
2/20/2011
As repúblicas de homes libres foron presentadas en Foz

A demostración dun ferreiro complementa a exposición sobre o ferro, que segue en itinerancia

2/13/2011
Conferencia de Manuel Gago Mariño: “República dos Homes Libres: o territorio como defensa entre o Imperio Romano e a alta Idade Media”.

A asociación cultural MariñaPatrimonio, en colaboración coa asociación A Pomba do Arco, organizan este venres día 18 unha conferencia sobre a época comprendida entre o final do imperio romano e o xurdimento da Idade Media. Trátase dun período de loitas, de invasións, de ausencia de poder establecido e de incursións de piratas viquingos. Son tempos moi convulsos que afectaron a toda Galiza e, como non, a esta Mariña Lucense.
O poñente desta charla é Manuel Gago Mariño, nado en Palmeira, Ribeira no ano 1976, é doutor en C.C. da Información pola Universidade de Santiago, así como director de culturagalega.org., o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado de ciberxornalismo na Facultade de C.C. da Comunicación da Universidade de Santiago.
O profesor Manuel Gago é autor de numerosas publicacións de referencia sobre xornalismo electrónico e temas de historia e arqueoloxía galega que se poden ver no seu blog www.capitulocero.org. Na actualidade está desenvolvendo as súas investigacións no tema do proceso de fortificación e defensa de Galiza entre a caída do Imperio Romano e a Baixa Idade Media.
Na súa conferencia, na que se poderán ver varias imaxes de sistemas defensivos e castelos, vainos falar de algo que seguro é bastante descoñecido na nosa Mariña, como son os castelos e os refuxios naturais empregados polos mariñáns para protexerse dos ataques, incursións navais e invasións. Se ben é certo que hai moi poucas noticias documentais, tamén é certo que a arqueoloxía sacou á luz moitas pezas e achados que nos obrigan a formular a nosa historia dunha maneira bastante distinta a como nos tiñan acostumados.
As asociacións Mariña Patrimonio e A Pomba do Arco, convidan a asistir a esta conferencia a toda aquela persoa que teña interese por coñecer a historia deste momento de fins do Imperio Romano, que terá lugar o Venres 18 ás 20.30 na casa da cultura de Foz.
11/12/2010
Danos no Castro da Atalaia

Malia a existencia dunha resolución da Dirección Xeral de Patrimonio que obriga a Promociones San Ciprián a tapar os restos das estruturas das edificacións atopadas no Castro da Atalaia, este xacemento segue deteriorándose por incumprir dita resolución.
En xuño de 2010 a Dirección Xeral de Patrimonio ditaba unha resolución que obrigaba a Promociones San Ciprián a tapar novamente as parcelas escavadas no castro da Atalaia no que apareceron estruturas moi importantes dun asentamento galaico-romano. Este tapadp provisorio contémplase como a única maneira de protexer as estruturas aparecidas en tanto non se consoliden e se poñan en valor. O tapado dos restos terán que realizalo arqueólogos e será financiado polo promotor
O 28 de xuño de 2010 Mariñapatrimonio denunciou a caída dun muro dunha das cabanas por mor das fortes choivas que deixara o temporal. Novamente, un temporal sacudiu estes días A Mariña e novamente o xacemento arqueolóxico sofre desperfectos por non ter cumprido o promotor a resolución de Patrimonio.
Nesta ocasión os danos foron causados por mor duns taboleiros de considerable tamaño que caeron sobre os restos arqueolóxicos dende o 5º piso da obra paralizada que Promociones San Ciprián ten a carón do citado xacemento.
Mariñapatrimonio lémbralles ao promotor, ao Concello e a Patrimonio que teñen a obriga de protexer o xacemento adoptando as medidas necesarias que garantan esa protección.
Por iso, esixímoslles ao Concello e a Patrimonio que actúen con dilixencia para que o promotor cumpra a resolución e protexa este ben patrimonial antes de que sexa demasiado tarde.
ligazón para as fotos.
http://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroAtalaiaDanosCausadosPorTaboleiros10/26/2010
MARIÑA PATRIMONIO ENTREVISTASE CO DIRECTOR XERAL DE PATRIMONIO PARA TRATAR SOBRE O CASTRO DA ATALAIA

Hoxe foron recibidos na Dirección Xeral de Patrimonio, en San Caetano, dous membros da xunta directiva da Mariñapatrimonio. Na reunión, solicitada pola asociación, participaron Rey Pichel, director xeral de Patrimonio, un técnico da Consellaría e os directivos Manuel Miranda Ruiz e Francisco Luís Rodríguez Guerreiro.
Na entrevista, os membros da asociación amosáronlle ao director xeral a súa inquedanza pola situación na que se atopa o importante xacemento arqueolóxico da Atalaia, en San Cibrao.
O Director Xeral reiteroulles aos membros da asociación o mantido na última resolución da Xunta de Galiza pola que os restos achados no castro de Punta Atalaia, no concello de Cervo, deben ser conservados in situ debido ao seu valor arqueolóxico e histórico. Tamén lles lembrou aos directivos de Mariñapatrimonio que a conservación dos restos é incompatible cos proxectos construtivos que se proxectaban para esa área.
Tanto Miranda Ruiz como Rodríguez Guerreiro manifestaron ao remate desta entrevista a súa conformidade coas medidas tomadas pola Dirección Xeral de Patrimonio e advertiron que van seguer co seu labor divulgativo e reivindicativo sobre o Castro da Atalaia.
A asociación comunica tamén que está a espallar este mostra excepcional do patrimonio coa exposición itinerante arredor do Castro da Atalaia que nestes días percorre os centros de ensino da comarca atopándose na actualidade aberta no Instituto de Secundaria “Marqués de Sargadelos”, na localidade de San Cibrao.
9/23/2010
RIOTORTO: FESTA DA CULTURA ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS

Venres, 24 de setembro
19:30h. Inauguración das exposicións
Olladas de muller
A exposición consta de 34 fotografías en cartón-pluma tamaño grande, o que a converte nun xeito moi interesante de achegarse ás diferentes OLLADAS DE MULLERES que teñen as moi diversas mulleres da Mariña.
Destrución da paisaxe
Fotografía e instalacións de novos artistas da Mariña
O castro de Atalaia
A asociación pretende con esta exposición chamar a atención sobre a vergoñenta situación na que se atopa este importante xacemento castrexo de San Cibrao, ameazado na actualidade por unha actuación urbanística que nunca se debeu iniciar.
Exposición sobre Rosalía de Castro.
Significa a presentación en Lugo dunha exposición sobre Rosalía de Castro elaborada pola Fundación Manuel María.
20:00h. Pregón a cargo do actor Luís Iglesia Besteiro
20:30h.Inauguración das casetas das asociacións culturais
20:45h.Presentación do proxecto”Unha Casa Museo para Manuel Maria”
22:00h.Concerto - Homenaxe a Mini e Mero
Susana Seivane
Os Tres Trebóns
A Quenlla
Os Miñotos.
Ugia Pedreira.
Xabier Díaz.
Xesús Mato.
Marica Campo.
Afonso Blanco.
Sábado, 25 de setembro
11:00.Roteiro polo patrimonio e a historia. Os castros, os ferreiros, os mazos, as caleiras e as casas grandes.
11:00h.Ciclo de documentais. As folgas xerais en Galiza, Carvalho Calero, Entre dúas linguas e Uxio Novoneyra.
14:00h.Xantar de Galiza Nova
16:00h.Inauguración da Feira do libro e do disco galego.
Presentación de:
17:00h. Xosé Chao Rego. Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00h. Rosalía, o clamor da rebeldía. Pilar G.arcía Negro
19:00h. Noente paradise, de Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.
16:30 Tuppersex
O principal obxectivo do obradoiro TUPPERSEX é favorecer cunha metodoloxía lúdica e formativa, e desde unha perspectiva feminista, o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres como homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.
20:00h. A galegofobia
Emilio González(Psiquiatra),
Xoán Carlos Garrido(Filosofo)
María do Carmo García Negro(Economista)
22:00h Recital da xeración dos 80
Pepe Cacamo
Cesáreo Sánchez
Xulio Valcarcel
Luísa Castro
Manuel Forcadela
Xavier Seoane
Miguel Anxo Fernán Vello
Xavier Rodríguez Baixeras
Domingo, 26 de setembro
11:30 h. Feira do libro
Espectáculos para as nenas e nenos
12:00h Magin Blanco con A nena e o grilo
13:00h Anxo Moure e a súa bici biblo
Exposición de oficios tradicionais e instrumentos musicais
16:00 Campionato de bolos
16:00h. Aberto de billarda.
17:00h. Maratón de curtas. A tola, O Cadaleito, Os Crebinsky, Miguel Goteira e novos criadores....
9/22/2010
NOVO PETRÓGLIFO NA MARIÑA
MariñaPatrimonio comunicoulle recentemente ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, a aparición, de forma casual, dun novo petróglifo
Este novo petróglifo presenta temática xeométrica canónica (4 círculos concéntricos unidos por un trazo) e sería o primeiro en aparecer na Mariña con estas características. É o exemplar máis setentrional de arte rupestre en Galiza, e presenta grandes similitudes con exemplos atopados no sur de Galiza e nas Illas Británicas.
No ano 2008, MariñaPatrimonio xa comunicara a aparición de petróglifos no Castro da Atalaia de Cervo.
Estes excepcionais achádegos poden aportar novos datos para o estudo da prehistoria en Galicia e confirman a gran importancia arqueolóxica da Mariña.
8/04/2010
LugoPatrimonio viaxa a Cervo
7/29/2010
A Pomba do Arco celebra as XV Xornadas de Historia Local.

Os vindeiros 2,3,4 e 5 de Agosto a Casa da Cultura de Foz vai acoller a décima quinta edición das Xornadas de Historia Local que como ven sendo tradicional a Asociación Socio-Cultural A Pomba do Arco organiza na vila focega na primeira semana de Agosto.
A Pomba do Arco considera que estas xornadas estanse a converter en toda unha referencia na labor de résgate e de posta en valor da historia de Foz, como un todo, dentro do que é a historia de Galiza. Nunca entendemos desde A Pomba do Arco a historia local como un micromundo do saber concreto e moito menos un aparte que servise de refuxio ao reino da erudición. A historia local para nos é un xeito de achegarnos ao mundo desde o que nos é máis cércano e unha forma de comportarnos como galegos nun mundo globalizado.
As mulleres e os homes que formamos parte da Pomba do Arco sentémonos satisfeitos do traballo desenvolto ao longo destes trece anos, non por dar consolidado unha actividade que nace da sociedade e ao marxe das institucións, senón pola nosa modesta contribución a dotar ao Concello de Foz dunha historia de seu. Nunca acreditamos na existencia de pobos sen historia, e o tempo transcorrido desde a primeira edición das xornadas fixeron bo este axioma do que partimos aló polo 1995.
O luns 2 de Agosto darán comezo as Xornadas cunha charla concerto a cargo de Mini e Mero, membros fundadores do grupo “Fuxan os Ventos”, que levará como título “Os cantares de Foz” no que estes dous veteranos músicos cantarán cantigas de cego referidas a nosa zona así como cantares característicos do Concello de Foz. Neste sentido queremos destacar que Mini e Mero inclúen no seu repertorio catro temas novos que son “O Máis enxebre de Foz”, “Da fraga da degolada” e “Sr Roque” dous temas con letra de Xosé Ramón de Boni que se cantaron en Foz nos anos 40 e 50 e que reflicte feitos da vida local dese ano así como “El nuevo Poblador”.
O Martes 3 de Agosto o Profesor Antón Niñe, persoa dunha importante bibliografía sobre a historia local, impartira unha conferencia sobre os 70 anos do Colexio Martínez Otero, onde repasará a historia deste centro educativo. Antón Niñe acompañará a súa intervención cunha proxección de diapositivas que recolle fotos das promocións de focegos e focegas que pasaron por este centro educativo ao longo desta sete décadas. A maiores Antón Niñe referirase ás ordes relixiosas que rexentaron o centros (menesianos, maristas e salesianos) así como aos fitos máis destacados deste colexio.
O Mércores 4 de Agosto intervirá Alba Díaz, unha nova investigadora, Licenciada en Historia, natural de Nois, que está a preparar a súa tese de doutoramento sobre o cambio social e a conflictividade rural na Galiza das catro últimas décadas. Alba Díaz. Alba Díaz presentara un traballo co título “ O rural de Foz.1960-
As xornadas fecharanse o Xoves 5, cunha intervención do Profesor Ramón Reimunde, sobre “A literatura de tradición oral no Concello de Foz”, na que este veterano estudioso da nosa literatura e da nosa lingua fará unha achega a nosa tradición oral, tanto aquela de caracter anónimo como aqueloutra de poetas populares como Boni, Campá ou o Escolástico. O profesor Reimunde tamén dará a coñecer vellas coplas focegas, algunhas do século XIX, recollidas no marco dun traballo de investigación sobre a tradición oral na nosa Comarca.
As conferencias celebraranse as 20:30 horas na Casa da Cultura focega, querendo desde A Pomba do Arco convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña de Lugo destas xornadas. Nesta ocasió o cartel das xornadas correspondese cunha foto de Foz Ruth Matilde Andersen, tomada no ano 20. Paralelamente as Xornadas a Casa da Cultura Focega acollerá unha exposición sobre “O Castro da Atalaia” da autoría de Mariña Patrimonio.
7/24/2010
Concello e construtor non cumpren coas súas obrigas
Concello e construtor non cumpren coas súas obrigas e Patrimonio entérase dos estragos producidos no castro da Atalaia, grazas á acción dos veciños e de MariñaPatrimonio.
MariñaPatrimonio informou o 28 de xuño de 2010 ao servizo de patrimonio cultural sobre a caída dun muro nunha das vivendas do castro da Atalaia por mor das intensas choivas rexistradas na pasada primavera.
Trala visita ao xacemento realizada polo arqueólogo da Xunta, a xefa de servizo de patrimonio cultural remitiunos un escrito onde se nos informa que “ o muro afectado pertence á vivenda mellor conservada” e que “ ao inundarse a zona debeu producirse o seu colapso”; engade ademais, e é o máis preocupante, que “non se pode descartar que o derrubo fose provocado(...) xa que unha das portas fora forzada e incluso depositárase escombro preto das estruturas arqueolóxicas”.
Dende a Dirección Xeral de Patrimonio instan ao Concello á “adopción de medidas que garantan que non se volva producir a entrada nos solares de xente non autorizada” e lembran que unha resolución desta Dirección Xeral obriga o contrutor “a adopción de medidas de protección, co tapado provisional dos restos arqueolóxicos”.
Estes feitos, derivados da meteoroloxía adversa ou pola acción imprudente dalgunha persoa, evidencian a vulnerabilidade do xacemento e o seu deterioramento.
MariñaPatrimonio apoia esta resolución do Director Xeral do Patrimonio Cultural posto que o tapado provisional é a medida máis acaída para protexer as estruturas das inclemencias climatolóxicas así como dos posibles desaprensivos. Asemade, esíxelle a Patrimonio un maior control do que suceda no castro, ao construtor que cumpra canto antes a resolución de Patrimonio e ao Concello que, tal e como recolle a Lei, tome as medidas cautelares necesarias para protexer este ben patrimonial .
Tendo en conta os beneficios que o castro da Atalaia lle pode proporcionar a San Cibrao, cómpre que Patrimonio, construtor e Concello cheguen canto antes a un entendemento para que sexa posible comezar os traballos de recuperación e posta en valor deste importante xacemento.
