12/02/2025

VISITA Á CORUÑA 29 NOVEMBRO 2025

 

A visita estaba programada para, con carácter prioritario, ver a exposición A BARCA DE CARONTE sobre a obra e travesía vital de Isaac Diaz Pardo. Estivo guiada por Xosé Diaz, comisario da exposición, e por Camilo Diaz, ambos fillos e colaboradores de Isaac. 

O título da mostra xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista, que vai dende as artes plásticas ao deseño industrial. 

A primeira sección, adicada á etapa de “pintor de cabalete”, expón a súa formación da man do seu pai, o escenógrafo, grafista e artista plástico Camilo Díaz Baliño, e que remata na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando en 1942, grazas a unha bolsa de estudo que lle concede a Deputación da Coruña. Esta primeira etapa pictórica caracterízase por un clasicismo no que amosa un dominio pleno do oficio e que perfecciona estudando os grandes mestres no Museo Nacional del Prado e nas viaxes de estudo a Italia. Posteriormente, xa na década dos cincuenta, as súas experiencias en deseño cerámico alumean a etapa intermedia, en que a pincelada se volve máis solta e expresiva.

Na segunda sección amósase o seu cambio radical de rumbo, da pintura á cerámica, xa que en 1949 funda a sociedade Cerámicas do Castro SL, que instala no lugar do Castro de Samoedo, no concello de Sada. Aquí vense as primeiras pezas realizadas no obradoiro do Castro de Samoedo: o pintor de cabalete, ao transferir a esencia da súa pintura á arxila  convértese, así, nun industrial ceramista, principiando unha andaina que durará toda a súa vida.

En “América e o exilio” os nosos guías relataron que en 1959 Isaac viaxa a Bos Aires invitado polo Centro Galego para expoñer as súas pinturas e cerámicas, e xa non deixará Arxentina ata o ano 1967. Alí crea a sociedade Zeltia S.A. que pon en marcha a factoría de Porcelanas de Magdalena, crisol de renovación. O contacto co grupo de exiliados, en especial con Luis Seoane, dará lugar ao proxecto Laboratorio de Formas, que formulará as bases teóricas das iniciativas industriais e culturais na Galicia atrasada da ditadura. 

Na sección referente ao LABORATORIO DE FORMAS DE GALICIA  desde os inicios do Laboratorio que datan de 1963 en Bos Aires, cando Isaac e Seoane deciden crear unha entidade para orientar e dirixir as iniciativas que ían concebindo para materializar nun futuro en Galicia, ata cando en 1967 crean legalmente o Laboratorio e definen o seu corpo teórico, coas ideas que xorden das inquedanzas de ambos os dous polo papel do artista na sociedade industrial e converter as particularidades locais en universais. Con estas premisas verán a luz Ediciós do Castro, seguida da restauración de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o novo Seminario de Estudos Galegos, a Escola Libre, o Instituto Galego de  Información… As obras e deseños expostos van desde arquitectura, cerámica, grafismo e mobiliario.

 Remata a exposición coa parte adicada a SARGADELOS, onde se amosa a recuperación e restauración da actividade cerámica nesa localidade, que comeza entre 1965 e 1966 cun convenio entre o Laboratorio de Formas de Galicia e Cerámicas do Castro. O primeiro sería o promotor da nova sociedade e responsable da orientación estética e a planificación de todas as formas utilizadas pola empresa. Isaac e Seoane buscaban darlle nova vida a Sargadelos cunha cerámica vinculada a seu tempo pero baseada nas formas tradicionais e na memoria histórica galega, para conseguir produtos cunha clara vocación universal. A nova fábrica de planta circular, deseño de Andrés Fernández-Albalat, inaugúrase en 1970 e a empresa estará dirixida por Isaac ata o ano 2006, en que é cesado polos socios. A iniciativa de Isaac ía máis aló: en 1972 fundou o Seminario de Estudos Cerámicos para labores de investigación pero tamén para a realización de actividades culturais e pedagóxicas, destacando as Experiencias de Tecnoloxía e Escola  Libre entre 1972 e 2006, unha experiencia singular con proxección internacional.

A exposición reúne cerca de 150 obras, principalmente de Isaac Díaz Pardo, xunto con algunha de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero; Laxeiro ou Geno Díaz. Abundan as pinturas pintadas ao óleo, pero tamén debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de pezas cerámicas así como pezas de mobiliario deseñadas polo artista. 

Finalizou a pormenorizada visita á exposición cunha proxección do video “As miradas de Isaac” da súa neta Cecilia Diaz Betz. Agradecemos a Xosé e Camilo a súa compañía no percorrido, contando con todo detalle, algún de primeira man, todo o referente á mesma.

