7/10/2022

A minaría aurífera romana

O pasado sábado 9 de xullo levouse a cabo a actividade programada por Mariña Patrimonio e o Concello de Foz sobre a minaría de ouro romana. Como estaba previsto, realizouse en xornada partida. Pola mañá, o arqueólogo e guía de montaña, Iván Álvarez Merayo, impartiu a conferencia “A minaría aurífera romana” na Casa da Cultura de Foz e á que asistiron unhas 45 persoas. A exposición, moi ben ilustrada e de gran valor didáctico, permitiunos comprender o proceso de extracción do ouro, tanto na etapa prerromana, durante os dous últimos milenios anteriores á era cristiá - que se realizaba bateando as areas dos ríos- como, e sobre todo, a explotación industrial masiva e sistemática acometida polos romanos en todo o noroeste da Península e que chegou a proporcionar o 7% da produción de ouro do Imperio. 

Merayo explicou detalladamente o proceso de extracción do ouro, tanto nos xacementos primarios como nos secundarios, como é o caso da mina da Espiñeira, un dos complexos mineiros máis extensos do noroeste, que abrangue as dúas beiras do río Masma, repartida entre os concellos de Barreiros e Foz.

Na xornada de tarde participou un numeroso grupo de persoas, arredor de 60, convocadas no Campo da Feira da Espiñeira para percorrer unha das zonas da mina que recentemente quedaron á vista, grazas á corta dunha parte do eucaliptal que cobre toda a mina actualmente. Merayo guiou ao grupo explicando in situ como se realizaba o lento proceso de erosión artificial da enorme masa de sedimentos que o río Masma acumulou ao longo de millóns de anos. Esta erosión realizábase mediante correntes de auga, que se lanzaban desde depósitos ubicados na zona máis elevada do lugar. Previamente, os depósitos enchíanse mediante múltiples canles, que traían auga por gravidade desde diferentes captacións do territorio.

A auga corrente arrastraba os materiais sedimentarios de diferentes grosores, que conteñen unha ínfima proporción do prezado ouro en partículas similares a finas areas. Estes eran conducidos mediante un gran entramado de canalizacións cara ás zonas máis baixas que rodean a mina, onde se decantaban as partículas auríferas polo seu maior peso. Estas partículas mesturábanse con mercurio, logo aplicábaselle calor e, finalmente, quedaba o prezado metal.

A zona visitada conserva a complexa topografía de canles e acumulacións de cantos rodados (murias), que os mineiros apartaban e acumulaban para facilitar a circulación dos sedimentos máis finos nos que viaxaban as partículas auríferas.

Cremos que a actividade desenvolvida este sábado permite dar a coñecer este xacemento importantísimo, tanto en dimensión como en valor histórico. Un xacemento que xa fora citado polo enxeñeiro alemán, Schulz, en 1835 e redescuberto por Mariña Patrimonio en 2013, o que permitiu a súa inclusión no Catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia, feito fundamental para a súa protección. Lamentablemente, só é posible apreciar esta enorme mina cando se produce unha corta coma a que nesta ocasión nos permitiu realizar a actividade.

Por último, agradecemos ao Concello de Foz pola súa activa colaboración na organización da actividade e por ter posto á nosa disposición todos os medios necesarios para a realización da mesma. Así mesmo, agradecemos ao ponente e guía, Iván Álvarez Merayo, o seu entusiasmo e bo labor divulgativo.







7/05/2022

CONFERENCIA SOBRE A MINARÍA AURÍFERA ROMANA E VISITA Á MINA DA ESPIÑEIRA (FOZ)

 O vindeiro 9 de xullo terá lugar ás 11.30 na Casa da Cultura de Foz a conferencia “A minaría aurífera romana” organizada polo Concello de Foz e maila asociación Mariña Patrimonio. Esta conferencia, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, correrá a cargo do arqueólogo especialista en minería romana, Iván Álvarez Merayo, que tamén fará de guía na visita programada á mina de ouro romana da Espiñeira. A visita á antiga explotación mineira arrancará ás 17.00 dende o Campo da Feira de A Espiñeira.

