O pasado 6 de agosto na sauna da Atalaia a medida que ían metendo tubo
ían aparecendo novos vestixios, que os operarios ían tapando. Nestas
fotos pódese observar a segunda pedra formosa e mais unha nova estancia,
en cuxas paredes se aprecian uns ocos semellantes aos xa aparecidos
noutras dependencias desta monumental edificación.
Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo contaranos algún día por que decidiron tapar este excepcional achado, sen realizar ningún estudo arqueolóxico?
8/23/2019
8/11/2019
Tapado da sauna do castro da Atalaia.
1.- A intervención arqueolóxica que se realizou na sauna da Atalaia, redescuberta no transcurso das obras realizadas polo Concello, foi simplemente un control arqueolóxico. Non houbo, por tanto, nin escavación nin estudo arqueolóxico.
2.- Malia a que a Xunta considera esta sauna de extraordinario interese arqueolóxico, decidiu tapala sen realizar as escavacións e os estudos que requiriría este importante ben patrimonial.
Pola súa banda, o Concello proximamente pavimentará de novo a rúa na que se atopa a sauna. Está claro que se non se aproveitou no seu momento para escavala e estudala, tampouco se vai facer unha vez rematada a nova rúa.
Mariña Patrimonio considera que Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo debería explicar por que se actúa deste xeito cun dos achados arqueolóxicos máis importantes dos que se teñen descuberto en Galicia nos últimos anos.
Sauna do castro da Atalaia
Mariña Patrimonio agradécelles ao arqueólogo Emilio Ramil e ao alcalde
de Cervo, Alfonso Villares, a súa participación no acto celebrado o
pasado martes sobre a sauna do castro da Atalaia. Grazas á información
que achegaron ambos, quedou patente a enorme importancia desta sauna, á
que Emilio Ramil cualificou como unha auténtica xoia da arqueoloxía.
8/04/2019
Acto divulgativo sobre a sauna do castro da Atalaia.
O próximo martes 6 de agosto, ás 20.00h, teremos na Casa
da Cultura de San Cibrao un acto divulgativo sobre a sauna do castro da
Atalaia. Neste acto participarán o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e
o arqueólogo que dirixiu a intervención arqueolóxica, Emilio Ramil.
7/01/2019
VISITA AO PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DA PONTENOVA
Este
sábado 29 de xuño o grupo de case trinta persoas madrugou un pouco
para poder aproveitar a xornada programada na Pontenova, un concello
que posúe lugares e tesouros pouco coñecidos, pero non por iso
menos interesantes. Arredor das 10 da mañá chegamos a Vilarxubín,
unha aldea do sur do concello, ubicada nunha das ladeiras do río e
da fraga das Reigadas. A súa fermosa arquitectura popular,
deteriorada mais escasamente alterada, aínda mantén unha riqueza
excepcional: hórreos de montaña e hórreos mariñáns complementan
o conxunto de casas e calellas nas que a pedra de lousa e a madeira
se combinan para dar lugar a formas singulares, conformando un
harmónico conxunto. Ademais da arquitectura, Vilarxubín alberga
outros tesouros de grande interese, que nos axudou a entender Miguel
Losada, o antropólogo que nos acompañou nesta visita, aportando un
valor engadido coas súas explicacións sobre os amuletos ou
elementos simbólicos das sociedades tradicionais, coma a galega, e
que son chamativamente abundantes nesta aldea.
Sobre as 12 o grupo desprazouse a outro dos lugares sinalados da Pontenova, o santuario de Conforto, un dos centros relixiosos máis emblemáticos na comarca pola devoción que esperta a pequena e fermosa talla da Virxe, aparecida no século XVII. Para coñecer este Santuario contamos coa guía inestimable do sacerdote Carlos Miranda, natural deste concello e párroco de Ribadeo, vinculado a este lugar de xeito moi especial desde a súa infancia. O templo ten un grande interese pola profusión de retablos e pequenos tesouros que foi acumulando ao longo da súa historia, e que se atopan expostos tanto no interior da igrexa coma no pequeno museo de arte sacra, creado a carón do cemiterio.
Pasadas
as sete do serán, satisfeitos e sorprendidos diante da grande
riqueza patrimonial destas terras, rematamos a xornada.
Dende
Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa admiración e gratitude a
Miguel Losada e a Carlos Miranda, que nos aportaron dúas miradas
distintas pero igual de interesantes sobre o patrimonio espiritual
destas terras. Así mesmo, agradecemos a excelente atención prestada
polo Concello da Pontenova e do seu guía de turismo, Juan Carlos
Pardo.
6/14/2019
VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO POLOS BENS PATRIMONIAS DO CONCELLO DE A PONTENOVA
Mariña
Patrimonio organiza para o vindeiro 29 de xuño un percorrido polo
patrimonio civil e relixioso máis salientable do concello de A
Pontenova. Aínda que dos detalles da xornada se informará máis
polo miúdo, adiántase que se contará coa inestimable colaboración
de Carlos Miranda Trevín para a visita do patrimonio relixioso
(Conforto e Vilameá) e do antropólogo Miguel Losada para a visita
etnográfica en Vilarxubín. Nesta xornada tamén coñeceremos o
patrimonio relacionado co ferro.
Por
outro lado, se o número de persoas interesadas en participar na
visita o permite, os desprazamentos faranse en bus, que partiría de
Viveiro e faría as paradas intermedias necesarias ata A Pontenova.
