3/12/2023

PRESENTACIÓN RESULTADOS DA INTERVENCIÓN ARQUEOLÓXICA DE MÍNIMA INVASIÓN NO CASTRO DE RUETA

Como xa se puido ver no outono, cando se realizaron estas intervencións, o interese que esperta o castro de Rueta é máximo. Para coñecer os resultados das mesmas, da man dos arqueólogos David González-Álvarez, do INCIPIT-CSIC (Santiago) e Jesús García Sánchez do IAM-CSIC (Mérida), congregáronse este sábado 11 de marzo 70 persoas na Casa da Administración de Sargadelos. 

Logo dunha completa contextualización histórica e xeográfica do xacemento, os arqueólogos explicaron que esta intervención tiña un carácter experimental, dado que se está nunha fase inicial en Galicia na aplicación desta metodoloxía e destas ferramentas. Os resultados da intervención son moi satisfactorios, tanto pola colaboración e implicación dos distintos axentes sociais e institucionais (veciñanza, Concello, Deputación e Mariña Patrimonio) como polos resultados obtidos. 

A intervención en Rueta é a máis ampla realizada en Galicia con esta tecnoloxía ata o momento, pola extensa superficie que abarca, ao tempo que  ofrece unha información bastante ampla respecto á conformación do castro. Confirma a existencia de estruturas construtivas, tanto dentro como fóra da muralla, e sinala mesmo algúns puntos de interese particular, como unha sauna ou fornos, cara a posibles intervencións máis invasivas que puideran realizarse no futuro.

Cómpre entender que estas intervencións non pretenden obter resultados definitivos sobre datación, funcionalidade das estruturas ou materiais, mais si que permite realizar un mapeo do subsolo do xacemento que facilite a selección dos puntos de maior interese á hora de programar excavacións ou outro tipo de intervencións. 

Resaltaron tamén o excelente estado de conservación deste castro, debido a que, pola súa ubicación, non sufriu transformacións importantes derivadas da acción antrópica ao longo dos séculos. Ademais, pola súa monumentalidade, posúe unha presenza na paisaxe e unha visibilidade que o fan moi idóneo para a súa utilización como recurso didáctico e turístico, a pouco que se manteña limpo de vexetación.

As expectativas futuras son, por tanto, moi amplas e, de entrada, o equipo do CSIC ten pensado completar o estudo con ferramentas de prospección xeofísica non utilizadas ata agora, tanto na muralla como na zona exterior do castro. O equipo aínda vai completar o seu informe de resultados definitivo no que se incluirán propostas de actuación posibles ou recomendables que permitan obter maior información científica e valorización social deste magnífico xacemento.

 Ver vídeo da presentación: https://youtu.be/OSIti16scEA



Sem comentários: