O pasado sábado visitamos a mámoa de Guilán e mailo círculo de Lavandeira, ambos no concello de Xove. Como remate da xornada asistimos á interesante conferencia do arqueólogo Ignacio Vilaseco. Agradecemos a colaboración e a participación de todas as persoas que se implicaron no desenvolvemento desta actividade.
3/14/2017
3/09/2017
ESTUDOS ARQUEOLÓXICOS CONFIRMAN A EXISTENCIA DUN “HENGE” NO CONCELLO DE XOVE.
As obras do corredor
costeiro afectaron gravemente este xacemento arqueolóxico que,
segundo algunhas fontes, sería o segundo henge que se investiga e
descobre na Europa continental.
Segundo soubo Mariña
Patrimonio, e a falta de datos oficiais, os traballos arqueolóxicos
realizados recentemente na estrutura circular de Lavandeira do
concello de Xove confirmaron que se trata dun xacemento arqueolóxico
tipo henge, similar
á Roda de Barreiros.
En agosto de 2015 Mariña
Patrimonio solicitara a inclusión deste recinto circular de Xove no
Inventario de Xacementos Arqueolóxicos; tras cuxa solicitude o
Servizo de Patrimonio redactou unha “ficha normativizada do
Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC”, ficha que non ten
ningún valor e que non protexe en absoluto os xacementos.
Desgrazadamente,
o 50% da estrutura circular xa fora agredida e gravemente modificada
con anterioridade con motivo da construción dun tramo
do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro.
Cando se realizou o estudo arqueolóxico para a realización desta
infraestrutura, lamentablemente non se detectou a existencia do
citado xacemento arqueolóxico e para paliar este erro, a empresa
construtora comprometeuse con Patrimonio a realizar unhas catas co
fin de verificar a existencia do posible xacemento; en caso de
confirmarse a autenticidade do mesmo, a construtora retiraría o
talude, que cobre a metade do círculo, e repoñeríao ao estado
anterior ao inicio das obras.
Mariña Patrimonio
confía, agora que está confirmada a autenticidade do sitio
arqueolóxico, que se devolva o xacemento ao seu estado anterior e
que as distintas administracións sumen esforzos na protección e
promoción deste importante ben patrimonial.
3/07/2017
DESCUBERTA UNHA MONUMENTAL MÁMOA CON DOLMEN EN XOVE
Mariña
Patrimonio vimos de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a
inclusión no Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos da monumental
mámoa de Guilán, A Rigueira (Xove). Esta espectacular mámoa ten un
diámetro de aproximadamente 30m e unha altura de 2,5m. O túmulo
presenta cono de violación que permite ver o dolmen, no que se
aprecian
seis chantos
e maila laxe de
cuberta. As súas monumentais dimensións, o seu bo estado de
conservación e o feito de manter o dolmen, converten sen dúbida a
mámoa de Guilán nunha das máis espectaculares e importantes de
toda a Mariña.
Lembramos
que o próximo sábado, na Aula de Formación do concello de Xove,
haberá unha conferencia
a cargo do arqueólogo Ignacio Vilaseco Vázquez
que falará sobre este monumento megalítico. Antes da conferencia,
temos organizada unha visita a este xacemento e ao círculo de
Lavandeira. 3/05/2017
CONFERENCIA EN XOVE SOBRE MÁMOAS E CÍRCULOS
Mámoas
e círculos: unha aproximación ao patrimonio arqueolóxico do
Concello de Xove, é o
título da conferencia que o arqueólogo Ignacio Vilaseco Vázquez
impartirá o próximo sábado 11 ás 19.00h na Aula de Formación
(fronte ao xeriátrico) no concello de Xove.
No
catálogo de xacementos arqueolóxicos do PXOM de Xove figuran 32
xacementos: 21 mámoas, 7 castros e 4 sitios arqueolóxicos doutro
tipo. O PXOM non recolle no catálogo as últimas incorporacións que
a Dirección Xeral de Patrimonio incluíu no seu inventario e, por
suposto, tampouco inclúe as mámoas recentemente descubertas nin a
estrutura circular de Lavandeira. Estes datos dannos unha idea da
gran importancia que ten o patrimonio arqueolóxico de Xove.