Para a tarde estaba prevista unha visita guiada por persoal de Arqueovisitas do Castelo de San Antón ao castro de Elviña. Non puido ser efectuada debido a un notable empeoramento do tempo. Para aproveitar a tarde, tomouse a decisión de visitar a exposición fotográfica “Wonderland” sobre a obra de Annie Leibovitz, na sede da Fundación MOP no peirao da Bateria. Nela puidemos ver un gran número de fotografías de gran calidade feitas pola artista, tanto en papel como proxectadas en grandes pantallas. A temática inclúe retratos íntimos de músicos, do mundo do cine, a música, o deporte e a política, ademais dunha ampla selección de fotografías do mundo da moda. 

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/F9RYrdEK7LvrxygaA 


10/29/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio reclaman protección para a Mina Romana da Espiñeira Advirten que os traballos da canteira de Euroarce afectan a zona arqueolóxica.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) pola realización de novos traballos mineiros, desmontes e movementos de terra asociados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte, no concello de Foz (Lugo).

Os recentes movementos de terra, atribuíbles á empresa Euroarce Caolines S.L., afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira (GA27019024), un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.

As asociacións denuncian que os traballos realizados pola empresa se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e que estarían a causar danos directos na antiga mina romana, concretamente sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos.

Esta canle aparece xa identificada no traballo sobre minería antiga realizado no ano 2019 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), asinado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia. Neste traballo delimítase a área correspondente á Mina Romana da Espiñeira e documéntase as súas canles de evacuación. 

 No mesmo sentido, o recente “Informe de delimitación planimétrica do xacemento explotación aurífera de A Espiñeira”, elaborado en marzo de 2025 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer, representa na súa planimetría a mesma zona como parte da antiga mina romana, coincidindo coa delimitación establecida polo CSIC, que identifica ese tramo concretamente como unha canle de evacuación da antiga mina romana.

Segundo ADEGA e Mariña Patrimonio, estes traballos poderían estarse realizando sen contar coa autorización previa da DXPC nin co preceptivo control arqueolóxico que esixe a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural.

Por este motivo, solicitan á DXPC que paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e, se se confirma que non existe autorización, abra o correspondente expediente sancionador e adopte as medidas necesarias para reparar os danos causados na Mina Romana da Espiñeira.


10/28/2025

Betanzos

A Asociación Mariña Patrimonio realizou este domingo a súa adiada visita a Betanzos, unha vila merecedora de atención como unha das cidades históricas de maior riqueza patrimonial de Galicia. Para esta visita contamos coa colaboración do servizo da empresa 77 Turismo de Betanzos e, en particular con José Ángel Paz Quintana, un dos seus guías, ao que queremos transmitir os nosos parabéns polo seu traballo.

 A xornada comezou polo acceso ao casco antigo, outrora amurallado, atravesando a Porta da Vila e a Rúa do Castro ata a Praza da Constitución. Nela concéntrase un notable conxunto monumental: a Casa Núñez —antigo centro de comercio e hoxe sede do Centro de Exposicións e Arte Gráfica—, obra singular do arquitecto Rafael González Villar; a Casa do Concello; o Pazo de Lanzós e a igrexa gótica de Santiago, que coa súa ábsida envolve a Torre Municipal do Reloxo. Trátase dunha praza de gran encanto, situada no punto máis elevado da cidade medieval.

A continuación, desprazámonos ao outro gran conxunto monumental dentro das murallas, integrado polos dous templos contiguos de San Francisco e Santa María de Azogue. O primeiro, unha igrexa conventual na que a impronta dos Andrade se fai constante, alberga o espectacular sepulcro de Fernán Pérez de Andrade e un bo número de cabaleiros, damas e outros persoeiros relevantes do Betanzos baixomedieval. No segundo dos templos, Santa María, é moi destacable o conxunto escultórico que representa o calendario agrícola.

No espazo que ocupara o claustro do convento de San Francisco, atopamos outra das obras do arquitecto González Villar: as Escolas Municipais. Este edificio foi un encargo dos persoeiros máis relevantes de Betanzos, os irmáns García Naveira, comerciantes enriquecidos na Arxentina que se prodigaron no seu labor filantrópico con investimentos de enorme envergadura económica e social.

Moi preto das Escolas Municipais, retornando á Porta da Vila, puidemos apreciar a terceira das obras de González Villar: a casa do Pobo, outra iniciativa singular dos García Naveira, sempre estimulando a promoción das clases máis desfavorecidas.

Xa fóra da cidade antigamente amurallada, esténdese a fermosa praza dos Irmáns García Naveira, presidida pola Igrexa conventual de Santo Domingo. Neste espazo puidemos contemplar tamén varios elementos singulares: o Palco da Música, de estilo Art Decó, con características únicas pola súa construción metálica; o conxunto escultórico da fonte de Diana cazadora, fundida en París, e a estatua dos omnipresentes Irmáns García Naveira. 

A obra social destes dous grandes é moi diversa e completa como puidemos ver a continuación achegándonos ás escolas Jesús García Naveira, que ademais se completaban cun imponente asilo de anciáns, hoxe desaparecido. Saíndo fóra da zona urbana, atopamos un edificio singular, moi representativo da sensibilidade social destes filántropos, o Lavadoiro das Cascas, construído para facilitar o durísimo traballo das lavandeiras de oficio, con espazo para facilitar o secado da roupa, sen descoidar a estética e a dignidade do edificio.

Finalmente, a obra máis espectacular dos García Naveira foi sen dúbida o Parque do Pasatempo, que ocupou a inmensa marisma desecada aos pés da cidade e constituiu o primeiro parque temático. Este parque “enciclopédico”, en palabras de Luis Seoane, foi deseñado e construído coa intención de traer aos betanceiros o saber da época de todo o mundo, xa que eles non tiñan a oportunidade de viaxar.Este inmenso legado perdeuse en boa parte e o que se conserva, hoxe moi deteriorado, está a ser restaurado pouco a pouco. 

 

Volvemos de Betanzos coa impresión dun conxunto patrimonial excepcional, unha cidade fundamental na historia de Galicia que fai un esforzo de conservación meritorio, que animamos a continuar porque aínda hai moito que preservar, especialmente en canto ao legado inmenso dos irmáns García Naveira. O seu compromiso con Betanzos é merecedor do esforzo para dar a coñecer e valorizar a súa obra.


+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/Dm2iqt7tHNqjztEVA

9/27/2025

VISITA Á RIBEIRA SACRA

 

Tralo parón estival, Mariña Patrimonio retomou o pasado sábado 20 de setembro as excursións para coñecer o patrimonio das distintas comarcas do país. Nesta ocasión achegámonos á Ribeira Sacra, guiados polo arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo.

A xornada empezou coa visita a dous lugares pouco coñecidos pero de grande interese na Ribeira Sacra do Miño, no Saviñao. No medio dun bosque de carballos que permite un paseo marabilloso ata este lugar, próximo ao castro de Leira Rapada, visitamos o dolme do mesmo nome, un espectacular monumento megalítico de forma pouco ortodoxa, pero claramente construído polo home aínda que utilizando parcialmente como base o rochedo natural. A enorme rocha de granito que cobre a cámara funeraria presenta un conxunto de petróglifos que, lamentablemente, ese día non eran visibles.

A continuacion, pasando polo monumental menhir de Buxán, duns tres metros de altura, trasplantado nunha finca privada desa aldea logo de ser rescatado ribeira abaixo do Miño, desprazámonos pola ruta da Ribeira Sacra ata os restos da capela de San Pedro de Cela, onde a pesar da néboa se pode adiviñar a fermosa vista sobre o Miño. A capela, románica, perdeu a cuberta e conserva os seus muros en bo estado, aínda que está moi necesitada dunha consolidación que evite a súa destrución total.

Logo destes lugares, desprazámonos ata a Ribeira Sacra do Sil para visitar as adegas de Vilachá, no concello de Brollón, unha aldea singular na que se concentran un total de 32 bodegas tradicionais. Alí, celébrase unha feira do viño anual e está a converterse nun espazo de grande valor etnográfico e cultural vinculado ao viño desde unha perspectiva tradicional. Neste espazo, a viticultora Pura Díaz Ferreiro, propietaria da bodega Val do Frade, ofreceunos un marabilloso xantar e explicounos ese espazo e o seu proxecto persoal que está conseguindo, non sen esforzo, manter e achegar ao público a viticultura tradicional, á marxe das grandes bodegas desta denominación de orixe que tanta proxección ten hoxendía.
Pola tarde, o noso guía, que exerce como arqueólogo municipal en Monforte, levounos ver a muralla de Morforte, de orixe medieval, que foi modificada logo da revolta irmandiña e presenta unha parte renacentista. Esta muralla, a pesar de que constitúe un elemento fundamental da cidade dos poderosos Condes de Lemos, permanece escasamente visible para o visitante malia a que conserva boa parte do seu perímetro e merecería unha atención acorde coa súa importancia histórica.
O noso agradecemento a Iván A. Merayo, pola súa paixón e esforzo en amosarnos aqueles bens patrimoniais menos coñecidos pero de grande interese, nun territorio, o da Ribeira Sacra, que está inzado de lugares e elementos patrimoniais únicos.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/6JqJUZ1eCqTh8XLd7



9/22/2025

Novas da escavación en Santo Estevo do Ermo

Durante unha semana levouse a cabo a segunda campaña de escavacións arqueolóxicas en Santo Estevo do Ermo. A intervención foi organizada por Mariña Patrimonio, coa dirección técnica de Tempos Arqueólogos, e contou co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como coa colaboración do Concello de Barreiros, da Eira da Xoana – ADEGA e da Irmandade de Santo Estevo do Ermo.

