Castro de San Acisclo
O castro de San Acisclo do Valadouro
e unha galería de ouro de época romana foron incluídos no inventario de xacementos
arqueolóxicos da Xunta de Galicia, trala solicitude de inclusión por parte de
Mariñapatrimonio.
O castro de San Acisclo:
Xa no 1876 José Villamil Y Castro no seu artigo Los
castros y las mámoas de Galicia facía referencia ao castro de San
Acisclo,aínda que ninguén coñecía a súa localización e mesmo se dubidaba da súa
existencia.
Mariñapatrimonio, grazas ás ferramentas que proporciona
internet, puido localizar este xacemento e informou ao Servizo de
Patrimonio da Xunta de Galicia. Trala pertinente inspección, foi incluído no
Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación “Os Castros” e a clave
GA27019022.
Galería mineira
de época romana:
No ano 2012
Mariñapatrimonio dá a coñecer a existencia dun castro costeiro de grandes
dimensións no lugar de O Carreiro (Foz), así mesmo informábase a Patrimonio da
existencia de varias galerías mineiras neste mesmo lugar. O Servizo de
Patrimonio da Xunta, trala súa inspección, inclúe o xacemento no Inventario,
malia a que desbota que o xacemento sexa un castro e descarta a existencia de
explotacións mineiras no lugar de O Carreiro.
O Carreiro
Grazas á
colaboración dun grupo de espeleólogos de Mondoñedo, foi posible a entrada
nunha das galerías de O Carreiro. Esta galería, picada na rocha, duns 30m de
longo e de moi boa factura, conserva os chamados lucernarios, que son pequenos
ocos cavados nos laterais da galería para colocar as lámpadas de aceite, lucernas,
que iluminaban as galerías. Estes lucernarios son a clave para datar esta explotación mineira en
época romana.
A Xunta vén de
corrixir o erro e recoñece a existencia destas minas ao tempo que as inclúe no
Inventario de xacementos arqueolóxicos na ficha do xacemento do Carreiro-Marzán
(GA27019021).
O martes 20 e o
mércores 21 de agosto, Mariñapatrimonio tén organizado unhas Xornadas de
difusión do patrimonio arqueolóxico da Mariña e no transcurso das mesmas
amosaranse as fotografías da galería da mina romana do castro de O Carreiro.
Galería da mina romana do castro de O Carreiro
Sem comentários:
Enviar um comentário