A
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña
Patrimonio veñen de presentar perante a Dirección Xeral do
Patrimonio Cultural unha denuncia pola utilización da "Mámoa
de Guítara 1" como rampla de saltos en probas motociclistas de
“enduro”. O xacemento arqueolóxico denominado "Mámoa de
Guítara 1" (GA27041044), catalogado e protexido pola DXPC desde
o ano 1990, sitúase no Monte de Sampaio, en Guítara, no concello de
Pantón, provincia de Lugo, na parcela con número de referencia
catastral 27041A07600392.
Nas últimas actualizacións de varios
visores de ortofotografías, móstranse imaxes aéreas onde se
aprecia claramente que na parcela citada existe o trazado dun
circuíto para motos. Nestas imaxes vese que o trazado do circuíto
pasa por riba do túmulo catalogado e protexido pola Dirección Xeral
do Patrimonio. Segundo as noticias de prensa, as probas motociclistas
de "enduro" do Alto de Guítara, nas que chegaron a
participar 250 motos, veñen celebrándose dende o ano 2022, e a
última edición tivo lugar en marzo de 2024.
Estas competicións
poden verse en varios vídeos en YouTube que deixan claro que este
monumento megalítico é utilizado como rampla para os saltos das
motos. É importante ter en conta que esta estrutura funeraria da
Mámoa de Guítara, construída no Neolítico, pode ter unha
antigüidade duns 5.000 anos.
As asociacións ADEGA e Mariña
Patrimonio denunciaron estes feitos por considerar que as carreiras
de motos sobre este ben patrimonial protexido probablemente non
conten coa preceptiva autorización da Dirección Xeral do Patrimonio
Cultural. Así mesmo, solicitan que se tomen de inmediato todas as
medidas necesarias para evitar que no futuro estas probas afecten o
xacemento arqueolóxico ou a súa contorna de protección. Ademais,
tendo en conta que no Monte de Sampaio, en Guítara, hai outras 9
mámoas catalogadas, pídese que se inste á organización do evento
a cambiar a localización destas competicións.
Sem comentários:
Enviar um comentário