4/13/2014

Pena Abaladoira do Xistral

 Nun país de pedra, outra pedra que vale a pena coñecer é a Pena Abaladoira do Xistral.

Sobre esta pena collemos prestado o seguinte texto publicado en Galicia Encantada:
Na Serra do Xistral, onde chaman Ilefonso, lugar da Moladoira, parroquia do Pereiro, concello de Alfoz (Lugo) hai un penedo de granito de forma oval pousado sobre outro; ao máis lixeiro impulso abana sen chegar a caer. Segundo diversas informacións tivo, agora non se lle apreza, unha inscultura que representaba unha "bicha", ou sexa, unha serpe xigante. Cóntase que se deitaban sobre ela as parellas con problemas de fertilidade (ten forma fálica), as nais con pouco leite para alimentar os fillos, as mulleres que procuraban noivo ou as que desexaban saír con ben do parto. Nesta pena facíanse sacrificios de animais na antigüidade e botábase o sangue en dous buratos que hai na parte superior para logo purificarse con ela. A auga que apoza neses buratos é boa para currar as verrugas. Quen consegue pasar por baixo dela e abaneala cunha soa man cura da reuma.Tamén se asegura que se usou para para facer ordalías, xuízos ou probas de verdade coñecidos como "Iudicium Dei", probas de Deus, para comprobar a fidelidade das esposas, a virxinidade das doncelas e a culpa ou inocencia de acusados de diversos delictos; segundo a pena abanease ou non, resultaba culpable ou inocente o sospeitoso.
http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=236&n=a_pena_abaladoira_da_serra_do_xistral




4/09/2014

Día de setas

Non é a primeira vez, nin a segunda, nin a... que saímos por setas e volvemos cun novo sitio arqueolóxico.
Comezas a patear monte e rematas metido no sistema defensivo dun castro. Na foto vemos a Miguel, co seu carabelo, andando polo foxo entre dous parapetos moi ben conservados.
Cando chegas á casa, buscas o xacemento e ves esta impresionante imaxe do 56. Reparade en como o sistema defensivo aílla unha especie de península; polo outro lados vemos un cantil cunha considerable caída. Semella un castro costeiro, pero está terra adentro. Temos solicitado á Xunta a súa inclusión no Inventario dende hai meses; de momento non obtivemos ningunha resposta.


A Pedra da Señorita

Outro impresionante seixo; na actualidade serve de límite entre os concellos de Lourenzá e Riotorto.
Neste texto collido de Galicia Encantada vemos que comparte a mesma lenda con outras pedras, dolmens e pedrafitas da nosa terra.

A Pedra da Señorita
Polo monte da Pena do Porco, A Muxueira, límite natural dos concellos de Riotorto e Lourenzá (Lugo), pasa o que chaman "camín real", que unía a Augaxosa coa cidade de Mondoñedo. No medio do camiño atópase un enorme penedo que, segundo nos conta a lenda, levou ata alí unha señorita (unha moura?) de Mondoñedo na cabeza, empregando como rodela a capa dun muíño, e foi todo o tempo comendo zamelos (castañas cocidas).
Outra lenda di que o nome da pedra débese a que as señoritas que viñan á feira da Augaxosa cargadas coas cestas, pousábanas na pedra para poder descansar.



4/04/2014

O Marco da Pena Verde

Outro lugar de Trabada visitado con Pancho Campos, A Pena Alta ou O Marco da Pena Verde, na parroquia de A Fórnea.
Impresionante pedrafita de seixo de dous metros de alto.


4/03/2014

As Pallaregas

 Estas son As Pallaregas (concello de Trabada), onde se atopa un campo de mámoas; nas fotos podemos ver os restos dun dólmen.
As fotos foron feitas hai uns catro anos e acompañounos e guiounos o amigo Pancho Campos Dorado.



4/01/2014

Castro de Nois

Aproveitamos esta foto aérea de Humberto Palacios Pool para amosar o castro de Nois, tamén coñecido como Fontecastra ou castro Curveiro.
Este é un dos castros costeiros menos coñecidos porque non ten un gran parapeto e, aínda que aparentemente non ten sistema defensivo, conserva un impresionante sistema de foxos.
Polo Leste vense dous foxos picados na rocha (fotos 1-2-3) e polo Este hai tres foxos (fotos 4-5-6-7-8)
Tamén observamos dous foxos e un parapeto transversal ao foxo principal (fotos 1-2)
O sistema de foxos sería aproximadamente como se amosa na última imaxe.
Este castro ten un xemelgo en Foz, o castro do Carreiro.









Útil paleolítico

 Chopping-tool, aparecido na Pampillosa (Foz) tralos temporais de 2010. Hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Vilalba.

3/07/2014

APARECEN DÚAS ÁNCORAS DE PEDRA E LASTRES DE SÍLEX NO SITIO ARQUEOLÓXICO DOS MOUTILLÓS (O VICEDO)

MariñaPatrimonio ven de comunicarlles ao Servizo de Patrimonio da Xunta e ao alcalde do Vicedo, a aparición dun número significativo de lastres de sílex e dúas áncoras de pedra no sitio arqueolóxico dos Moutillós, na praia de San Román, O Vicedo (Lugo).
Os lastres son os pesos que precisan as embarcacións para manter a estabilidade, cando van sen carga. Os lastres dos Moutillós son de sílex, un mineral case inexistente en Galicia e moi abundante nas costas inglesas e normandas. Probablemente estes sílex chegaron aos Moutillós en barcos ingleses ou normandos.

En varios portos da Mariña, como o de San Cibrao, aparecen lastres de sílex, froito do intenso intercambio comercial entre A Mariña e Inglaterra na antigüidade.

As áncoras de pedra atopadas nos Moutillós están feitas con pedra do lugar, chamada gneis ou “ollo de sapo”. Estas áncoras destacan polo seu tamaño e peso (66 e 127 quilos), o que nos dá unha idea das dimensións dos navíos que as utilizaron .

Segundo sinalan os expertos consultados por MariñaPatrimonio, a áncora máis pequena é un modelo moi empregado durante a Idade Media. A de maior tamaño, porén, é un modelo descoñecido até agora nas costas galegas.

Os lastres e as áncoras aparecen concentrados no mesmo lugar, o que fai sospeitar que haxa unha posible relación entre ambos elementos.

Agora cumpría facer un estudo para datar estes achados e ver que tipo de relación gardan co xacemento arqueolóxico dos Moutillós.

Dende o 2011 hai un apaixonante e enriquecedor debate sobre que tipo de xacemento arqueolóxico son os Moutillós. Patrimonio sostén que non é un castro nin un asentamento tipo motte and bailey pero baseándose nos testemuños dos veciños, que aseguran que neste lugar aparecen restos arqueolóxicos, non descartan que houbese algún tipo de asentamento.

Para MariñaPatrimonio, a quen os veciños informaron sobre a presenza de ósos humanos enterrados na zona dos moutillós, así como para algúns investigadores e arqueólogos, os Moutillós gardan un gran parecido cos motte and bailey construídos polos normandos en Inglaterra e outros puntos de Europa.

Nin a hipótese sobre a existencia dunha mota normanda nos Moutillós nin a hipótese contraria poderán ser demostradas, en tanto non se realicen catas e un estudo arqueolóxico serio e rigoroso.

MariñaPatrimonio solicita á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, que os temporais sacaron á luz, e que os Moutillós figuren como xacemento no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos.
Contrariamente ao que se ten informado, os Moutillós non aparece como xacemento arqueolóxico no citado Inventario e, polo tanto, este sitio carece de protección.

MariñaPatrimonio recoñece o interese amosado polo alcalde de O Vicedo en relación co xacemento dos Moutillós e cos restos recentemente aparecidos.



2/19/2014

A explotación mineira, os Canos dos Mouros, novo xacemento arqueolóxico en San Martiño (Foz)

Este ben patrimonial pode ser destruído polo trazado da futura autoestrada A-82, Barreiros- San Cibrao .
En marzo de 2013 veciños de San Martiño, a asociación cultural Pomba do Arco e MariñaPatrimonio acordaron solicitarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión das minas próximas ao castro de Mondoñedo, parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz), no inventario de xacementos arqueolóxicos.
O Servizo de Patrimonio vén de recoñecer o sitio arqueolóxico, incluído no inventario coa clave GA 27019023. Esta inclusión conleva a súa protección e obriga á Xunta a garantir a protección e conservación deste ben patrimonial.
Dende decembro de 2013 o Cano dos Mouros goza de protección, pero dende o 2011 está sentenciado, posto que o trazado definitivo da autovía A-82 pasa porriba deste ben patrimonial e, se non se modifica, acabará sendo destruído, como tamén o será o castro da Senra, outro ben patrimonial que tampouco detectaron os arqueólogos que revisaron este trazado.
Unha vez máis vemos como os estudos de impacto medioambiental non están ben feitos e os trazados definitivos apróbanse, sen que se teña en conta o noso rico patrimonio.
A explotación mineira do Cano dos Mouros está composta por un gran foxo dunha mina a ceo aberto e dúas galerías. Unha destas galerías parece medieval, mentres que a outra probablemente sexa romana, tanto pola súa boa factura como pola semellanza coas galerías romanas do castro do Carreiro.
O trazado da autovía que pasa por San Martiño de Mondoñedo (Foz), foi amplamente rexeitada por veciños, asociacións e grupos políticos, debido ao enorme impacto visual que provocaría no contorno da Basílica de San Martiño. Un motivo máis para rexeitar agora este trazado é evitar a destrución do protexido xacemento arqueolóxico do Cano dos Mouros.
Dende a Pomba do Arco e MariñaPatrimonio agardamos que se modifique este trazado e que se escolla outro alternativo que non afecte ao noso patrimonio.

2/11/2014

As cicloxéneses afectan o sitio arqueolóxico de Estabañón (Viveiro)


A escasa protección das catas realizadas en 2007 favoreceu o efecto destrutivo dos temporais.

Mariñapatrimonio vén de informar ao Servizo de Patrimonio de Lugo que por mor dos temporais viuse afectado o sitio arqueolóxico de Estabañón, na praia de Area (Viveiro), o que provocou a destrución dunha parte do xacemento, especialmente os píos de salazón, onde Costas realizara unhas catas arqueolóxicas no 2007; catas que quedaron insuficientemente protexidas cunha capa de xeotextil e unhas pas de area.

Antes das cicloxéneses
Catas insuficientemente protexidas cunha capa de xeotextil e unhas pas de area. 


 Despois das cicloxéneses
No lugar apareceron novos muros e cimentación de edificacións, destacando un muro de gran anchura, situado ao sur do lugar das catas. No lugar tamén se aprecian un bo número de restos arqueolóxicos, entre eles un posible morteiro de pedra , e centos de fragmentos cerámicos: tixolos, tégulas, cerámica común romana e ánforas.

Novos muros
Mariñapatrimonio solicítalle á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, para evitar o seu espolio e/ou a desaparición por causas meteorolóxicas; a documentación dos novos muros e das cimentacións aparecidas, así como o requirimento a Costas para que protexa de forma adecuada o xacemento e evite a súa destrución.

Ligazón para as fotos.