10/14/2019

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL

Mariña Patrimonio organiza para o día 27 de outubro unha visita guiadada ao concello de Ourol para coñecer o  seu patrimonio civil e relixioso máis salientable. Ademais de a Ourol, achegarémonos a Bravos, Xerdiz e Vilares.
No caso de que haxa un número suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en bus con traxecto Foz - Ourol (con paradas intermedias, das que se informará así como dos horarios). Esta opción é a máis recomendable xa que hai que moverse de visita a visita. As persoas que estean máis afastadas, poderían incorporarse ao bus en Foz. Como vén sendo habitual neste tipo de saídas, haberá un xantar no que poderán participar todas as persoas que o desexen.
A data límite para anotarse remata o luns 21 de outubro. As persoas interesadas que nolo fagan saber a través do correo mr.patrimonio@gmail.com  indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan, para ter tempo de contratar o bus e reservar o lugar para xantar.

10/07/2019

Ruta Xeolóxica

 Na ruta xeolóxica organizada por Seminario de Estudos Os Espigueiros e Mariña Patrimonio pola costa de Barreiros. Unha ruta na que contamos coas magníficas explicacións do xeólogo Fran Canosa.


9/30/2019

Visita á estrutura circular de Xove


Sorpresa agradable ao comprobar o interese en coñecer o redescuberto henge de Lavandeira, en Xove. Arredor de 20 persoas responderon á convocatoria-quedada realizada nas últimas horas polo Concello de Xove e Mariña Patrimonio para comprobar in situ o aspecto que ofrece este interesante xacemento, tras a intervención do departamento de estradas da Xunta de Galicia.
Santiago Nogueira, arqueólogo que supervisou os traballos efectuados, realizou unha sinxela descrición deste henge, estrutura circular de 50 metros de diámetro que posuía un muro de pedra pola súa cara interior, mentres o perímetro exterior estaba rematado por unha acumulación de terra e xabre e rodeado por un foxo. Avanzou tamén que se atoparon indicios no seu interior doutra estrutura circular, concéntrica coa exterior, de pedras que poderían constituír un cromlech, algo habitual nos henges coñecidos.

8/23/2019

Xeotéxtil

 O pasado 23 de xullo a Conselleria de Cultura ditou unha resolución que obrigaba a protexer con xeotéxtil e camada de áridos as estruturas da sauna da Atalaia.
Sobre o xeotéxtil foi depositada unha capa de áridos tan escasa que, co trasego da maquinaria pesada, entre as rodeiras das máquinas xa asoma o xeotéxtil.



Sauna da Atalaia 1974

Celina Fernández Ponte facilitounos amablemente estas fotografías familiares nas que se pode ver a sauna da Atalaia, que naquel entón consideraban unha edificación fenicia.
Curioso o cartel prohibindo facer escavacións.

Últimas fotos da sauna da Atalaia.

 O pasado 6 de agosto na sauna da Atalaia a medida que ían metendo tubo ían aparecendo novos vestixios, que os operarios ían tapando. Nestas fotos pódese observar a segunda pedra formosa e mais unha nova estancia, en cuxas paredes se aprecian uns ocos semellantes aos xa aparecidos noutras dependencias desta monumental edificación.
Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo contaranos algún día por que decidiron tapar este excepcional achado, sen realizar ningún estudo arqueolóxico?

8/11/2019

Tapado da sauna do castro da Atalaia.


DÚAS CUESTIÓNS IMPORTANTES:
1.- A intervención arqueolóxica que se realizou na sauna da Atalaia, redescuberta no transcurso das obras realizadas polo Concello, foi simplemente un control arqueolóxico. Non houbo, por tanto, nin escavación nin estudo arqueolóxico.
2.- Malia a que a Xunta considera esta sauna de extraordinario interese arqueolóxico, decidiu tapala sen realizar as escavacións e os estudos que requiriría este importante ben patrimonial.
Pola súa banda, o Concello proximamente pavimentará de novo a rúa na que se atopa a sauna. Está claro que se non se aproveitou no seu momento para escavala e estudala, tampouco se vai facer unha vez rematada a nova rúa.
Mariña Patrimonio considera que Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo debería explicar por que se actúa deste xeito cun dos achados arqueolóxicos máis importantes dos que se teñen descuberto en Galicia nos últimos anos.



