentos buitres que anidan en las anfractuosidades de la rocas que la componen”.
Con esta inclusión, o castro do Monte da Arca de Argomoso súmase oficialmente ao rico e abondoso patrimonio arqueolóxico que atesoura o concello de Mondoñedo.