6/28/2011

Conferencia: “Os petróglifos. Gravuras rupestres ao aire libre” a cargo do arqueólogo Antonio de la Peña Santos

Antonio de la Peña é un dos máis recoñecidos expertos en gravuras rupestres. O próximo sábado 2 de xullo impartirá unha conferencia sobre os petróglifos en Galiza. A conferencia terá lugar no Museo do Mar de San Cibrao, comezará ás 20h e a súa entrada é libre e gratuíta.
Sen dúbida, esta é unha boa oportunidade para coñecer máis e mellor a manifestación artística máis xenuína da prehistoria galega.
Os petróglifos abundan especialmente nas Rías Baixas, aínda que tamén se atopan noutros lugares de Galiza. Dos primeiros que apareceron na Mariña lucense, tívose noticia a través de Mariñapatrimonio, trátase dos petróglifos do castro da Atalaia (San Cibrao- Cervo). Posteriormente esta asociación informou ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza a existencia doutros na Mariña, como os do castro do Coído en Cervo, os do castro de Burela en Burela e os do castro de Rueta en Cervo. Este último é un petróglifo con temática xeométrica, catro círculos unidos por un trazo, e constitúe o único destas características na Mariña.
Os catro petróglifos mencionados atópanse xa no inventario do Patrimonio Cultural de Galiza , considerados como Bens de Interese Cultural (BIP), polo que gozan da máxima protección que contempla a lei.
Mariñapatrimonio informou tamén a Patrimonio sobre un posible petróglifo en Ribadeo, que aínda non foi estudado por Cultura.
Estes achádegos abren a posibilidade de que, cun estudo sistemático nesta zona, aparezan outros que aporten novos datos para o estudo desta interesante manifestación cultural.


Velaí unha reseña do conferenciante Antonio de la Peña:

Antonio de la Peña Santos é arqueólogo. A súa actividade investigadora diríxese con preferencia cara á Idade do Bronce, á arte rupestre, ao mundo castrexo e ás orixes da cidade de Pontevedra. Desempeña o cargo de Conservador dos Fondos Arqueolóxicos do Museo Provincial de Pontevedra.
Participou en máis dun cento de congresos e reunións científicas da súa especialidade e en numerosas campañas de escavacións arqueolóxicas, dirixindo 23 campañas en 26 xacementos, entre eles os asentamentos de Lavapés, Torroso, Santa Tegra e a ponte do Burgo. Tamén localizou, catalogou e levantou calcos de máis de medio milleiro de complexos da arte rupestre galaica.

É membro de varias institucións culturais -como as Seccións de Arqueoloxía e de Historia da Arte do Instituto de Estudios Galegos, o ICOMOS, o Instituto Cultural Galaico-Minhoto, a Asociación Arqueolóxica Viguesa, o Centro de Estudios Históricos de Pontevedra, as Asociacións Profesionais de Arqueólogos de España e de Galicia, a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Sociedade Para o Avance do Pensamento Crítico (ARP), a Franca Irmandade de Pontevedra, a Asociación Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago, etc.- e do consello de redacción de varias publicacións periódicas de tema arqueolóxico e histórico -como Ars Praehistorica, Pontevedra Arqueológica, Brigantium, El Museo de Pontevedra ou Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais-. Académico correspondente da Reial Académia Catalana de Belles Arts. Premio Turoqua no 2003 e Cidade de Pontevedra no 2004.

Leva pronunciadas máis de trescentas oitenta conferencias e publicados vintedous libros e máis de douscentos setenta artigos en publicacións de tema arqueolóxico.



6/15/2011

ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian ao Conselleiro de Cultura ante a Fiscalía polo Castro de Atalaia



Ambas organizacións presentamos esta hoxe diante da Fiscalía unha denuncia contra o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, por non cumprir coa lexislación de protección patrimonial e non velar pola conservación do xacemento arqueolóxico Castro da Atalaia, sito en San Cibrao, no Concello de Cervo. Tras un ano desde que a Dirección Xeral de Patrimonio resolvese ditar o tapado provisorio do xacemento escavado ante o seu posible deterioro, e a pesar das reiteradas chamadas de atención feitas por MariñaPatrimonio e ADEGA ante a Consellaría, a día de hoxe aínda non se cumpriu dita resolución e o ben arqueolóxico está a sufrir danos irreparables.

A degradación do xacemento comezou no ano 2006, cando o Concello de Cervo concedeu licenza para a construción de tres edificios sobre o Castro da Atalaia. Tras as denuncias de ADEGA e MariñaPatrimonio, a anterior D.X. de Patrimonio determinou paralizar as obras, pero para cando chegou a orde de paralización, a construtora Promociones San Ciprián xa tiña destruído totalmente unha das parcelas do xacemento. Posteriormente, procedeuse á escavación en área das outras dúas parcelas non afectadas e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio pronunciáronse a favor da conservación in situ dos restos arqueolóxicos e en contra da construción dos edificios alegando a grande importancia destes restos.

En xuño de 2010, a D. X. de Patrimonio ditou a resolución na que obrigaba a Promociones San Ciprián a tapar novamente as parcelas escavadas no Castro da Atalaia, no que apareceron importantes estruturas dun asentamento galaico-romano, para protexer o xacemento. Nese mesmo mes Mariñapatrimonio comunicaba a caída dun muro dunha das cabanas do xacemento por mor das choivas e demandaba da Consellaría de Cultura a toma das medidas oportunas. Posteriormente, no mes de novembro, a mesma organización comunicaba á D.X. de Patrimonio os danos causados sobre os restos arqueolóxicos tras a caía duns taboleiros de considerable tamaño desde o alto da obra paralizada.

Unha vez denunciados os feitos, a Delegación de Cultura de Lugo e a Dirección Xeral de Patrimonio emitiron dous expedientes nos que recoñeceron os danos descritos e engadiron outros como: “o anegamento das áreas escavadas”, “o debilitamento dos perfís “ así como “o forzamento das portas de acceso” e “o depósito incontrolado de restos de entullo, material de obras e lixo”. Tamén recoñeceron que “é obvio que unha continua e prolongada influencia das condicións meteorolóxicas adversas producirán un incremento do deterioro”.

Pero estas resolucións da Administración non se están a cumprir e o xacemento atópase nun grande perigo de desaparición. É por iso que Mariñapatrimonio e ADEGA urxen a actuación da Fiscalía para que depure responsabilidades e para que o máximo responsable público neste eido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asuma a súa obriga de protexer e conservar o patrimonio histórico-cultural de todos os galegos e galegas.

Na seguinte ligazón, póndense ver fotos do Castro de Atalaia: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CASTRODAATALAIAFOTOS

6/02/2011

Moutillós, enclave normando

Manuel Miranda, a carón da área que consideran foi
unha fortificación normanda. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Recollemos aquí o interesante artigo sobre o posible asentamento normando do Vicedo da xornalista Cristina L. Felipe publicado hoxe no xornal El Progreso.


02/06/2011 - Cristina L. Felipe / El Progreso (O Vicedo)

De poucos se sabe porque non están á vista, xa non existen ou se modificaron tanto que non se recoñecen, pero o litoral mariñán conta cun importante número de restos arqueolóxicos de asentamentos que non só se reducen ós castros. As invasións normandas deixaron a súa pegada na comarca en forma de fortificacións que falan dun pasado que, hoxe, mentes inquedas se afanan por estudar e sacar á luz. Unha destas localizacións é Moutillós, ó pé da praia vicedense de San Román.

A historia deste achádego comeza na indagación do profesor de Xornalismo da USC e investigador Manuel Gago, moi interesado nas invasións normandas en Galicia, das que existe documentación aínda que ata agora non estaban concretadas localizacións físicas. Trátase do mesmo estudo que o levou a descubrir aí a base dunha antiga fortificación en Foz, que aporta base real á lenda do Bispo Santo. O caso do Vicedo é diferente, pois non sería un afortalamento dos nativos contra as invasións, senón un asentamento dos invasores, nin máis nin menos o primeiro asentamento normando que se coñece en Galicia.

