ADEGA
e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo
e ao concello de Cervo do fallo que obriga a indemnizar o responsable
da destrución parcial do castro da Atalaia
Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia, tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos veciños na defensa do castro, como Mariña Patrimonio, asociación que naceu a partir deste conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os responsables no sucedido no caso do xacemento da Atalaia.
Para
situármonos, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron
lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr
os cartos e permitía medrar a corrupción por todas partes.
Coincidindo
con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a
comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un
xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha
desfeita arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor sobre a
existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de
2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos
arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se
rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para
edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do
xacemento.
Por
outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo
estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de
aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de
2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano.
Con
todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a
obriga de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que
impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para
edificar sobre o xacemento da Atalaia. Pola contra, o Servizo de
Patrimonio de Lugo tardou nada menos que vinte meses en incluílo no
Inventario; concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o
19 de abril de 2007.
Curiosamente, a
véspera, o 18 de abril de
2007, o Concello de Cervo
concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.
Por
tanto, dado que o concello de Cervo sabía da existencia do
xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas
licenzas, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son
tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que
Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.
Cómpre
non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o
promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter
concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que
existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos
os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións
irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.
Por
outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos felicitar a empresa
construtora porque, malia ter destruído 1600m2 de xacemento
arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de
ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas
Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento,
segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o
felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que
non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende
que estourou a burbulla inmobiliaria.
Porén,
cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e
mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación
irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos
colaterais, dado que os cartos que recibirá o construtor saen do
presuposto que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios
arqueolóxicos en toda Galiza. En consecuencia, esta sentenza non só
afectará a moitos xacementos senón que tamén prexudicará as
empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de
traballo.
Por
todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección
Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do
Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles solicitamos á Xunta e
mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa
expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento e , por
suposto, demandamos a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa
escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na
Atalaia.
FOTOS:
3 comentários:
non deixo de estar dacordo en todo, salvo en seguir agardando algunha actuación do concello de Cervo, a quen considero máximo responsábel do sucedido. ou agora son outros os responsábeis no consistorio ou son os mesmos cretinos... a fin de contas foi o concello o que deu o permiso... eu iría a por eles... persoalmente... nin o concello nin a deputación deberan pagar polos golfos que o permitiron; a saber se levaron parte.
Toda esta información é moi contraditoria. Para empezar na nova recoñecedes o desleixo da Dirección Xeral de Patrimonio, daquela en mans do BNG, que tardou 20 meses en inventariar o xacemento, único elemento que impediría ao Concello outorgar as licenzas e despois pretendedes acusar ao Concello dunha responsabilidade que a propia sentenza só establece sobre a Xunta. Espero que detrás desta cuestión non exista un interese político de defender aos responsables autonómicos que daquela cometeron tantos erros. Que o partidismo non vos cegue á hora de reclamar responsabilidades
Partidismo (fanatismo enfermizo e ridículo, incluso) o teu, gran defensor do PP nas redes. Contradicións, na sentenza, non hai moitas. No relato, facilmente documentable, de MariñaPatrimonio tampouco.
A sentenza do Supremo fala claramente de que os prexudicados poderían reclamar responsabilidades, se quixesen, ao Concello de Cervo (do PP, claro). En ningún caso declara neglixencia da Xunta (nin da época do BNG nin da do PP, que foi durante dúas lexislaturas distintas cando se produciron estas atrocidades; e dous gobernos distintos paralizaron as obras en distintos momentos). Tócalle pagar a broma ao orzamento actual de Patrimonio pola total connivencia do goberno daquela época do PP (Insua e Balseiro) que sabían de sobra da existencia do castro.
O BNG, é verdade, tardou en incluílo no inventario. Pero non esquezamos que o PP reclamou en contra desa decisión para intentar que o construtor puidese continuar as obras e destruíse definitivamente o xacemento. Esta é a "sensibilidade" do PP coa protecciñon do patrimonio... dos construtores, claro.
Reconstruímos unha posible conversa entre os gobernantes do PP daquela e o construtor:
I: Vou apurar a concederche a licenza para que empeces a construír canto antes na Atalaia.
R: Pero hai un castro debaixo e van vir protestar os do Bloque.
B: Ti dálle para adiante, se os do Bloque e eses que andan defendendo pedras de MariñaPatrimonio conseguen pararcho, xa te indemnizará a Xunta.
I: Nós xa inventaremos calquera cousa para botarlle a culpa ao BNG. Temos os medios de comunicación do noso lado.
R: Pero agora corre moita información na cousa esa de Internet.
B: Non te preocupes, que aí temos a un gafotas, destes beatos entregados, que coa axuda da virgencita está todo o día aí metido disposto a mentir e confundir o que faga falta.
R: Perfecto! A romper castros e facernos aínda máis ricos!
Enviar um comentário