Sauna do castro da Atalaia

Mariña Patrimonio agradécelles ao arqueólogo Emilio Ramil e ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a súa participación no acto celebrado o pasado martes sobre a sauna do castro da Atalaia. Grazas á información que achegaron ambos, quedou patente a enorme importancia desta sauna, á que Emilio Ramil cualificou como unha auténtica xoia da arqueoloxía.

8/04/2019

Acto divulgativo sobre a sauna do castro da Atalaia.

O próximo martes 6 de agosto, ás 20.00h, teremos na Casa da Cultura de San Cibrao un acto divulgativo sobre a sauna do castro da Atalaia. Neste acto participarán o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o arqueólogo que dirixiu a intervención arqueolóxica, Emilio Ramil.

7/01/2019

VISITA AO PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DA PONTENOVA


Este sábado 29 de xuño o grupo de case trinta persoas madrugou un pouco para poder aproveitar a xornada programada na Pontenova, un concello que posúe lugares e tesouros pouco coñecidos, pero non por iso menos interesantes. Arredor das 10 da mañá chegamos a Vilarxubín, unha aldea do sur do concello, ubicada nunha das ladeiras do río e da fraga das Reigadas. A súa fermosa arquitectura popular, deteriorada mais escasamente alterada, aínda mantén unha riqueza excepcional: hórreos de montaña e hórreos mariñáns complementan o conxunto de casas e calellas nas que a pedra de lousa e a madeira se combinan para dar lugar a formas singulares, conformando un harmónico conxunto. Ademais da arquitectura, Vilarxubín alberga outros tesouros de grande interese, que nos axudou a entender Miguel Losada, o antropólogo que nos acompañou nesta visita, aportando un valor engadido coas súas explicacións sobre os amuletos ou elementos simbólicos das sociedades tradicionais, coma a galega, e que son chamativamente abundantes nesta aldea.


Sobre as 12 o grupo desprazouse a outro dos lugares sinalados da Pontenova, o santuario de Conforto, un dos centros relixiosos máis emblemáticos na comarca pola devoción que esperta a pequena e fermosa talla da Virxe, aparecida no século XVII. Para coñecer este Santuario contamos coa guía inestimable do sacerdote Carlos Miranda, natural deste concello e párroco de Ribadeo, vinculado a este lugar de xeito moi especial desde a súa infancia. O templo ten un grande interese pola profusión de retablos e pequenos tesouros que foi acumulando ao longo da súa historia, e que se atopan expostos tanto no interior da igrexa coma no pequeno museo de arte sacra, creado a carón do cemiterio.
Da man de Carlos Miranda visitamos tamén a igrexa parroquial de Vilameá, de similar factura arquitectónica á de Conforto, que alberga un pequeno e valioso retablo barroco do século XVI, un gran retablo maior, con valiosa imaxinería barroca, e unha fermosa fachada lateral.
Despois dunha opípara comida en Casa Balbina, o plan da tarde estivo adicado ao amplo patrimonio de arqueoloxía industrial deste concello. As minas de Vilaodriz constituíron durante os comezos do século XX un dos grandes complexos da minaría do ferro do país, ao que se daba saída cara o cargadoiro de Ribadeo mediante unha vía férrea, hoxe convertida en senda verde. O guía de turismo municipal, Juan Carlos Pardo, explicounos na antiga estación ferroviaria, habilitada como oficina de turismo, a historia desta etapa. A continuación guiounos nun percorrido por diversos puntos da mina (galerías, restos do teleférico, túneis e mais o forno en restauración), un complexo arqueolóxico que o Concello pretende recuperar e que constitúe un recurso turístico de gran potencial e interese pola singularidade e envergadura desta explotación, aínda hoxe pouco coñecida.

Pasadas as sete do serán, satisfeitos e sorprendidos diante da grande riqueza patrimonial destas terras, rematamos a xornada.
Dende Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa admiración e gratitude a Miguel Losada e a Carlos Miranda, que nos aportaron dúas miradas distintas pero igual de interesantes sobre o patrimonio espiritual destas terras. Así mesmo, agradecemos a excelente atención prestada polo Concello da Pontenova e do seu guía de turismo, Juan Carlos Pardo.