O historiador Manuel Miranda, da asociación Mariña Patrimonio, axudou á identificación de Moutillóns do seguinte xeito: «Gago comentaba que estes asentamentos son coñecidos como motas», así que empezou a buscar topónimos coincidentes ca palabra mota que puideran ter relación con estes afortalamentos, e así atopou Moutillós, o primeiro, aínda que asegura que existen máis. As motas «son montículos de terra levantados de forma artificial que funcionan como defensa, unha especie de protocastelo». Porén, as motas normandas teñen unha particularidade, pois «á parte do montículo tiñan un recinto onde estarían resgardadas as casas». Son as «‘motte & bailey’», engade Gago, que son habituais na Normandía francesa e nas Illas Británicas a partir da invasión de Inglaterra do ano 1066». O sitio arqueolóxico de Moutillós, di Miranda, «é unha fotocopia exacta das motas normandas».

«Sabíase que en Moutillós había un xacemento e considerábase que podía ser un castro, pero non ten nada que ver», asegura o de Mariña Patrimonio. Gago apoia esta afirmación argumentando que o lugar vicedense ten unha configuración específica dentro dos asentamentos fortificados costeiros da Mariña, pois a súa estrutura, «máis que castrexa ou propia da Idade de Ferro, revela interesantes coincidencias cos sistemas defensivos ‘motte & bailey’; é dicir, consta dun foxo, unha pequena muralla externa e unha mota artificial no centro, próxima ao cantil, que revela unha noción militar diferente á da Idade do Ferro tan abundante na costa luguesa».

O profesor cre necesaria unha investigación máis profunda para revelar a cronoloxía do asentamento. Na opinión de Miranda, «sen unha excavación é imposible saber se é unha mota normanda. A toponimia coincide e a estrutura tamén». Incluso a localización semella ideal, pois está nun alto da praia cun porto natural que conforman Os Castelos. «O sitio está escollido, non é casualidade que se asentaran alí», conclúe.


Danos ao Patrimonio nos concellos de Viveiro e Xove(Lugo).


ADEGA e MariñaPAtrimonio denunciamos perante O Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza e o SEPRONA posibles danos provocados nos xacementos arqueolóxicos de o castro do Castelo de Celeiro (Viveiro) , o castro do Coto da Vela e un castro próximo a Pereiraboa, ambos en Xove. Estes danos son consecuencia da tala e posterior plantación do monte de eucaliptos con maquinaria pesada.

Dende estas asociacións comprobamos como nos citados xacementos arqueolóxicos se fixeron remocións de terra con pas mecánicas para a apertura de novos camiños, chegando mesmo a cortar os parapetos de defensa dun castro. Estas remocións de terra con medios mecánicos tamén se levaron a cabo na posterior replantación do monte, que deixou á vista restos arqueolóxicos: cerámica, muíños... que evidencian os danos provocados nos xacementos.

Unha vez máis preguntámonos onde están os poderes públicos, Concellos e Xunta, que por lei teñen a obriga de velar e protexer o Patrimonio que é de todos.

Non deixa de ser paradóxico que o poder público coa máxima responsabilidade na defensa do Patrimonio, a Xunta de Galiza, sexa a mesma que autoriza as talas con maquinaria pesada en xacementos arqueolóxicos inventariados, sabendo a destrución que provoca o uso desta maquinaria.

Estes danos no Patrimonio son habituais; existen informes que demostran como estas prácticas forestais ocasionan a maioría das destrucións que sofre o Patrimonio de Galiza.

Dende ADEGA e MariñaPAtrimonio agradecemos a colaboración cidadá e animamos para que sigan informándonos sobre estas desfeitas e así intentar entre todos poñer freo á destrución do noso Patrimonio.

