2/13/2020
Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada
A Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo de Barreiros e Mariña
Patrimonio, en colaboración co Concello de Barreiros e a Área de Cultura
da Deputación de Lugo, organizamos para o próximo 14 de febreiro a
conferencia “Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada”. A
conferencia, que será impartida polo antropólogo Rafa Quintía, terá
lugar ás 20.00h no Centro Social San Cosme de Barreiros.
12/16/2019
CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE O PATRIMONIO INMATERIAL DO MAR NO MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO
As
charlas, organizadas pola asociación sociocultural Mariña
Patrimonio, terán lugar ao longo de varias xornadas neste mes de
decembro.
Co título “Escoitando o mar”, Mariña Patrimonio organiza un
ciclo de conferencias coas que pecha as actividades culturais que
levan organizado ao longo deste ano. O próximo día 20 comezarán as
xornadas coa conferencia “Foula de prata: a bordo da tradición
oral marítima” a cargo do Secretario da Sociedade Antropolóxica
Galega (SAGA), Miguel Losada e Enrique Blanco, Ex - Director CEIP
Noia. O 26 de decembro Anxo Muíños, escritor e patrón de pesca,
falará sobre “Mitos do mar: O alén dos barqueiros” e o 27
deste mesmo mes a conferencia “A onomástica naval na Galicia de
antano: unha odisea relixiosa, cultural e afectiva” a cargo do
profesor da UDC, José Manuel Vázquez Lijó, cerrará estas xornadas
que terán lugar no Museo do Mar de San Cibrao e que contan coa
colaboración da Rede Museística Provincial e maila Área de Cultura
da Deputación Provincial de Lugo.
11/25/2019
PATRIMONIO LUCENSE FÓRA DE MURALLAS
Visita organizada por Mariña Patrimonio con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial
A choiva non impediu ao aguerrido grupo de persoas, que respondeu á convocatoria de Mariña Patrimonio, coñecer outra perspectiva da capital provincial diferente e non menos interesante que a que rodea a súa muralla romana.
Guido (Guido Guía), o guía que deseñou con moi bo criterio o itinerario desta excursión, iniciou no parque Rosalía de Castro o percorrido, que tivo a súa primeira parada na estupenda Sala de Exposicións da Porta Miñá, onde puidemos obter unha síntese moi completa do Lugo romano, así como unha breve visita á Igrexa do Carme, moi ben explicada por Santiago Iglesias, membro da Confraría carmelita. Con este prometedor punto de partida iniciamos un curioso paseo polas entrañas do barrio do Carme, un verdadeiro espazo rural dentro da cidade, degradado e esquecido, por onde a cidade baixa cara o Miño pola antiga vía XIX que atravesa o río no barrio da ponte, así como o Camiño primitivo que conduce a Compostela.
Guido conseguiu contaxiarnos o seu especial apego emocional a este lugar, sorprendentemente preservado da expansión urbana a pesar da súa proximidade ao centro. Esta circunstancia permite albergar a esperanza de que no futuro inmediato poidan levarse a cabo proxectos de investigación arqueolóxica e revalorización desta vía principal de saída histórica do Lugo romano e do Lugo medieval, sen perder a súa condición de espazo verde.
Chegados á ponte romana, percorremos a ribeira, río arriba, pola marxe esquerda para atravesalo pola nova pasarela peonil que conduce ao barrio de San Lázaro, en cuxa igrexa, noutrora capela do antigo hospital de leprosos ou lazareto, nos acolleu Abraham, o cura Párroco, que nos resumiu a historia dese barrio, moi vinculado ao Camiño, como punto de control sanitario da cidade.
Despois dunha espléndida comida no restaurante A Calzada Bar , na rúa da Calzada da Ponte, emprendemos a segunda parte da nosa excursión que nos transportou no tempo á Idade do bronce e no espazo á Adai, unha parroquia situada ao oeste da cidade desde onde se ofrece unha grandiosa panorámica da cidade de Lugo. Para esta visita, Guido emprazou a dúas persoas, Brais Rodríguez e Xabier Moure, que traballan activamente na defensa e promoción do patrimonio e son bos coñecedores deste lugar tan especial. O monte de Adai constitúe un verdadeiro parque arqueolóxico que parece ter a súa orixe, cando menos, na Idade do bronce e que concentra nunha área de poucas hectáreas numerosas mámoas e petróglifos, unha espectacular estrutura circular, do tipo da Roda de Barreiros e unha plataforma de rocha granítica con forma elíptica duns 12x6 metros, perimetrada por unha serie perfectamente ordenada de buratos que compoñen unha misteriosa estrutura, que pode parecer a base dunha cabana pero que da pé a imaxinar outras interpretacións.