Neste lugar dará comezo a xornada, que se desenvolverá dende as
10:00 ata as 19:00, cunha pausa para o xantar de 14:00 a 16:00.
5/28/2019
MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIA UNHA INTERVENCIÓN NA FACHADA DA FÁBRICA DE SARGADELOS
Os responsables da transformación
da fachada neste Ben de Interese Cultural non contarían coa
preceptiva autorización de Patrimonio.
A asociación Mariña Patrimonio
vén de denunciar perante a Consellería de Cultura e mais no
Concello de Cervo as intervencións que se están a desenvolver no
edificio circular da fábrica de Sargadelos. Neste complexo
industrial, que foi declarado Ben de Interese Cultural, coa categoría
de monumento en 2014, as mencionadas intervencións están a
transformar e desvirtuar o emblemático edificio de Sargadelos; unha
obra do arquitecto Andrés Fernández – Albalat que se construíu
no concello de Cervo en 1968 por encargo de Isaac Díaz Pardo e Luis
Seoane.
Segundo
a información da que dispón a asociación denunciante, os traballos
que se están a realizar na fachada do edificio non contan coa
preceptiva autorización da Consellería de Cultura nin coa necesaria
licenza municipal. Por todo isto, Mariña Patrimonio considera que
cómpre unha inmediata paralización das actuacións que se están
realizando na fábrica de Sargadelos e ademais entende que é
necesario volver ao estado orixinal a fachada deste importante ben
patrimonial.
5/27/2019
VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE MAÑÓN
Este
sábado 25 de maio presentouse espléndido para o percorrido polo
concello de Mañón, no que participaron máis dunha trintena de
persoas convocadas por Mariña Patrimonio,
Durante
o percorrido tivemos o privilexio de contar como guía e anfitrión
de luxo co profesor mañonés afincado en Cervo e Burela, Bernardo
Penabade. Da súa man iniciamos a visita en Bares, onde arrinca o
Camiño dos Arrieiros, vía milenaria que comunicou esta vila de
situación xeográfica estratéxica co interior de Galicia desde os
tempos antigos.
Trala
visita ao Semáforo, convertido en fermoso e romántico hotel, onde o
seu xerente Javier Pardo nos contou como se produciu esta
transformación, visitamos o Coído e os vestixios romanos da
necrópole do Porto de Bares. Desde este punto, e seguindo o Camiño
dos Arrieiros, despois dunha breve visita á igrexa nova da Vila de
Bares, subimos á Garita, atalaia que permite extasiarse cunha
espectacular panorámica da comarca máis septentrional da Península.
Despois
de achegarnos ao Barqueiro, capitalidade actual do municipio, onde o
grupo gozou dun refrixerio no Bar Queiro, a visita continuou na
dirección dos arrieiros cara ó interior polos altos da Serra
Faladora, vendo descorrer en paralelo pola nosa esquerda o río Sor,
ata a parroquía de Mañón, antiga capitalidade municipal. Aquí
puidemos coñecer, ademais da antiga feira, a igrexa parroquial de
Sta. María, un templo moi especial polas súas importantes pinturas
murais dos séculos XV e XVI. Neste lugar a restauradora Clotilde
Lemoine, coautora do único estudo realizado sobre estas pinturas,
que se conservan malia as desafortunadas obras de reconstrución da
cuberta do edificio, ilustrou a visita sinalando a súa calidade e
relevancia, asi como a necesidade de completar unha restauración que
impida o seu previsible deterioro.
Despois
dun contundente xantar en Casa Urbano, a seguinte etapa foi o
conxunto da igrexa e casa reitoral do Campo das Grañas, unha
modélica restauración promovida pola comunidade de veciños. Esta
espléndida actuación patrimonial foi explicada por Jesús Pardo
Novás, Cefucho, home que tivo un especial protagonismo no éxito da
mesma. A actuación pretende ser continuada coa restauración das
instalacións da antiga feira que se celebraba neste Campo das Grañas
ao carón da igrexa.
Para completar a visita, o camiño dos Arrieiros retomou a nosa atención achegándonos ao Forno dos Mouros e ao tramo de Pena Branca, onde puidemos ver algunhas das 88 mámoas que se teñen computado desde Bares ás Pontes, sempre vinculadas a este ancestral camiño.
Dende Mariña Patrimonio queremos agradecer, ademais do mencionado labor dos guías, a colaboración do párroco de Mañón e dos veciños de Bares por facilitarnos a visita ás citadas igrexas.
+FOTOS:https://photos.app.goo.gl/p2GmCySPzo996kye9
5/13/2019
ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN A XUNTA POR POSIBLES DANOS AO PATRIMONIO
A Xunta realiza unha queima
“controlada” no Xistral sobre un petróglifo catalogado.
Nesta zona arqueolóxica do Chao do
Sinás, onde a Xunta de Galicia ten catalogadas trece laxes con
petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido
dólmen da Arca de Sinás), a queima así como o paso dun tractor con
desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa
preceptiva autorización da Consellería de Cultura, segundo souberon
ADEGA e Mariña Patrimonio.
Estas asociacións consideran
especialmente grave que sexa a propia administración quen dane o
patrimonio cultural. Ademais, sosteñen que esta queima sobre un
petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, é unha nova
mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia.
Mina romana de Riotorto
O Xeolodía Lugo 2019 visitou a mina de ouro de época romana de Riotorto,
descuberta por Mariña Patrimonio en 2105 e que a día de hoxe,
incomprensiblemente, segue sen estar catalogada.
Subscrever:
Mensagens (Atom)



