En novembro de 2012, o xacemento foi
inventariado tras a demanda de ADEGA e Mariñapatrimonio.
ADEGA e Mariñapatrjmonio demandan á Xunta de
Galicia que non autorice o paso da autoestrada A-82 por riba do xacemento,
posiblemente castrexo, denominado Cova da Senra e situado en Cervo. O xacemento
está inventariado desde novembro do ano pasado; aínda así, segue correndo o
risco de desaparecer, xa que a Xunta non determinou ningún cambio no trazado da
infraestrutura prevista que preserve este ben patrimonial.
En
decembro de 2011, tras a publicación no BOE do trazado definitivo da
autoestrada Barreiros- San Cibrao (A-82), os veciños da Senra (Cervo) decátanse
de que o trazado elixido, á parte de destruír os mananciais de onde aproveitan
a auga para o uso doméstico, tamén podía afectar a un xacemento arqueolóxico
non inventariado que a empresa encargada de elaborar o proxecto da autovía non
detectou, malia a monumentalidade do xacemento.
ADEGA e
Mariñapatrimonio comunícanlle á Xunta de Galicia a existencia deste ben
patrimonial en perigo e solicítanlle a súa inclusión no Inventario de
Xacementos Arqueolóxicos para así asegurar a súa protección e evitar o paso da
autovía por este lugar.
En
marzo de 2012 membros de Mariñapatrimonio e de ADEGA acompañan aos técnicos de
Patrimonio para ver o posible xacemento e días despois a Xunta confirma que
“este punto se vería afectado pola obra”.
Finalmente,
no mes de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Patrimonio informa ás citadas
asociacións sobre a inclusión deste xacemento no Inventario coa clave
GA27013014.
O mesmo
que tiña acontecido co castro do Carreiro de Foz, a Xunta limítase a dicir que
a Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico, pero non precisa a tipoloxía nin o
período cultural ao que pertence.
A Cova
da Senra é un xacemento arqueolóxico que, como se pode observar nas fotos
aéreas do 1956 e nas imaxes LIDAR que borran a vexetación, ten forma case
circular; o eixo maior mide 135m e o menor 120m; está rodeado por un
impresionante sistema defensivo que illa o xacemento do entorno onde está
situado. Pola parte máis vulnerable, o sistema defensivo conta con catro foxos
e catro parapetos e no interior do recinto poden apreciarse os restos dunha
edificación circular.
Neste
xacemento tamén se atopou un muíño barquiforme, como os que se adoitan
encontrar nos castros.
As
características que se acaban de enumerar e os restos atopados, evidencian que
o xacemento da Cova é un castro.
Este
castro,porén, ten unha característica que o diferencia da maioría: os seus
construtores, no canto de elixir un lugar máis ou menos chao para a súa
ubicación, situárono nun dos lugares máis costentos da Senra. Con todo, non é
un caso único; coñécense outros con esta peculiaridade. Esta estraña
localización fai especialmente interesante a Cova da Senra.
ADEGA e
Mariñapatrimonio agardan que a Xunta de Galicia non autorice o actual trazado
da autovía e se procure un trazado alternativo que non afecte nin destrúa o
castro da Cova da Senra.
Enlaces Fotos:
https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/ACovaSenraCervoLugo02
Sem comentários:
Enviar um comentário