Pasados xa cinco anos desde a intervención arqueolóxica realizada na cova de San Xoan Vello, por fin se puido realizar o acto público no que os responsables da mesma explicaron os pormenores da intervención e os resultados e perspectivas que ofrece este singular xacemento.
Cunha sala de usos múltiples do concello de Viveiro practicamente chea de público, unhas cen persoas, os arqueólogos Rebeca Blanco e Francisco Alonso realizaron unha exposición clara e completa do contexto, proceso da intevención e resultados obtidos da mesma que abren tantas preguntas como respostas.
Estamos a falar dun xacemento que ten a súa orixe nunha cova mineira antiga de ferro cun manancial de augas ferruxinosas que aínda alguns veciños do lugar lembran. Cabe deducir que o lugar debeu ter xa en tempos antigos unha certa relevancia debida aos poderes curativos das augas e que debeu ser sacralizada e cristianizada neses tempos antigos que aínda descoñecemos.
Os datos obtidos nas sondaxes permiten asegurar que no século XII foi construída unha igrexa, que sufríu diversas modificacións ao longo dos séculos, como se evidencia na complexidade de muros e estruturas que se atoparon. A igrexa alberga unha necrópole con restos óseos duns dez individuos de distinta idade e xénero, así como moedas vinculadas aos enterramentos, e cerámica de época medieval e moderna. Sábemos, pola documentación previa xa coñecida que o templo foi igrexa parroquial de San Xoan de Covas ata que esta foi trasladada ao templo actual. As sondaxes deixaron claro que baixo o nivel acadado, que nos refire ao século XII, hai niveis máis antigos que se precisa escavar para completar todos os niveis arqueolóxicos que non sabemos ata onde poden chegar.
O problema máis importante que resolver actualmente é o da seguridade. A cova está sendo afectada polo avance do mar e pola propia dinámica da rocha, que se ve afectada polas infiltracións de auga e as raíces dos eucaliptos, que xa deron lugar a desprendementos posteriores á intervención. Faise, por tanto, prioritario realizar un estudo de seguridade e realizar os traballos de consolidación necesarios para completar os traballos de escavación en área, que permitan desvelar todos os segredos que aínda garda a cova e a súa contorna e, quizais, se fose posible, a consolidación dos traballos realizados cara a posibles visitas de público.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, presente no acto, comprometeu esforzos por conseguir o financiamento necesario para acometer estes traballos que os técnicos consideran urxentes debido ao acelerado deterioro da cova. Mariña Patrimonio considera que hai suficientes argumentos, baseados na urxencia da actuación e no interese social e científico, como para realizar o esforzo económico necesario que complete os traballos realizados para recuperar este ben patrimonial que é único e singular en Galicia e mesmo en España.

Sem comentários:
Enviar um comentário