Fotografías da interesante visita realizada o pasado domingo 27 de
outubro ao rico patrimonio do concello de Ourol. Unha vista guiada por
Anxo Vázquez, a quen agradecemos a súa xenerosa colaboración.
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/ETwtiz4AXLfSc6Km7
10/28/2019
10/14/2019
VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL
Mariña Patrimonio organiza para
o día 27 de outubro unha visita guiadada ao concello de Ourol para
coñecer o seu patrimonio civil e relixioso máis
salientable. Ademais de a Ourol, achegarémonos a Bravos, Xerdiz e
Vilares.
No caso de que haxa un número
suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en
bus con traxecto Foz - Ourol (con paradas intermedias, das
que se informará así como dos horarios). Esta opción é a máis
recomendable xa que hai que moverse de visita a visita. As
persoas que estean máis afastadas, poderían incorporarse ao bus
en Foz. Como vén sendo habitual neste tipo de saídas, haberá
un xantar no que poderán participar todas as persoas que o desexen.
A data límite para anotarse remata o
luns 21 de outubro. As persoas interesadas que nolo fagan saber a
través do correo mr.patrimonio@gmail.com
indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle
interesan, para ter tempo de contratar o bus e
reservar o lugar para xantar.
10/07/2019
Ruta Xeolóxica
Na ruta xeolóxica organizada por Seminario de Estudos Os Espigueiros e Mariña Patrimonio pola costa de Barreiros. Unha ruta na que contamos coas magníficas explicacións do xeólogo Fran Canosa.
9/30/2019
Visita á estrutura circular de Xove
Sorpresa agradable ao comprobar o interese en coñecer o redescuberto
henge de Lavandeira, en Xove. Arredor de 20 persoas responderon á
convocatoria-quedada realizada nas últimas horas polo Concello de Xove e
Mariña Patrimonio para comprobar in situ o aspecto que ofrece este
interesante xacemento, tras a intervención do departamento de estradas
da Xunta de Galicia.
Santiago Nogueira, arqueólogo que supervisou os traballos efectuados, realizou
unha sinxela descrición deste henge, estrutura circular de 50 metros de
diámetro que posuía un muro de pedra pola súa cara interior, mentres o
perímetro exterior estaba rematado por unha acumulación de terra e xabre
e rodeado por un foxo. Avanzou tamén que se atoparon indicios no seu
interior doutra estrutura circular, concéntrica coa exterior, de pedras
que poderían constituír un cromlech, algo habitual nos henges coñecidos.
8/23/2019
Xeotéxtil
Sobre o xeotéxtil foi depositada unha capa de áridos tan escasa que, co trasego da maquinaria pesada, entre as rodeiras das máquinas xa asoma o xeotéxtil.
Sauna da Atalaia 1974

Curioso o cartel prohibindo facer escavacións.
Últimas fotos da sauna da Atalaia.
O pasado 6 de agosto na sauna da Atalaia a medida que ían metendo tubo
ían aparecendo novos vestixios, que os operarios ían tapando. Nestas
fotos pódese observar a segunda pedra formosa e mais unha nova estancia,
en cuxas paredes se aprecian uns ocos semellantes aos xa aparecidos
noutras dependencias desta monumental edificación.
Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo contaranos algún día por que decidiron tapar este excepcional achado, sen realizar ningún estudo arqueolóxico?
Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo contaranos algún día por que decidiron tapar este excepcional achado, sen realizar ningún estudo arqueolóxico?
8/11/2019
Tapado da sauna do castro da Atalaia.
1.- A intervención arqueolóxica que se realizou na sauna da Atalaia, redescuberta no transcurso das obras realizadas polo Concello, foi simplemente un control arqueolóxico. Non houbo, por tanto, nin escavación nin estudo arqueolóxico.
2.- Malia a que a Xunta considera esta sauna de extraordinario interese arqueolóxico, decidiu tapala sen realizar as escavacións e os estudos que requiriría este importante ben patrimonial.
Pola súa banda, o Concello proximamente pavimentará de novo a rúa na que se atopa a sauna. Está claro que se non se aproveitou no seu momento para escavala e estudala, tampouco se vai facer unha vez rematada a nova rúa.
Mariña Patrimonio considera que Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo debería explicar por que se actúa deste xeito cun dos achados arqueolóxicos máis importantes dos que se teñen descuberto en Galicia nos últimos anos.
Sauna do castro da Atalaia
Mariña Patrimonio agradécelles ao arqueólogo Emilio Ramil e ao alcalde
de Cervo, Alfonso Villares, a súa participación no acto celebrado o
pasado martes sobre a sauna do castro da Atalaia. Grazas á información
que achegaron ambos, quedou patente a enorme importancia desta sauna, á
que Emilio Ramil cualificou como unha auténtica xoia da arqueoloxía.
8/04/2019
Acto divulgativo sobre a sauna do castro da Atalaia.
O próximo martes 6 de agosto, ás 20.00h, teremos na Casa
da Cultura de San Cibrao un acto divulgativo sobre a sauna do castro da
Atalaia. Neste acto participarán o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e
o arqueólogo que dirixiu a intervención arqueolóxica, Emilio Ramil.
Subscrever:
Mensagens (Atom)