Mariña
Patrimonio coa organización desta conferencia do arqueólogo Ignacio
Vilaseco pretendemos dar a coñecer a riqueza dun patrimonio moitas
veces esquecido, centrándonos especialmente nas mámoas e nos
enigmáticos círculos como o da Lavandeira.
Como
complemento a esta conferencia, organizamos unha visita á monumental
mámoa descuberta recentemente e mais á estrutura circular de
Lavandeira. Esta visita farase en coches particulares e trancurrirá
por unha pista de terra en parte do tramo. Partiremos da praza do
Concello de Xove ás 16.30h. Tanto a visita como a conferencia son
gratuítas e están abertas ao público en xeral.
12/10/2016
Mariña Patrimonio leva a Europa a destrución do patrimonio arqueolóxico na Mariña
Representantes
de Mariña Patrimonio vimos de participar nas “Xornadas de debate e
reivindicación” que tiveron lugar no Parlamento Europeo, en
Bruxelas, os días 7 e 8 de decembro.
Dende
Mariña Patrimonio valoramos moi positivamente estas xornadas
promovidas pola eurodeputada Lidia Senra, de AGE Europa; unha
iniciativa que, sen dúbida, permitiu visibilizar a precaria
situación pola que atravesa a totalidade da cultura galega,
propiciada polo desleixo e os ataques das institucións.
Nestas
prolíficas xornadas sobre a situación da cultura galega, Mariña
Patrimonio abordou o tema da destrución masiva do patrimonio
arqueolóxico a mans da industria do eucalipto, coa complicidade da
Xunta de Galicia.
No
transcurso destas xornadas tivemos oportunidade de explicarlles aos
representantes da comisión europea con competencias en cultura,
Macies Hoffman e Nicola Robinson, a crítica situación na que vive o
patrimonio arqueolóxico na Mariña, ao tempo que lles entregamos o
seguinte documento:
Mariña
Patrimonio
somos unha asociación de defensa do patrimonio cultural de Galicia.
A nosa área de acción é a zona norte da provincia de Lugo,
coñecida como A Mariña.
Nesta
zona de A Mariña nos últimos anos vimos observando con preocupación
como se vai destruíndo sistematicamente o seu patrimonio cultural,
sobre todo o seu rico patrimonio arqueolóxico.
Unha
das causas principais desta destrución ten que ver cos intereses
económicos da industria do eucalipto,que convertiu esta comarca nun
inmenso eucaliptal e que actúa con total impunidade,vulnerando
sistematicamente as leis de protección do patrimonio.
Pola
súa banda, a administración autonómica, que ten a obriga de velar
polos nosos bens patrimoniais, é cómplice desta destrución ao
permitirlle á industria do eucalipto que actúe con total liberdade,
no canto de cumprir co seu deber legal de protexer os xacementos
arqueolóxicos.
Como
europeos escandalizámonos cando a barbarie do Daesh destrúe o
patrimonio arqueolóxico en Irak, Libia ou en Siria, pero non somos
verdadeiramente conscientes de que a barbarie da industria do
eucalipto está tamén destruíndo o patrimonio arqueolóxico nesta
zona de Europa.
Dende
a nosa asociación queremos alzar unha voz de alarma; se a
administración galega non comeza xa a tomar decisións responsables
para frear este tipo de accións e non actúa con firmeza na defensa
do patrimonio, en pouco tempo centos de importantes xacementos serán
destruídos inevitablemente.
Mariña
Patrimonio agradece as mostras de apoio das distintas delegacións;
un apoio que nos anima a continuar co noso labor en defensa de
patrimonio. Asímesmo, aproveitaremos as novas ideas xurdidas no
transcurso destas xornadas e exploraremos novas vías para forzar á
Xunta de Galicia a que cumpra coa súas obrigas na defensa e
protección do patrimonio, que é de todos.
Fotos:
11/17/2016
Convenio de colaboración
O Centro
de Actividades Subacuáticas Costa Lugo e Mariña Patrimonio asinamos
o pasado mes de outubro un convenio de colaboración para compartir e
participar en actividades conxuntas relacionadas co mar, que teñan que ver coa defensa e
coa divulgación do noso patrimonio natural e cultural.
11/15/2016
A XUNTA OBRIGADA A INDEMNIZAR UN CONSTRUTOR QUE DESTRUÍU PARTE DUN CASTRO EN SAN CIBRAO
ADEGA
e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo
e ao concello de Cervo do fallo que obriga a indemnizar o responsable
da destrución parcial do castro da Atalaia
Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia, tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos veciños na defensa do castro, como Mariña Patrimonio, asociación que naceu a partir deste conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os responsables no sucedido no caso do xacemento da Atalaia.
Para
situármonos, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron
lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr
os cartos e permitía medrar a corrupción por todas partes.
Coincidindo
con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a
comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un
xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha
desfeita arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor sobre a
existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de
2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos
arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se
rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para
edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do
xacemento.
Por
outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo
estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de
aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de
2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano.
Con
todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a
obriga de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que
impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para
edificar sobre o xacemento da Atalaia. Pola contra, o Servizo de
Patrimonio de Lugo tardou nada menos que vinte meses en incluílo no
Inventario; concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o
19 de abril de 2007.
Curiosamente, a
véspera, o 18 de abril de
2007, o Concello de Cervo
concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.
Por
tanto, dado que o concello de Cervo sabía da existencia do
xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas
licenzas, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son
tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que
Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.
Cómpre
non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o
promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter
concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que
existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos
os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións
irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.
Por
outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos felicitar a empresa
construtora porque, malia ter destruído 1600m2 de xacemento
arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de
ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas
Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento,
segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o
felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que
non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende
que estourou a burbulla inmobiliaria.
Porén,
cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e
mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación
irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos
colaterais, dado que os cartos que recibirá o construtor saen do
presuposto que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios
arqueolóxicos en toda Galiza. En consecuencia, esta sentenza non só
afectará a moitos xacementos senón que tamén prexudicará as
empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de
traballo.
Por
todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección
Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do
Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles solicitamos á Xunta e
mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa
expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento e , por
suposto, demandamos a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa
escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na
Atalaia.
FOTOS:
11/10/2016
O SERVIZO DE PATRIMONIO DE LUGO NON ACTÚA ADECUADAMENTE PARA PROTEXER UN XACEMENTO ARQUEOLÓXICO EN CERVO, CONSIDERADO ÚNICO EN GALIZA
Patrimonio
puido ter evitado os graves danos sufridos recentemente polo
xacemento
ADEGA e
Mariña Patrimonio vimos de denunciar perante o Servizo de Patrimonio
Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas
circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no
concello de Cervo. Os danos foron ocasionados no transcurso dos
labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a
superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As
remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no
recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.
A Mourisca é un
sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín,
situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas
estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges,
e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin
estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos
arqueolóxicos.
Antes de solicitar
á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de
calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA poñémonos en
contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a
autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca tivemos a
oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos
eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único
en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar
e protexer este singular ben patrimonial.
En consecuencia, o
27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a
inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois
de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de
Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das
citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección
entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun
dos recintos circulares. Posteriormente, os técnicos de Lugo
incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas
estruturas como Referencias
coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, o
feito de incluír no Inventario un lugar como
Referencia supón
que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o
lugar queda sen a debida protección.
Por este motivo,
ADEGA e Mariña Patrimonio temos explicado a anómala situación de A
Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en
reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa
do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de
diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo
e mesmo con Patrimonio.
Posiblemente froito
destes contactos, en maio a
prensa facíase eco
da existencia do sitio arqueolóxico de A Mourisca, ao tempo que
reproducía as declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio nas
que se anunciaba a corrección da ficha que fora elaborada polo
Servizo de Patrimonio de Lugo: «Respecto
dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a
súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo
estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de
referencia a xacemento arqueolóxico».
Lamentablemente a
corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no
xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que
adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita
erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso e,
así mesmo, agardamos que Patrimonio sexa quen de definir onde fallou
o Servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo
este Servizo nos danos que sufriu o sitio arqueolóxico de A
Mourisca, por non contar este ben patrimonial coa necesaria
protección, pese as nosas reiteradas advertencias.
