4/28/2026

Ribeira Sacra - O Saviñao

Este sábado 25 de abril acolleunos cun espléndido día primaveral a Ribeira Sacra do Saviñao na nosa visita a algúns dos seus tesouros patrimoniais. Queriamos ver unha mostra do marabilloso románico da zona que a nosa guía Beatriz Pérez, da empresa de turismo cultural Máis que Románico, escolleu para ensinarnos ao longo da mañá e á que agradecemos a súa atención e felicitamos polo seu traballo.

Comezamos atravesando o Miño desde Chantada para achegarnos á primeira, Santo Estevo de Ribas do Miño, unha monumental igrexa monacal que destaca no medio do bosque atlántico da ribeira oriental do Miño. Románico de primeiro nivel por obra dos canteiros que viñan de construír a catedral compostelá aló polos comezos do século XIII; románico final e gótico incipiente co seu espectacular rosetón.

A seguinte parada foi a igrexa de San Paio de Diomondi, románico pleno nun templo que sufriu un lixeiro afundimento lateral, o que aconsellou reducir a altura inicialmente proxectada. Ten adosado un pazo episcopal e unha reitoral, hoxe restaurados con moito respecto e convertidos en albergue de peregrinos do Camiño de Inverno, o que entra en Galicia pola Ribeira Sacra.

Logo de facermos a foto de rigor no mirador do Cabo do Mundo, rematamos a mañá coa visita á fermosa igrexa parroquial de Santa María de Seteventos. Este templo, coa cuberta recén restaurada, amosa un románico máis modesto, pero conserva unhas pinturas góticas e un retablo policromado de gran beleza.

Logo dun bo xantar no restaurante Os Campeliños de Escairón, completamos a xornada visitando o Ecomuseo de Arxeriz, lugar emblemático na modernización do sector lácteo galego que veu nacer a empresa LARSA. Co tempo, baixo a dirección de Xosé Soto Rodríguez, Xosé de Arxeriz, o pazo e a explotación acabou por converterse nun gran centro etnográfico e arqueolóxico, que desde o falecemento do seu creador, a través da Fundación Xosé Soto de Fión, continúa ampliando a súa actividade divulgativa da cultura popular da Ribeira Sacra e mais do Castro de Arxeriz, ubicado dentro desta finca; un espazo moi ben preservado tanto no ámbito paisaxístico coma no arquitectónico. Os nosos parabéns e a nosa admiración a esta institución polo seu extraordinario traballo de musealización e divulgación etnográfica e arqueolóxica, modelo de preservación do patrimonio cultural galego. 

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/tHw2At1ipdM8HFTV7 


 



Sem comentários: