O
martes 9 de xullo, o Bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol , monseñor
Fernando García Cadiñanos, visitou a fraga de Santo Estevo do Ermo,
acompañado por membros da Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña
Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo.
Durante o percorrido
pola fraga de Santo Estevo, mostráronlle ao bispo a finca
recentemente adquirida por estas asociacións grazas á colaboración
económica cidadá. Esta parcela alberga os restos da antiga igrexa e
o cemiterio de Santo Estevo, así como as cabanas das ermitañas que
antigamente atendían este lugar de culto. Na visita tamén estiveron
veciños, os párrocos e membros da corporación municipal de
Barreiros.
O bispo Fernando García Cadiñanos puido coñecer
de primeira man o valor histórico, cultural e natural deste espazo,
así como os plans de preservación e recuperación que están en
marcha para asegurar a súa protección e posta en valor.
As
asociacións promotoras destacaron a importancia desta adquisición
non só para a conservación do patrimonio cultural e natural, senón
tamén para a revitalización da historia local, a través de futuros
estudos e investigacións arqueolóxicas.
Este encontro
enmárcase no compromiso das asociacións de manter informados os
distintos sectores da sociedade sobre os seus proxectos e
iniciativas. As asociacións queren expresar o seu agradecemento ao
señor bispo por aceptar a invitación para visitar a fraga de Santo
Estevo do Ermo e polo apoio expresado a este proxecto.
FOTOS:
https://photos.app.goo.gl/mw6LmzBoaNNKwG8L6
Sem comentários:
Enviar um comentário