O traballo desenvolveuse na parcela adquirida o ano pasado grazas ás achegas solidarias de moitas persoas. O obxectivo principal era comprobar a existencia dun cuncheiro que foran detectado con anterioridade, e ao mesmo tempo obter máis información sobre o poboamento histórico do lugar.

Os resultados superaron as expectativas. Documentamos un importante depósito de cunchas (lapas, ameixas, berberechos) acompañado de restos de fauna doméstica como bóvidos e ovicápridos, e mesmo dalgunha ave. Tamén recollemos fragmentos de cerámica que permitirán precisar mellor a cronoloxía dos materiais. Todo apunta a que se trata dun conxunto datable na Alta Idade Media, o que reforza a idea de que Santo Estevo estivo ocupado de maneira continuada durante séculos.
Outro dos aspectos máis destacados foi a aparición de varios niveis de recheo, de máis de dous metros de potencia, que amosan
diferentes fases de ocupación nun mesmo espazo. Neles localizamos restos de construcións de barro con zócalos de pedra, revestimentos e abundantes elementos de cubrición, tanto en tella como en lousa de pizarra. Trátase dun tipo de edificación pouco coñecido para esta época na Mariña e que abre novas vías de estudo.
Como na escavación do ano pasado, organizamos unha
visita aberta ao público. Unhas trinta persoas achegáronse a coñecer os traballos de primeira man e a escoitar as explicacións dos arqueólogos. A boa acollida do acto confirma o interese que esperta Santo Estevo, non só polo seu atractivo natural e etnográfico, senón tamén polo crecente valor arqueolóxico que está a amosar.

Desde Mariña Patrimonio queremos agradecer unha vez máis a todas as persoas e entidades que fan posible estas intervencións. O noso obxectivo é continuar coas investigacións en vindeiras campañas, prestando especial atención á zona da antiga igrexa, que podería ser unha das máis antigas da Mariña.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/1fGJXmCyanr7EwTF9



 

8/16/2025

Bateo de ouro e lume ancestral Experiencias en vivo na Finca Galea (Alfoz do Castrodouro)


Mariña Patrimonio organizou este mércores 13 de agosto, como xa fixo en anos anteriores, un obradoiro de bateo de ouro, contando coa inestimable colaboración do xeólogo Francisco Canosa. Este ano, como novidade, compaxinouse este obradoiro cunha demostración de lume ancestral, realizada polo xovense Xacobe Casabella. As dúas actividades simultaneáronse no espazo singular da Finca Galea, en Alfoz.

A xornada tivo un enorme éxito pois as tres quendas previstas foron completadas en pouco tempo e, desgrazadamente, non foi posible aceptar as máis de vinte solicitudes de participación que chegaron cando xa se superara o límite previsto. O bateo de ouro, coma noutras edicións, permitiu aos participantes aprender de forma teórica e práctica a técnica que permite atopar pepidas de ouro no medio de sedimentos dos ríos mediante o procedemento más simple e eficaz que xa usaron os nosos antergos castrexos.

A obtención de lume, a partir de elementos naturais e con moi diversas técnicas ancestrais, foi o obxecto da demostración que Xacobe Casabella realizou, conseguindo provocar brasas a partir de chispas das rochas con outras rochas ou con metais, ou a partir de quentamento por fricción da madeira con diversos métodos. As brasas obtidas por calquera deste métodos son introducidas dentro dun niño de palla seca que dá lugar ao lume simplemente soprando e expoñendo ao aire.
O noso agradecemento aos dous expertos pola súa colaboración e, por suposto, a Emilio de Galea, que outro ano máis nos cedeu o seu marabilloso espazo para realizar esta actividade.
+Fotos:
https://photos.app.goo.gl/fr43meTpbcwoQaVF6




8/13/2025

Mariña Patrimonio e o Concello de Cervo colaboran no mantemento do Castro de Rueta

Hai dous anos, Mariña Patrimonio promoveu unha intervención arqueolóxica non invasiva no Castro de Rueta, en Cervo, que incluíu a roza da cuberta vexetal que impedía ver o xacemento. O ano pasado, o Concello de Cervo e os propietarios dos terreos chegaron a un acordo para manter o castro libre de maleza, e o Concello procedeu a realizar a súa roza.

En xuño deste ano, o Concello e Mariña Patrimonio asinaron un convenio polo que a asociación se encarga da xestión da roza do xacemento, contando cunha subvención nominativa municipal. O corte da maleza realizouse con maquinaria lixeira portátil entre mediados de xullo e comezos de agosto. A intención de Mariña Patrimonio e do Concello de Cervo é continuar realizando estas rozas de forma periódica, co fin de conservar o xacemento cunha capa de vexetación controlada que permita a súa visita, especialmente na primavera e no verán, cando este impresionante xacemento arqueolóxico pode recibir máis visitas.

