3/09/2017

ESTUDOS ARQUEOLÓXICOS CONFIRMAN A EXISTENCIA DUN “HENGE” NO CONCELLO DE XOVE.

As obras do corredor costeiro afectaron gravemente este xacemento arqueolóxico que, segundo algunhas fontes, sería o segundo henge que se investiga e descobre na Europa continental.

Segundo soubo Mariña Patrimonio, e a falta de datos oficiais, os traballos arqueolóxicos realizados recentemente na estrutura circular de Lavandeira do concello de Xove confirmaron que se trata dun xacemento arqueolóxico tipo henge, similar á Roda de Barreiros.

En agosto de 2015 Mariña Patrimonio solicitara a inclusión deste recinto circular de Xove no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos; tras cuxa solicitude o Servizo de Patrimonio redactou unha “ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC”, ficha que non ten ningún valor e que non protexe en absoluto os xacementos.

Desgrazadamente, o 50% da estrutura circular xa fora agredida e gravemente modificada con anterioridade con motivo da construción dun tramo do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Cando se realizou o estudo arqueolóxico para a realización desta infraestrutura, lamentablemente non se detectou a existencia do citado xacemento arqueolóxico e para paliar este erro, a empresa construtora comprometeuse con Patrimonio a realizar unhas catas co fin de verificar a existencia do posible xacemento; en caso de confirmarse a autenticidade do mesmo, a construtora retiraría o talude, que cobre a metade do círculo, e repoñeríao ao estado anterior ao inicio das obras.

Mariña Patrimonio confía, agora que está confirmada a autenticidade do sitio arqueolóxico, que se devolva o xacemento ao seu estado anterior e que as distintas administracións sumen esforzos na protección e promoción deste importante ben patrimonial.



Sem comentários: