7/23/2024

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN O USO DA MÁMOA DE GUÍTARA EN PANTÓN COMO RAMPLA DE SALTOS NUNHA COMPETICIÓN DE MOTOS

 A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural unha denuncia pola utilización da "Mámoa de Guítara 1" como rampla de saltos en probas motociclistas de “enduro”. O xacemento arqueolóxico denominado "Mámoa de Guítara 1" (GA27041044), catalogado e protexido pola DXPC desde o ano 1990, sitúase no Monte de Sampaio, en Guítara, no concello de Pantón, provincia de Lugo, na parcela con número de referencia catastral 27041A07600392.
Nas últimas actualizacións de varios visores de ortofotografías, móstranse imaxes aéreas onde se aprecia claramente que na parcela citada existe o trazado dun circuíto para motos. Nestas imaxes vese que o trazado do circuíto pasa por riba do túmulo catalogado e protexido pola Dirección Xeral do Patrimonio. Segundo as noticias de prensa, as probas motociclistas de "enduro" do Alto de Guítara, nas que chegaron a participar 250 motos, veñen celebrándose dende o ano 2022, e a última edición tivo lugar en marzo de 2024.
Estas competicións poden verse en varios vídeos en YouTube que deixan claro que este monumento megalítico é utilizado como rampla para os saltos das motos. É importante ter en conta que esta estrutura funeraria da Mámoa de Guítara, construída no Neolítico, pode ter unha antigüidade duns 5.000 anos.
As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron estes feitos por considerar que as carreiras de motos sobre este ben patrimonial protexido probablemente non conten coa preceptiva autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Así mesmo, solicitan que se tomen de inmediato todas as medidas necesarias para evitar que no futuro estas probas afecten o xacemento arqueolóxico ou a súa contorna de protección. Ademais, tendo en conta que no Monte de Sampaio, en Guítara, hai outras 9 mámoas catalogadas, pídese que se inste á organización do evento a cambiar a localización destas competicións.

7/11/2024

O Bispo de Mondoñedo-Ferrol Visita a Fraga de Santo Estevo do Ermo

 

O martes 9 de xullo, o Bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol , monseñor Fernando García Cadiñanos, visitou a fraga de Santo Estevo do Ermo, acompañado por membros da Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo.

Durante o percorrido pola fraga de Santo Estevo, mostráronlle ao bispo a finca recentemente adquirida por estas asociacións grazas á colaboración económica cidadá. Esta parcela alberga os restos da antiga igrexa e o cemiterio de Santo Estevo, así como as cabanas das ermitañas que antigamente atendían este lugar de culto. Na visita tamén estiveron veciños, os párrocos e membros da corporación municipal de Barreiros.

O bispo Fernando García Cadiñanos puido coñecer de primeira man o valor histórico, cultural e natural deste espazo, así como os plans de preservación e recuperación que están en marcha para asegurar a súa protección e posta en valor.

As asociacións promotoras destacaron a importancia desta adquisición non só para a conservación do patrimonio cultural e natural, senón tamén para a revitalización da historia local, a través de futuros estudos e investigacións arqueolóxicas.

Este encontro enmárcase no compromiso das asociacións de manter informados os distintos sectores da sociedade sobre os seus proxectos e iniciativas. As asociacións queren expresar o seu agradecemento ao señor bispo por aceptar a invitación para visitar a fraga de Santo Estevo do Ermo e polo apoio expresado a este proxecto.

FOTOS:
https://photos.app.goo.gl/mw6LmzBoaNNKwG8L6