No salón de actos do Centro Cívico de Xove celebrouse onte (2/08/2024), cunha boa afluencia de público, a conferencia de Antón Meilán titulada Pardo de Cela e o Pazo da Rigueira de Ferrol (Xove), organizada por Mariña Patrimonio coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
O ponente, apaixoado estudoso deste persoeiro histórico fundamental da historia mariñá e galega, debuxou un retrato moi completo do mito e da persoa do Mariscal, permitindo obter una imaxe moi atinada do que debeu ser a realidade da nosa comarca da segunda metade do século XV, no contexto da creación do primeiro estado moderno europeo por parte dos Reis Católicos, que veu supoñer o debilitamento dos poderes feudais medievais que moi ben representaba o Mariscal Pardo de Cela.
O seu relato aportou una visión ampla do contexto que conduciu á degolación do Mariscal e do su fillo en Mondoñedo, permitindo obter as claves para comprender as verdadeiras causas destes feitos, que tiveron que ver co desafío que o Mariscal mantivo cos Reis Católicos e sobre todo co conflito de intereses co Bispado de Mondoñedo quen, quizais podendo evitala, deixou que a execución se consumase e tivera un enorme impacto social xa no seu tempo, elevando ao home á categoría de mito que permaneceu e medrou no imaxinario colectivo e na literatura posterior.
Meilán repasou tamén a presenza xeográfica do Mariscal e da súa familia mesmo despois da súa morte, e que os vincula a Burela, a Viveiro, Galdo e, por suposto, ao Pazo da Rigueira de Ferrol en Xove, adquirido polo Mariscal cando o seu conflito cos Reis o desvincula de Viveiro e necesita manterse cerca do patrimonio que conserva nesa zona occidental da comarca. Sobre este pazo, actualmente moi deteriorado e trasformado, fixo una descrición dos seus escasos restos, centrándose na capela que contén un pequeno pero interesante retablo do século XVIII, sinalando a necesidade de conservalo pola súa relevancia artística e histórica.
Agradecemento de Mariña Patrimonio ao Concello de Xove, á súa atenta colaboración para facer posible este acto e, especialmente, ao profesor Meilán pola súa sabedoría e paixón que permitiu coñecer una perspectiva moi ampla deste controvertido persoeiro da nosa historia.
VER VIDEO: https://youtu.be/lufEnPQ6aaA
Sem comentários:
Enviar um comentário