O resultado destes traballos de desbroce volve ser espectacular, amosando novamente un xacemento arqueolóxico impresionante e enigmático, sen dúbida un dos castros costeiros máis destacados non só da Mariña, senón de toda Galicia. Merece a pena facerlle unha visita, e animamos á xente a que se achegue para coñecer e gozar deste importante ben patrimonial.

LIGAZÓN FOTOS : https://photos.app.goo.gl/gBy4MqPmo8jVvaCz6

 vídeo: https://photos.app.goo.gl/9knnCiGfecnve1MD6




8/12/2025

Ana Isabel Filgueiras afonda na historia e simboloxía dos hórreos

 

Na charla organizada por Mariña Patrimonio no Museo do Mar de San Cibrao, o pasado 6 de agosto, a arqueóloga e antropóloga Ana Isabel Filgueiras ofreceu unha interesante exposición sobre os hórreos. Presentou unha completa síntese do significado destes edificios singulares, presentes en moitos lugares do mundo, sempre coa función común de almacenar alimentos indispensables para a supervivencia das familias e comunidades agrarias tradicionais. Centrouse especialmente na gran variedade de formas, materiais e nomes que atopamos ao longo da xeografía galega.

Non sorprende, pois, a relevancia que lles outorgan as casas e aldeas, ocupando lugares destacados pola súa altura e presenza arquitectónica. Nas comunidades rurais tradicionais, este valor chega a adquirir un carácter case sagrado, como amosan as numerosas simboloxías incorporadas aos hórreos para procurarlles protección sobrenatural e relixiosa.

Os hórreos —ou orros, como parece ser o seu nome orixinal galego— están documentados graficamente ou por escrito desde o século XI, aínda que a súa orixe probablemente sexa anterior. Teñen unha dimensión inmaterial, especialmente ligada ao ciclo do pan, que vai moito máis alá da súa función práctica. Ana Filgueiras atribúelles a condición de “altares do vento” polo seu valor espiritual e pola súa posición elevada, que lles permite captar os ventos que gardan o seu valioso contido.

Mariña Patrimonio agradece a Ana Isabel Filgueiras esta fermosa visión dos hórreos, así como á Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e ao persoal do Museo do Mar de San Cibrao pola súa colaboración na realización do acto.


8/11/2025

Mariña Patrimonio lamenta fondamente o pasamento de Manuel Lourenzo

Desde Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa profunda tristura polo falecemento de Manuel Lourenzo, figura esencial da cultura galega. A relación e amizade que mantivemos con el naceu do interese común pola defensa e divulgación do patrimonio cultural, arqueolóxico e oral da nosa terra.

 Manuel Lourenzo compartiu connosco a súa paixón pola historia e pola memoria popular, Lembrámolo como un amigo comprometido e xeneroso, sempre disposto a colaborar para que o noso patrimonio non caese no esquecemento.

O seu labor, a súa palabra e a súa amizade quedarán para sempre na memoria de Mariña Patrimonio.


 

8/05/2025

Bateo de ouro e lume ancestral


Experiencias en vivo na Finca Galea (Alfoz do Castrodouro)

Sábese que a minería do ouro tivo un protagonismo moi destacado na historia da nosa terra, como o demostran o gran número de xoias atopadas e os numerosos vestixios de explotacións mineiras da época galaico-romana na comarca da Mariña.

Mariña Patrimonio propón unha actividade para revivir estas prácticas ancestrais a través de dúas experiencias en vivo, nas que poderás aprender técnicas tradicionais relacionadas coa procura de ouro e como facer lume, como se facía na antigüidade:

Bateo de ouro, con Francisco Canosa, xeólogo e recoñecido divulgador da xeoloxía galega, que nos iniciará na busca deste metal precioso a través de métodos tradicionais.

Lume ancestral, con Xacobe Fernández Casabella, quen amosará como facer lume sen chisqueiros nin tecnoloxía moderna, utilizando materiais naturais e métodos empregados desde tempos prehistóricos.

Data: Mércores, 13 de agosto
Horario: De 16:00 a 19:00 h, en tres quendas:

  • 1ª quenda: 16:00 – 17:00 h

  • 2ª quenda: 17:00 – 18:00 h

  • 3ª quenda: 18:00 – 19:00 h

Prezo:

  • Socios/as de Mariña Patrimonio: 5 €

  • Non socios/as: 10 €
    (O pagamento farase á chegada para cubrir parte dos gastos da actividade)

Inscrición:
Enviar un correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando:

  • A quenda preferida (respeitarase por orde de inscrición, ata 10 prazas por quenda)

  • Nome e apelidos

  • Se é socio/a

  • Se quere participar tamén na actividade do lume

  • Teléfono de contacto

Lugar: Finca Galea (Alfoz do Castrodouro)
A organización confirmará por correo electrónico a quenda asignada e facilitará os detalles necesarios para a asistencia.



Patrimonio Inmaterial “Os hórreos, altares do vento,”

 
Mariña Patrimonio organiza unha charla sobre patrimonio inmaterial,“Os hórreos, altares do vento,” no Museo do Mar de San Cibrao.
Martes, 6 de agosto
Ás 18:30 h
Museo do Mar de San Cibrao
Nesta ocasión, a relatora Ana Filgueiras, arqueóloga e antropóloga, falaranos sobre estas construcións tradicionais galegas que, alén do seu uso agrícola, agochan significados simbólicos e culturais de gran valor.
Ana Filgueiras colabora con universidades e institucións na investigación e difusión do patrimonio inmaterial en Galicia, Portugal, Francia e Suíza. O seu traballo céntrase especialmente nas tradicións, os nomes de lugar e as antigas demarcacións territoriais.

7/02/2025

O Castro de Fazouro, en estado de abandono e con perigo para os visitantes


Onte fomos ao Castro de Fazouro, un lugar moi especial da Mariña que é un referente histórico e turístico. Está situado nun sitio espectacular, musealizado e visitado por moita xente, sobre todo no verán.

Por desgraza, o que atopamos foi unha auténtica vergoña: herbas altísimas, vexetación que estraga os muros das casas do xacemento e cun muro de protección parcialmente derrubado e o resto a piques de caer.

Este muro, construído hai anos xunto ao bordo do cantil, servía para protexer o castro dos envites do mar e evitar que a xente caese polo cantil. Pero leva tempo con fendas e gretas que cada vez van a máis. Onte vimos unha parte do muro xa derrubado e o que queda podería caer en calquera momento, converténdose nun perigo para quen visite o lugar.

Non é normal que un BIC (Ben de Interese Cultural), patrimonio de todos, estea tan abandonado. Pedimos ás administracións que actúen canto antes para garantir a seguridade do lugar limpando e coidando este xacemento como é debido.

O Castro de Fazouro precisa respecto e atención, non este abandono que pon en risco tanto o noso patrimonio como a seguridade da xente que o visita.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/RD5wtZsN29WBBs4v8


6/17/2025

Patrimonio inmaterial: As ribeiras pescadoras e o extractivismo, conferencia de Xabier Brisset Martín.

 

No salón de actos da Confraría de Pescadores de Celeiro, desenvolveuse a conferencia titulada  a cargo de Xabier Brisset Martín, investigador e divulgador cultural, en particular do mundo mariñeiro, na que se abordou desde unha perspectiva histórica a transición en Galicia entre unha actividade pesqueira tradicional a un modelo estractivista; un proceso non exento de conflito entre a cultura pesqueira tradicional, autorregulada e integrada na súa contorna natural, fronte a un modelo de corte capitalista que defende a libertade de pesca sen límites e a explotación intensiva dos recursos mariños.

Entre fins do século XIX e os comezos do XX, no contexto dun aumento importante da demanda de peixe, en particular de sardiña, por diversas coxunturas internacionais, vanse implantando novas técnicas e tecnoloxías pesqueiras da man de emprendedores non vinculados á pesca ou de empresas foráneas que perciben as boas perspectivas de negocio. Atópanse coa resistencia do sector tradicional, que defende unha autorregulación da actividade pesqueira fronte á idea da liberdade total de pesca que permita un incremento exponencial da produción pesqueira. 

A loita entre estes dous modelos mantívose durante un tempo en equilibrio, pero paulatinamente foise decantando en favor do modelo estrativista, espoleado e protexido cada vez máis pola lexislación e os poderes económicos e políticos, de xeito que os espazos mariños restrinxidos ás artes máis tradicionais e sustentables foron cedendo á introdución das artes máis esquilmadoras dos recursos e sustituíndo esa cultura tradicional por unha cultura que considera prioritario obter máximo beneficio a curto prazo.

Resulta sorprendente que máis de cen anos despois, cando o estrativimo xa practicamente fixo desaparecer a cultura pesqueira tradicional, sexan a ciencia e os grandes organismos internacionais, como a FAO, os que formulen seriamente a necesidade de retornar a unha explotación regulada dos recursos pesqueiros que garantan a sustentabilidade dun xeito de vida que alimenta a moitos millóns de persoas no mundo. Resulta cando menos chocante que cen anos despois esa cultura pesqueira tradicional concorde plenamente cos postulados que a ciencia actual dá por válidos.

Agradecemento a Xabier Brisset pola súa colaboración e á Confraría de Celeiro pola cesión das súas instalacións para realizar este acto.

VIDEO:  https://youtu.be/WfE-UAO3y3c



6/09/2025

Patrimonio inmaterial: As ribeiras pescadoras e o extractivismo

 

Mariña Patrimonio organiza unha nova charla-conferencia que nesta ocasión afondará nun momento decisivo da historia mariñeira galega: a transición da pesca tradicional cara a un modelo extractivista, un proceso marcado por profundas transformacións culturais, sociais e económicas.

O acto celebrarase o sábado 14 de xuño, ás 11:00 horas, no salón de actos da Confraría de Pescadores de Celeiro (Viveiro), entidade á que agradecemos a xenerosa cesión do espazo.

Baixo o título Patrimonio inmaterial: As ribeiras pescadoras e o extractivismo, o divulgador cultural Xabier Brisset Martín abordará o conflito que, a finais do século XIX, enfrontou dúas concepcións opostas da relación co mar: por unha banda, a cultura tradicional da pesca, autorregulada e integrada na natureza; por outra, unha visión extractivista que promovía a liberdade de pesca sen límites, entendendo o medio natural como algo externo e explotable.

Durante 33 anos, ambas posturas buscaron influír na lexislación, empregando argumentos e presións para impoñer os seus modelos. Esta transición traumática marcou un antes e un despois na forma de vivir e entender a actividade mariñeira en Galicia.

Este acto conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo – Área de Cultura.

Animamos a todas as persoas interesadas na historia, na cultura mariñeira e no patrimonio a asistir a este evento.


6/04/2025

Visita de Mariña Patrimonio a Mondoñedo: unha ollada diferente á cidade episcopal

Mariña Patrimonio realizou este sábado 31 de maio unha nova visita ao patrimonio de Mondoñedo para acceder a rincóns e aspectos menos coñecidos así como a miradas diferentes sobre a cidade episcopal da Mariña. Isto foi posible grazas á colaboración de persoas sinaladas que coñecen Mondoñedo en profundidade.

A mañá estivo adicada a coñecer algúns rincóns e detalles interesantes, e pouco coñecidos, da catedral, da man de Valentín Insua Palacios. Ao paseo inicial polas naves da basílica, ilustrado por infinidade de detalles de interese, seguiu a subida aos salóns góticos e á torre, onde Valentín exerce con mestría o posto de campaneiro, aprendido do seu pai desde rapaz. Logo da catedral, achegámonos á igrexa do convento das Concepcionistas, un pequeno templo moi ben conservado onde puidemos apreciar o seu marabilloso retablo barroco. O noso agradecemento a Valentín por facilitarnos una visita que dificilmente podería ser máis agradable e entretida.

Rematamos a mañá no Museo da imprenta, situado na planta baixa da Casa dos Coengos, edificio adosado á catedral e recentemente rehabilitado. Fernando López González, impresor que cedeu parte dos materiais expostos, explicou o proceso de funcionamento das imprentas tradicionais e falounos do seu oficio, que en Mondoñedo acadou un especial desenvolvemento.

Logo dun xantar excelente na Casa da Penela, en Vilamor, o grupo regresou a Mondoñedo para realizar un percorrido urbano na compaña de Xusto Fernández Haro e Xulio Rodríguez Leiras, dous grandes coñecedores da cidade, da súa historia e dos seus persoeiros. Desde a Alameda dos Remedios, zona extramuros que o Bispo Sarmiento incorporou ao espazo urbano, parando en lugares emblemáticos coma o Hospital de San Pablo, o antigo cárcere hoxe desaparecido ou a igrexa dos Remedios.

Xa no centro urbano, Xulio e Xusto ofrecéronnos unha interesante mirada á cidade episcopal en torno aos persoeiros, edificios e rincóns máis sinalados do casco urbano, con especial mención ao poeta e “médico dos pobres”, D. Manuel Leiras Pulpeiro, así coma a D. Álvaro Cunqueiro, dos que no faltaron anécdotas e informacións de grande interese ao pasar pola praza da catedral e a Fonte Vella. O paseo rematou no cemiterio vello, onde se evocaron fermosas historias dalgúns dos seus ilustres moradores, en particular sobre o músico e compositor Pascual Veiga.

Unha proveitosa tarde de paseo, ilustrada e amenizada xenerosamente por Xulio e Xusto, aos que Mariña Patrimonio quere amosar o seu agradecemento.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/rqETchryzRjdSU4j6

5/24/2025

Visita ao patrimonio de Mondoñedo

 

Mariña Patrimonio está a organizar unha visita ao patrimonio de Mondoñedo para o sábado 31 de maio. Faremos pola mañá unha visita guiada á Catedral, onde descubriremos algunhas cousas pouco coñecidas da man de Valentín Insua Palacios, quén tamén nos guiará na igrexa das Concepcionistas. Visitaremos tamén o museo da imprenta e no centro Sociocultural, ao lado do Concello, teremos ocasión de ver a exposición Universo Vizoso, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Sobre as 14h, entre as xornadas de mañá e tarde, iremos xantar na Casa da Penela en Vilamor. Pola tarde, acompañados de Xusto Fernández Haro e de Xulio Rodríguez Leiras andaremos polas rúas da cidade escoitando deles diversas historias locais.