Sen dúbida, o concello de Lugo ten en Adai un tesouro arqueolóxico de extraordinario valor patrimonial e gran potencial turístico. A vinculación de Lugo ao mundo romano non debería impedir que espazos como este quedaran esquecidos. Desde Mariña Patrimonio queremos animar ao Concello de Lugo e aos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia a que realicen un esforzo para iniciar o estudo deste espazo arqueolóxico que, a pouco que se gaste nel, devolverá con creces o investimento feito.
11/10/2019
PATRIMONIO LUCENSE FÓRA DE MURALLAS Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial
Mariña Patrimonio organiza unha visita
a Lugo o día 23 de novembro para coñecer parte do patrimonio menos
coñecido desta cidade. Para esta actividade disporemos dun guía
especializado que nos acompañará na visita aos barrios do Carme e
da Ponte pola mañá e a Adai pola tarde.
O traxecto do bus vai depender das
persoas que o soliciten, polo que pedimos que nolo fagan saber canto
antes (antes do venres 15 de novembro)), indicando nome, se é
socio/a ou non, teléfono de contacto e lugar de residencia, para ter
tempo de contratar o bus (prazas limitadas) e reservar lugar
para xantar.
Comunicaremos a inscrición ata que se
chegue ao límite de prazas, a partir do cal tamén se comunicará a
imposibilidade de inscrición. O luns 18 informaremos ás persoas
anotadas sobre os horarios do bus e o número de conta para efectuar
o ingreso correspondente.
10/28/2019
VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL.
Fotografías da interesante visita realizada o pasado domingo 27 de
outubro ao rico patrimonio do concello de Ourol. Unha vista guiada por
Anxo Vázquez, a quen agradecemos a súa xenerosa colaboración.
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/ETwtiz4AXLfSc6Km7
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/ETwtiz4AXLfSc6Km7
10/14/2019
VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL
Mariña Patrimonio organiza para
o día 27 de outubro unha visita guiadada ao concello de Ourol para
coñecer o seu patrimonio civil e relixioso máis
salientable. Ademais de a Ourol, achegarémonos a Bravos, Xerdiz e
Vilares.
No caso de que haxa un número
suficiente de persoas, pensamos facer o desprazamento en
bus con traxecto Foz - Ourol (con paradas intermedias, das
que se informará así como dos horarios). Esta opción é a máis
recomendable xa que hai que moverse de visita a visita. As
persoas que estean máis afastadas, poderían incorporarse ao bus
en Foz. Como vén sendo habitual neste tipo de saídas, haberá
un xantar no que poderán participar todas as persoas que o desexen.
A data límite para anotarse remata o
luns 21 de outubro. As persoas interesadas que nolo fagan saber a
través do correo mr.patrimonio@gmail.com
indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle
interesan, para ter tempo de contratar o bus e
reservar o lugar para xantar.
10/07/2019
Ruta Xeolóxica
Na ruta xeolóxica organizada por Seminario de Estudos Os Espigueiros e Mariña Patrimonio pola costa de Barreiros. Unha ruta na que contamos coas magníficas explicacións do xeólogo Fran Canosa.
9/30/2019
Visita á estrutura circular de Xove
Sorpresa agradable ao comprobar o interese en coñecer o redescuberto
henge de Lavandeira, en Xove. Arredor de 20 persoas responderon á
convocatoria-quedada realizada nas últimas horas polo Concello de Xove e
Mariña Patrimonio para comprobar in situ o aspecto que ofrece este
interesante xacemento, tras a intervención do departamento de estradas
da Xunta de Galicia.
Santiago Nogueira, arqueólogo que supervisou os traballos efectuados, realizou
unha sinxela descrición deste henge, estrutura circular de 50 metros de
diámetro que posuía un muro de pedra pola súa cara interior, mentres o
perímetro exterior estaba rematado por unha acumulación de terra e xabre
e rodeado por un foxo. Avanzou tamén que se atoparon indicios no seu
interior doutra estrutura circular, concéntrica coa exterior, de pedras
que poderían constituír un cromlech, algo habitual nos henges coñecidos.
8/23/2019
Xeotéxtil
Sobre o xeotéxtil foi depositada unha capa de áridos tan escasa que, co trasego da maquinaria pesada, entre as rodeiras das máquinas xa asoma o xeotéxtil.
Sauna da Atalaia 1974

Curioso o cartel prohibindo facer escavacións.
Subscrever:
Mensagens (Atom)