Fotos Coto da Vela

https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroCotoDaVelaXOVE#

Fotos Pereiraboa
https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroProximoAPereiraboaXove#

Fotos O Castelo de Celeiro
https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroCasteloDeCeleiro#






5/30/2011

Agresión ao xacemento arqueolóxico do castro de Sumoas (Xove).

As asociacións ADEGA e MariñaPatrimonio denunciamos perante o SEPRONA e o Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a agresión que está a sufrir o castro inventariado de Sumoas no concello de Xove (Lugo).

Membros destas asociacións comprobamos que unha morea de camións de terra foron depositados sobre este xacemento. Entendemos que este recheo é ilegal e constitúe unha grave agresión ao Patrimonio arqueolóxico de Galiza, polo que pedimos a inmediata paralización deste entullo e se concreten as responsabilidades penais, civís e administratrivas que esta agresión conleve, así como a retirada do material que conforma o recheo.

Mariñapatrimonio e ADEGA lamentamos que os poderes públicos, o Concello de Xove e maila Xunta, que por lei teñen a obriga de protexer o Patrimonio sexan incapaces de detectar unha agresión destas dimensións nun xacemento perfectamente coñecido e inventariado.

FOTOS:

https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroDeSumoas?authkey=Gv1sRgCP6ngJbbnI71pQE#

4/12/2011

A poutada do oso


"Velaquí unha novela que profundiza na realidade colonial do país, no abandono e na morte do campo, na neurose dos que renegan da súa xente e da súa propia cultura e na forza que ten nos seres humanos a emoción e todo aquilo que amamos nalgún momento da nosa vida. Velaquí tamén unha novela na que explora os labirintos da vida e da sociedade actual."
O escritor e crítico literario Manuel López Foxo reseñaba así a á novela "A poutada do oso" do escritor monfortino Lois Dieguez no acto de presentación organizado pola nosa Asociación e desenvolvido no salón de actos de Caixa Galicia, en Viveiro. E engadía:
"Eu non sei se esta é a mellor novela de Lois Diéguez, mais do que si estou convencido é de que nesta novela están tamén algunhas das mellores páxinas da prosa galega de todos os tempos".
O acto comezou coa proxección do audiovisual "De albre de espranza a "Poutada do oso", un resume da vida e da obra de Lois Diéguez onde ademais do traballo literario do escritor están recollidas, tamén, a súa entrega total aos colectivos e organizacións nos que participa. Colectivos como LUGO PATRIMONIO organización da que Lois é presidente e , en palabras do presentador do acto, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, "unha persoa fundamental á hora de explicar o nacemento de Mariñapatrimonio , pois el foi un dos que nos apadriñou e aínda hoxe nos segue animando nesta tarefa de defensa do Patrimonio".

4/04/2011

Lois Diéguez, A poutada do Oso


O próximo día 8 de abril, venres, ás 20,30 h. a Asociación
sociocultural Mariña Patrimonio e mais a editorial Laiovento,
presentarán a novela de Lois Diéguez, A poutada
do Oso, no salón de actos de CaixaGalicia de VIVEIRO.
Este acto iniciarase coa proxección do dvd De Albre de
espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Francisco
Luís Rodríguez Guerreiro (presidente de Mariña
Patrimonio), Manuel López Foxo (crítico literario), e o
autor.

Entre as 19,30 e as 20,30 h. Lois Diéguez estará á vosa
disposición para a sinatura de libros,

2/20/2011

As repúblicas de homes libres foron presentadas en Foz


Cunha exposición fresca e dinámica de Manuel Gago, infinidade de preguntas foron compartidas cos asistentes a este acto celebrado o venres na Casa da Cultura de Foz. O relator fixo un rápido resumo das investigacións realizadas ao longo dos dous últimos anos, sobre todo pola costa atlántica, pero tamén polas comarcas interiores e pola Mariña de Lugo.
Manuel Gago deixou claro ao inicio da súa exposición que non se trata dun traballo de investigación histórica propiamente dito, senón máis ben dun labor de divulgación periodística. O seu obxectivo é poñer en evidencia a gran cantidade de indicios dunha intensa, confusa e axetreada actividade humana na Galicia dos cinco ou seis séculos que van desde o fin do Imperio Romano ata a Baixa Idade Media e na que están involucrados galaico romanos, suevos, normandos, vikingos... Trátase da etapa máis descoñecida da nosa historia e non tivo ata agora a atención que se merece por parte dos investigadores, seguramente por falta de documentación escrita e porque o labor arqueolóxico se centrou máis en etapas anteriores, como a prerromana.

A Mariña de Lugo aparece como un espazo tremendamente interesante pola súa orientación directa cara os pobos invasores do norte de Europa, e os indicios desta etapa son moi abundantes e próximos; sen embargo, permanecen ocultos aos ollos do noso tempo debido a que non temos unha imaxe definida do que buscamos, como ocorre, por exemplo, cos antepasados castrexos, máis estudiados e divulgados.

As repúblicas de homes libres de Manuel Gago son pezas dun puzzle tremendamente complexo que da pistas da existencia dunha fascinante fotografía dos séculos escuros da Alta Idade Media galega e mariñán e convídannos ao intrigante xogo de compoñela peza a peza.



A demostración dun ferreiro complementa a exposición sobre o ferro, que segue en itinerancia


Continúa a súa itinerancia a exposición "A industria do ferro no norte de Lugo e no occidente astur". Nos ultimos días estivo en Viveiro, no IES Vilar Ponte e actualmente permanece no CEIP de Cervo. Nestes dous centros de ensino foi complementada e enriquecida cunha interesante demostración a cargo do ferreiro Telmo Cao. O alumnado dos centros puido ver e participar directamente no proceso de traballo do ferro a través desta forxa portátil que está resultando enormemente atractiva para a rapacería. A seguinte etapa da exposición e demostración será ante os escolares de San Cibrao.

2/13/2011

Conferencia de Manuel Gago Mariño: “República dos Homes Libres: o territorio como defensa entre o Imperio Romano e a alta Idade Media”.


A asociación cultural MariñaPatrimonio, en colaboración coa asociación A Pomba do Arco, organizan este venres día 18 unha conferencia sobre a época comprendida entre o final do imperio romano e o xurdimento da Idade Media. Trátase dun período de loitas, de invasións, de ausencia de poder establecido e de incursións de piratas viquingos. Son tempos moi convulsos que afectaron a toda Galiza e, como non, a esta Mariña Lucense.

O poñente desta charla é Manuel Gago Mariño, nado en Palmeira, Ribeira no ano 1976, é doutor en C.C. da Información pola Universidade de Santiago, así como director de culturagalega.org., o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado de ciberxornalismo na Facultade de C.C. da Comunicación da Universidade de Santiago.

O profesor Manuel Gago é autor de numerosas publicacións de referencia sobre xornalismo electrónico e temas de historia e arqueoloxía galega que se poden ver no seu blog www.capitulocero.org. Na actualidade está desenvolvendo as súas investigacións no tema do proceso de fortificación e defensa de Galiza entre a caída do Imperio Romano e a Baixa Idade Media.

Na súa conferencia, na que se poderán ver varias imaxes de sistemas defensivos e castelos, vainos falar de algo que seguro é bastante descoñecido na nosa Mariña, como son os castelos e os refuxios naturais empregados polos mariñáns para protexerse dos ataques, incursións navais e invasións. Se ben é certo que hai moi poucas noticias documentais, tamén é certo que a arqueoloxía sacou á luz moitas pezas e achados que nos obrigan a formular a nosa historia dunha maneira bastante distinta a como nos tiñan acostumados.

As asociacións Mariña Patrimonio e A Pomba do Arco, convidan a asistir a esta conferencia a toda aquela persoa que teña interese por coñecer a historia deste momento de fins do Imperio Romano, que terá lugar o Venres 18 ás 20.30 na casa da cultura de Foz.