A Mariña luguesa é unha zona rica en explotacións mineiras antigas, lamentablemente pouco coñecidas e escasamente estudadas. Unha mostra da existencia destas explotacións auríferas na Mariña son as dúas minas romanas localizadas pola asociación Mariña Patrimonio no ano 2013 na desembocadura do Masma. Concretamente, unha atópase na zona de Covas (Barreiros) e a outra en A Espiñeira (Foz). O achado de ambas explotacións foi notificado pola citada asociación á Xunta, que incluíu en 2014 estes bens patrimoniais no catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia.

Respecto ás minas de ouro romanas da desembocadura do río Masma, o enxeñeiro Guillermo Schulz xa nos fala sobre esta explotación mineira da ría de Foz - da que destaca a súa gran extensión - nunha publicación do 1835 titulada Descripción geognóstica del reino de Galicia.

Na visita organizada á mina de ouro romana da Espiñeira para a xornada do sábado 9 de xullo, terase a oportunidade de ver, grazas á corta do monte realizada recentemente nunhas parcelas situadas na antiga explotación mineira, unha parte importante da que puido ser unha das explotacións de ouro máis grandes de toda Galicia.


https://photos.app.goo.gl/khxAnbPJZq7nAGBs8

6/12/2022

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DO VICEDO

 

O tempo non acompañou. Aínda así, 30 persoas responderon á convocatoria de Mariña Patrimonio para visitar algúns dos lugares máis reseñables do Vicedo. A visita foi deseñada e guiada polo profesor Bernardo Penabade, burelés de adopción, máis nado na parroquia de Grañas (Mañón), a quen agradecemos a súa contribución fundamental no desenvolvemento desta actividade. 

Durante as actividades da mañá, Penabade foi auxiliado polo tamén profesor e investigador Antón Niñe, a quen igualmente agradecemos a súa colaboración pola información que nos achegou sobre as tres igrexas que visitamos: San Pantaleón de Cabanas (Ourol), San Ramón de Cabanas e San Pablo de Riobarba.

 Os tres templos responden a unha arquitectura similar, dotadas de fermosas portadas góticas e a presenza constante da simboloxía propia da Casa dos Andrade. Trátase de igrexas que sorprenden pola súa magnífica factura, que revela a importancia económica e relixiosa que estas parroquias tiveron no pasado. 

Sorprende gratamente o coidado estado da súa contorna, a pesar da escasa poboación que actualmente reside no lugar. Un mérito que haberá que atribuír á vecindade e ao seu párroco Cristobal Rivas, a quen tamén agradecemos a súa colaboración por facer posible estas visitas. Queremos sinalar, de paso, a necesidade que teñen estes templos dunha maior atención por parte das autoridades responsables deste valioso patrimonio, para iniciar a restauración destes edificios, dos seus retablos e das posibles pinturas murais que puidera haber nalgunha delas. Conviña identificalas canto antes e, de ser o caso, protexelas legalmente, a fin de frear o seu deterioro.

 Na xornada de tarde, Penabade fixo tándem con Hixinio Puentes, Cronista Oficial de Mañón e bo coñecedor da historia local; unha historia moi relacionada coa industria da salga de sardiña, que acadou gran desenvolvemento desde mediados do século XVIII na vila do Vicedo.

Coa interesante información de Hixinio, o grupo realizou un agradable paseo ata o Vicedo Vello e a súa praia, agora moi popular pola súa area branca, derivada do caolín que procede dunha industria de lavado desta arxila que funcionou na súa ribeira. Cómpre sinalar que a praia do caolín tende a relacionase erroneamente coa edificación que máis presenza ten nese lugar, unha antiga fábrica de salga, probablemente a máis antiga do Vicedo, antecedente das que se atopan no Vicedo novo. Algunas delas foron trasformadas en fermosas casas e outras permanecen en estado ruinoso. Hixinio relacionou estas industrias coa chegada, desde mediados do século XVIII, dos fomentadores cataláns, responsables do desenvolvemento da industria conserveira por todo o litoral galego.

 Celebramos e agradecemos, finalmente, a presenza nesta visita do actor oriundo da parroquia de Cabanas, Pepe Penabade, que nos aportou as súas vivencias de infancia e xuventude nestas terras, hoxe esquecidas, pero posuidoras de tesouros patrimoniais que cómpre conservar. 


 

+ Fotos: https://photos.app.goo.gl/LkWqXbwYb2nYdsNcA



5/31/2022

O COMERCIO A TRAVÉS DA CERÁMICA DE PUNTA ATALAIA

Cunha nutrida asistencia, unhas 60 persoas, celebrouse o pasado sábado esta conferencia a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé, especialista en cerámica da época galaico romana. Bartolomé ten estudados e documentados boa parte dos restos atopados nas escavacións realizadas no castro de Punta Atalaia aló polo ano 2008; restos materiais que permanecen almacenados nun depósito a falta dun espazo museístico no que debían estar expostos ao público.

O conferenciante fixo unha ampla descrición dos numerosísimos materiais documentados, seguindo a cronoloxía do prolongado período no que o castro estivo habitado: desde o século I a.C., propiamente castrexo, ata o século VI, xa altomedieval, e pasando por unha prolongada e fecunda etapa de romanización.

Sorprende e resulta especialmente interesante a enorme cantidade e variedade de materiais cerámicos atopados, de diferentes tipoloxías, calidades e procedencias xeográficas, tanto polas zonas onde foron producidas as pezas como polos posibles usos e mercadurías que transportaron. Pódese inferir a partir deste estudo que o castro de Punta Atalaia constitúe un dos fitos comerciais da costa galega e cantábrica nos primeiros séculos da nosa era e, particularmente, no período tardorromano, séculos III a V, no que rexistrou unha importantísima actividade comercial.

Ademais da intensidade comercial cabe destacar a enorme diversidade e amplitude xeográfica que acadaron estas relacións comerciais, posto que se atopan cerámicas procedentes de lugares tan afastados como o Oriente Medio, o norte de África (Túnez), o sur e oeste da Península Ibérica e, polo norte, todo o golfo de Biscaia, a Aquitania e as Illas Británicas.

Todos estes datos constitúen un importante avance no coñecemento da historia antiga e altomedieval da nosa comarca e de Galicia. Porén, hai aínda moito que documentar e coñecer sobre este xacemento, tanto a partir dos restos xa recollidos coma dos que están baixo terra e que esperemos poidan ser recollidos e documentados en futuras escavacións. Mariña Patrimonio puxará para que este importante legado vaia aflorando en forma de coñecemento da nosa historia.




5/22/2022

O COMERCIO A TRAVÉS DA CERÁMICA DE PUNTA ATALAIA


Comezamos coas actividades programadas por Mariña Patrimonio para o 2022 retomando unha conferencia, cancelada no pasado mes de novembro, a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé, que nos falará sobre os restos cerámicos atopados no xacemento da Atalaia (San Cibrao). A actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio ás 18:30h no Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos.


Dende o 2006, no xacemento de Punta Atalaia téñense realizado diversas intervencións arqueolóxicas, que demostraron a existencia dun importante asentamento galaico-romano así como a reocupación do lugar na Idade Media. Un dos aspectos máis relevantes destas intervencións é o abundante e variado conxunto de materiais cerámicos atopados no transcurso das escavacións. Este material cerámico amósanos a importante actividade comercial que se desenvolveu dende a Atalaia con Lugo e maila Meseta, ademais de conexións comerciais co Atlántico – Cantábrico e co Mediterráneo.


Sen dúbida, as persoas que se acheguen o vindeiro sábado ao Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos sorprenderanse da interesante información que revelan os restos cerámicos atopados no xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia.

11/13/2021

Castro de As Engrobias (San Martiño - Foz)

 

En outubro de 2012, desde Mariña Patrimonio informamos á Dirección Xeral de Patrimonio sobre unha corta do monte no castro de As Engrobias (San Martiño- Foz). Ademais, alertábamos de que unha posible repoboación no xacemento podería danalo gravemente. Nesta ocasión, Patrimonio actúa correctamente e impide que se volva plantar sobre o castro.
En 2017, sendo alcalde Javier Jorge Castiñeira, o Concello de Foz compra os terreos do castro de As Engrobias, no que hoxe puidemos ver, con satisfación, os traballos arqueolóxicos que alí se realizaron estes días da man da Dirección Xeral de Patrimonio e mailo Concello de Foz.



11/05/2021

SOBRE A PRESENZA DE ESTRUTURAS CIRCULARES NA MARIÑA

Dende que en 2006 a escavación da Roda de Barreiros sacou á luz a existencia dun novo tipo de xacementos arqueolóxicos, descoñecidos ata o momento en Galicia, foron aparecendo e identificándose pouco a pouco novas estruturas circulares en todo o territorio galego. Na Mariña, da man da asociación sociocultural Mariña Patrimonio, descubríronse varios recintos que coinciden coas características destes círculos prehistóricos. Concretamente, no ano 2014 Mariña Patrimonio localizou na zona da Mourisca, en Cervo, dúas estruturas circulares duns 40 metros de diámetro. Trala descuberta destes dous xacementos, dita asociación solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio a catalogación e protección de ambos sitios arqueolóxicos; solicitude que foi rexeitada polo Servizo de Patrimonio de Lugo. En 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio corrixe ao Servizo de Lugo catalogando e protexendo as dúas estruturas circulares de Cervo, despois de que no 2016 Mariña Patrimonio denunciara graves danos na estrutura 2 da Mourisca por mor dunha plantación de eucaliptos.
Por outro lado, a Mariña conta coa estrutura circular de Xove, coñecida oficialmente co nome de “Lavandeira”. Malia a que, tanto en notas de prensa da Xunta de Galicia coma en artigos xornalísticos, se afirma que a súa descuberta se produciu no transcurso das obras da vía de altas prestacións, treito San Cibrao-Celeiro, o certo é que o recinto de Lavandeira foi descuberto en 2015 por membros de Mariña Patrimonio. Precisamente, o feito de non terse detectado o xacemento durante a construción da mencionada vía provocou que unha parte importante do recinto prehistórico quedara sepultado baixo 13.000 metros cúbicos de terra. A retirada desta terra, que se produciu despois de que a asociación mariñá informara á Dirección Xeral de Patrimonio sobre a existencia deste ben patrimonial – e tamén da súa afectación debido ás obras- supúxolle á Consellería de Infraestruturas un desembolso de 212.336,91€.

As intervencións arqueolóxicas realizadas nos anos 2017 e 2019 datan este sitio arqueolóxico de Lavandeira na Idade do Bronce.

 
Tamén en 2015, a asociación Mariña Patrimonio localizou no concello de Xove, concretamente nas proximidades de Vilachá, un “castro” duns 90 metros de diámetro que foi catalogado por Patrimonio como castro de Castelo. Mais, cos datos que se coñecen na actualidade sobre a morfoloxía e a ubicación das estruturas circulares, é posible que este “castro do Castelo” sexa en realidade unha estrutura circular da Idade do Bronce.

Así mesmo, en 2016, membros de Mariña Patrimonio detectaron en Vilagoíz (A Devesa- Ribadeo), mediante imaxes aéreas, un posible recinto circular de 100 metros de diámetro. Como sucede con moitas das estruturas circulares localizadas en Galicia, os labores agrícolas ao longo do tempo foron afectando e rebaixando o parapeto da estrutura de Vilagoíz, ata facelo case imperceptible in situ. Con todo, nas imaxes aéreas vese claramente o recinto, e mesmo semella que hai un segundo círculo. En todo caso, cumpriría facer neste lugar estudos arqueolóxicos para determinar se son realmente estruturas circulares prehistóricas.
Neste mesmo ano, Mariña Patrimonio localizou unha parcela, coñecida co nome de Campo da Roda, na parroquia de San Xulián de Cabarcos (Barreiros). Sobre o terreo, puideron observar os restos do que podería ser un recinto moi alterado e cunha abundante vexetación, que impedía ver a posible estrutura. Porén, nas imaxes LIDAR apréciase a existencia dun recinto circular duns 55 metros de diámetro que, de confirmarse, sería a segunda Roda do concello de Barreiros.

Por último, en 2017, a mencionada asociación descubriu no lugar de Ronchas, en Fontao (Cervo) outra posible estrutura circular. Un recinto duns 40 metros de diámetro no que se pode ver con claridade o parapeto que o rodea. Aínda que Mariña Patrimonio solicitou a catalogación deste xacemento, a Dirección Xeral de Patrimonio denegouna por silencio administrativo. Deste xeito, a estrutura circular de Ronchas quedou sen a protección que unha administración responsable debería proporcionarlle. 

Dáse a circunstancia de que, no transcurso dunha plantación de eucaliptos en 2020, a apertura dunha gabia a 200 metros do recinto circular sacou á luz un muíño barquiforme, dificilmente movible, debido ao seu gran tamaño e ao seu peso. A aparición deste muíño podería ser un indicio da existencia dun asentamento que podería estar relacionado con esta estrutura circular de Ronchas.
 
En definitiva, desde o 2006, data en que se empeza a ter constancia da existencia deste novo tipo de xacementos arqueolóxicos, na Mariña existen 2 estruturas circulares da Idade do Bronce (A Roda e Lavandeira), segundo confirmaron as escavacións arqueolóxicas; 2 catalogadas como estruturas circulares, pero sen escavar (Mourisca 1 e Mourisca 2) e 5 posibles recintos sen catalogar.



Fotos: https://photos.app.goo.gl/rzZm4TjSBRh3RjUe7

11/01/2021

ARREDOR DA CONFERENCIA DE PILAR PRIETO E LUIS CORDEIRO SOBRE AS ESTRUTURAS CIRCULARES

No espazo privilexiado do Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos, Mariña Patrimonio retomou o pasado sábado 30 de outubro a súa actividade divulgativa, de forma presencial, cunha conferencia sobre os espazos círculares aparecidos en Galicia nos últimos anos. Un tipo de xacemento que se corresponde aproximadamente coa Idade do Bronce.

Para esta conferencia Mariña Patrimonio contou coa arqueóloga, investigadora e profesora de arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, e co arqueólogo e investigador Luis Cordeiro Maañón.

Ambos conferenciantes están a realizar un traballo de recompilación con toda a información obtida das máis de 40 estruturas circulares descubertas ata o momento en Galicia. Arredor deste tipo de xacementos, achegaron datos sobre a súa morfoloxía, dimensións, ubicación e vinculacións espaciais cos distintos elementos do territorio. Así mesmo, fixeron referencia aos patróns que se observan no seu conxunto así como ás coincidencias e diferenzas con xacementos similares das Illas Británicas. A Mariña de Lugo é unha das zonas onde se teñen identificado un maior número deste tipo de xacementos, que constitúen o descubrimento máis novidoso no ámbito da arqueoloxía galega.

Aínda que resulta prematuro aventurar a función que cumprían estes recintos circulares, os restos atopados semellan claros indicios dunha posible función funeraria, unida á de espazo ritual e de celebración. A súa similitude cos espazos círculares británicos, ata agora coñecidos como “henge” (denominación que está sendo cuestionada actualmente polos investigadores británicos), deixa aberta aínda a identificación ou denominación dos mesmos. O que resulta relevante é a densidade destes xacementos no territorio galego, que iguala ou mesmo sobrepasa ao das Illas Británicas.

A conferencia contou cun importante número de asistentes, arredor de 50 persoas, o que amosa o gran interese que están a espertar estes enigmáticos xacementos, aínda pouco estudados e sobre o que predominan as incógnitas.




 

10/23/2021

CÍRCULOS INVISIBLES DA IDADE DO BRONCE. A FORMACIÓN DUNHA NOVA PAISAXE RITUAL EN GALICIA

 

Conferencia dos arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro organizada por Marña Patrimonio

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio retoma as actividades presenciais organizando a conferencia a cargo dos arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro. Esta actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, terá lugar o sábado 30 de outubro ás 18:00 na Casa da Administración / Museo Histórico de Sargadadelos.

Os círculos, sobre os que Pilar Prieto e Luis Cordeiro levan anos investigando, son un tipo de xacementos arqueolóxicos dos que se comezou a ter noticia da súa existencia en Galicia a partir da escavación de A Roda de Barreiros en 2006. Na Mariña, ademais de A Roda de Barreiros, figuran no catálogo de bens patrimoniais da Dirección Xeral de Patrimonio as estruturas circulares de A Mourisca de Cervo e a Lavandeira de Xove, descubertas pola asociación Mariña Patrimonio en 2014 e 2015 respectivamente.

Este tipo de xacementos arqueolóxicos, que se están descubrindo ultimamente por todo o territorio galego, constitúen unha auténtica novidade no panorama arqueolóxico de Galicia.

6/28/2021

UNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS DANA GRAVEMENTE UN CASTRO DE ALFOZ MAL CATALOGADO POLA XUNTA

 

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo (Alfoz – Lugo), durante a realización de traballos forestais de corta e replantación de eucaliptos.

Ao visitaren o xacemento, ADEGA e Mariña Patrimonio comprobaron que se abriran no Castro de Montoxo novas pistas para o paso da maquinaria e a saca da madeira, afectando gravemente os parapetos e os foxos defensivos en varios puntos. Así mesmo, nos parapetos, nos foxos e máis na croa do castro realizáronse centos de furados con pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos. En moitos destes furados pódense apreciar pedras das antigas construcións do castro así como numerosos restos cerámicos de olaría da Idade do Ferro.

As asociacións denunciantes sinalan tamén que na zona máis elevada do xacemento chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmentos de tella medieval que aparece nos furados abertos pola pa mecánica.




Erros de xeolocalización que favorecen a destrución do Patrimonio

Para ADEGA e Mariña Patrimonio, a intervención e os danos provocados no Castro de Montoxo constitúen un auténtico atentado contra o Patrimonio Cultural de Galiza, cuxa responsable directa podería ser a propia administración pública. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está outorgando permisos de intervención a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos. En concreto, o Castro de Montoxo, catalogado e protexido, aparece situado nun lugar equivocado nos visores de consulta pública de aproveitamentos forestais e do Plan Básico Autonómico.

Lembramos que ADEGA e Mariña Patrimonio fixeron varias denuncias públicas en 2020 ao detectar erros de localización e delimitación de xacementos, especialmente numerosos e graves en toda a metade norte da provincia de Lugo, na revisión e actualización do Catálogo de Patrimonio Cultural que fixo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos anos 2018 e 2019, e que se pode consultar nos visores do Plan Básico Autonómico e no de Aproveitamentos Forestais.

Malia a contar cun investimento público de 1.100.000 euros, a actualización e revisión do Catálogo incorpora numerosos erros de xeolocalización e delimitación dos xacementos inadmisíbeis que desprotexen unha importante parte do Patrimonio Cultural de Galicia e, por outra banda, protexen oficialmente parcelas que non son xacementos arqueolóxicos. Ademais, estarían creando un problema de inseguridade xurídica para os propietarios/as das parcelas, que oficialmente figuran como xacementos cando realmente non o son.

No caso do Castro de Montoxo, o erro na xeolocalización é especialmente grave porque, á parte de ser facilmente recoñecible polo seu dobre foxo e triplo parapeto, vese perfectamente nas imaxes LIDAR dos visores de ortofotografías da Xunta de Galicia. Ademais, trátase dun castro coñecido que aparece documentado xa no século XIX por Villa-Amil y Castro nos seus traballos “Los castros y las mámoas de Galicia” e “Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia”. Así mesmo, na actualidade, autores como A. Canoura Quintana, Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón ou arqueólogos como Abel Vigo falan deste xacemento e dos achados que se teñen atopado nel nas súas publicacións.

Casualmente, no transcurso da visita que membros de Mariña Patrimonio e ADEGA fixeron ao Castro de Montoxo para comprobaren os danos producidos no xacemento, localizouse unha rocha na que foron labradas dúas “salas” de aproximadamente 4m de longo por 2m de ancho, coas esquinas redondeadas e cuns pequenos ocos na parede picada na pedra. Dáse a circunstancia de que esta edificación non estaba localizada, aínda que se sabía da súa existencia grazas ás publicacións de J. Villa-Amil y Castro, quen a denomina Petra Naufa.


Fotos: https://photos.app.goo.gl/fxsydBe5PypgH8839