10/17/2016
A XUNTA, FINALMENTE, ESCAVA O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS ONDE NEGABA A EXISTENCIA DE RESTOS DE CERAMICA ROMANA
- Centos de fragmentos cerámicos foron rescatados no transcurso dos traballos.
- A Xunta realizou a escavación sen necesidade de construír o dique de protección que esixía ás oito entidades que se ofrecían voluntarias para retirar os restos arqueolóxicos antes de que foran arrastrados polo mar.
ADEGA
e Mariña Patrimonio dámoslles os parabéns a todas as persoas e a
todos os colectivos que se moveron na procura dunha solución que
evitase a desaparición do xacemento arqueolóxico do forno romano de
Esteiro, afectado gravemente tralos temporais de marzo de 2014.
Debido
á inevitable destrución do sitio arqueolóxico pola acción do mar,
tivemos claro desde o comezo que cumpría unha urxente intervención
encamiñada a recoller os centos de fragmentos cerámicos dos dolium
así
como a documentar as estruturas do xacemento. Despois de terlle
comunicado ao Servizo de Patrimonio de Lugo a situación na que se
atopaba o forno de Esteiro, e tras solicitarlle a recollida dos
numerosos restos de cerámica, na súa resposta por escrito informaba
textualmente: “Os
técnicos deste Servizo fixeron unha inspección do xacemento o día
11.03.2014 e non atoparon indicios de materiais arqueolóxicos
mobles”.
Debido
a esta insólita negación da realidade,oito
colectivos culturais
(Mariñapatrimonio,
ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural
Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo)
xuntamos esforzos para promover voluntariamente a necesaria
intervención arqueolóxica, polo que contactamos cun grupo de
arqueólogos que elaboraron un proxecto de escavación. Porén, unha
vez máis, alguén desde Patrimonio decidiu boicotear unha acaída
solución para o xacemento de Esteiro ao poñer como condición sine
qua non a construción dun
dique que protexese o xacemento
das crecidas do mar. O elevado custe que supoñía a construción do
“imprescindible” dique obrigounos a renunciar á mencionada
escavación. Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para
a escavación executada recentemente pola Xunta.
Malia
todo, dámoslle tamén os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio
por ter reconducido esta absurda situación e por ter asumido a
intervención arqueolóxica que achegou novos datos do xacemento,
permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar
centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio,
negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.
As persoas que hoxe se acheguen ao sitio arqueolóxico comprobarán que o forno de Esteiro quedou novamente tapado e que non foi imprescindible construír o dique de protección que a nós se nos esixía con tanto celo. Sospeitamos que a finalidade da incondicional construción do dique non era a de frear o mar, senón a de frear a cidadanía que se move en defensa do patrimonio común.
9/01/2016
Pantasmas do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval. Conferencia de Manuel Gago en O Vicedo.
As
asociacións Mariña Patrimonio e Nordés Faladora vimos de organizar
para o sábado 10 de setembro unha conferencia a cargo do xornalista
e divulgador cultural Manuel Gago Mariño, co título "Pantasmas
do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval”.
Esta actividade, con entrada libre e gratuíta, terá lugar ás
20.00h na Casa de Cultura de o concello de O Vicedo.
A
xornada completarémola cunha visita ao mosteiro de San Miguel na
illa Coelleira, que partirá do porto de O Vicedo ás 10.00h. Dado
que a visita á Coelleira ten límite de prazas, é imprescindible
ter feita a reserva previamente.
Ás
14.30h haberá un xantar na Casa Fanego de San Román e as persoas
que queiran participar nel teñen como data límite para anotarse o
mércores 7 de setembro. Finalmente, tralo xantar, faremos unha
visita ao xacemento arqueolóxico de Os Moutillós.
Para
coñecer os prezos e as condicións da viaxe á Coelleira así como o
custe do xantar, cómpre contactar con Miguel Vizoso no teléfono 619
55 32 36.
Subscrever:
Mensagens (Atom)