O bus sairá de Viveiro, pasando por Xove, Cervo, Burela, Foz e A Cruz do Lobo ata Mondoñedo. O regreso sería sobre as 19h.

O prezo, que incluirá bus, comida e actividade, será de 35€ para socios/as e de 45€ para o resto de asistentes.

O prazo para anotarse remata o día 26.  A partir desa data, avisaremos para facer o ingreso correspondente na conta da asociación.

Para anotarse, cómpre escribir ao correo da asociación: mr.patrimonio@gmail.com

5/01/2025

VISITA AO PATRIMONIO DE PONTEDEUME

 

A vila de Pontedeume foi o destino da segunda excursión divulgativa de Mariña Patrimonio no que vai de ano, actividade que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Trinta persoas participaron nesta actividade que pretende coñecer o patrimonio dos distintos lugares do país. Para esta ocasión, a través de Anxo Vázquez, residente nesa vila e vello colaborador da asociación, contactamos con Francisco Correa, historiador, investigador e profesor que pasa por ser o gran especialista na Casa de Andrade, vella liñaxe que desde o século XIV tivo a súa casa principal en Pontedeume.

Francisco acompañounos nun entretido paseo pola vila facendo parada e sabia explicación nos máis importantes lugares, como a ponte sobre o rio Eume, orixe da vila; o antigo cárcere; as lonxas vellas de Rajoy; o Torreón dos Andrade; a praza do Conde, onde estivo o pazo dos Andrade; a Catedra de Latinidade; a imponente igrexa de Santiago; o pazo de Rajoy; o convento dos Agostiños… fitos nos que están presentes persoeiros esenciais como Fernán Pérez de Andrade, o Bóo, no século XIV; Fernando de Andrade, no XVI e o Arcebispo Rajoy, no XVIII.

A xornada de mañá rematou coa degustación de queixos en Merca Queixo, a feira do queixo que iniciou a súa andaina neste ano, coincidindo ademais co mercado de cada sábado.

A continuación, desprazámonos ao restaurante Los Molinos, en Nogueirosa, nas proximidades da vila,onde tivemos a oportunidade de degustar a saborosa costrada, unha especie de empanada típica de Pontedeume, con varias capas de diferentes carnes.

Pola tarde, acompañados de Xavier Brisset, divulgador cultural, sobre todo de temas relacionados coa actividade mariñeira, visitamos o centro de Interpretación das Fragas do Eume e o Mosteiro de Caaveiro, onde nos agasallou con interesantes reflexións sobre os efectos que para os fragueiros tivo a creación do Parque Natural.

O noso agradecemento a Xavier Brisset, a Franciso Correa e a Anxo Vázquez pola súa presenza e as súas explicacións. Queda pendente unha segunda visita para coñecer o Castelo dos Andrade, os mosteiros de Monfero e Breamo, entre outros lugares de interese desta comarca do Eume.
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/KKYiefJ322x2NXYE9


4/14/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos por labores forestais nas mámoas de Penarrubia, en Lugo.

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo grave impacto que sufriron as mámoas Mogote de Penarrubia 1 e Mogote de Penarrubia 2, situadas no lugar de Penarrubia, parroquia de Orbazai (San Miguel), no concello de Lugo. Estes dous xacementos arqueolóxicos están catalogados como bens patrimoniais no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e incluídos no PXOM de Lugo, polo que contan cun réxime de protección específico que impide calquera intervención sen autorización previa.

Durante unha visita á zona, representantes das asociacións comprobaron que se provocaron danos materiais moi relevantes por mor de labores forestais que incluíron a corta de piñeiros, o arrincado dos tocos e o paso de maquinaria pesada sobre os propios túmulos.

Entre os feitos observados destacan:

  • A alteración da coraza do túmulo da mámoa 1, con movementos de terra e deterioro da estrutura visible.

  • Rodeiras de maquinaria pesada sobre ambas mámoas.

  • Depósito de troncos cortados sobre a superficie da mámoa 1, o que agrava os danos no túmulo.

  • Afectación dos estratos arqueolóxicos e da morfoloxía dos dous túmulos.

Segundo todo parece indicar, estas actuacións foron realizadas sen contar coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura, o que podería supoñer unha infracción grave da normativa de protección do patrimonio cultural.

Ante esta situación, as asociacións solicitan:

  • Que se comprobe se os traballos contaban coa correspondente autorización.

  • Que se abra un expediente sancionador contra os responsables, no caso de confirmarse a ausencia de permiso.

  • Que se adopten medidas correctoras urxentes para restaurar os danos causados e garantir a protección efectiva destes bens patrimoniais.

As mámoas de Penarrubia constitúen un valioso testemuño da presenza humana prehistórica na comarca. A súa conservación é unha responsabilidade colectiva que require o compromiso de todas as administracións.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/3Sg3ShujSK4TWkHT6