ADEGA e Mariñapatrimonio veñen de denunciar ante a Demarcación de Costas de Galicia, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o concello de Foz, que as obras que se están efectuando na Praia de Arealonga deste municipio, en virtude do Real Decreto-lei 2/2014, de 21 de febrero, polo que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados polos temporais na costa cantábrica, están a eliminar un dos xacementos paleoclimáticos máis importantes de Europa. Trátase da turbeira da Praia de Arealonga, situada na parroquia focense de Nois.
Ambos colectivos piden a paralización inmediata das obras en preservación dos valores deste xacemento de turba que data de hai 120.000 anos e sobre o que están a actuar directamente as máquinas escavadoras. A maquinaria está a retirar os coídos ou as xógaras de todo o areal, incluídas as que se atopan enriba do xacemento para a construción dun dique no extremo da praia máis próximo ao núcleo de Nois. Esta circunstancia pon en risco a conservación da turbeira, que queda exposta ás adversidade meteorolóxicas e á acción do mar, ademais de alterar significativamente a morfoloxía da praia e, potencialmente, a dinámica costeira da zona.
Pese ao impacto das obras e a súa afectación a un hábitat considerado como prioritario pola UE e de elevado valor paleoclimático para comunidade científica europea, están sendo efectuadas por Costas pola vía da urxencia e, previsiblemente, sen os necesarios informes favorables dos organismos competentes en materia de conservación natural nin preservación patrimonial, así como sen as cautelas debidas ou medidas de prevención que son obrigadas para evitar un impacto irreversible sobre o xacemento paleoclimático. Para confirmar esta circunstancia, ADEGA e Mariñapatrimonio tamén solicitaron a este organismo copia do expediente completo das citadas actuacións.
Ao mesmo tempo, ambos colectivos reclaman ao Ministerio e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta que declaren o xacemento como Monumento natural ou con outra figura de protección que consiga preservar a turbeira de Arealonga de futuras obras ou alteracións na súa contorna, xa que non é a primeira vez que as distintas administracións promoven actuacións que poñen en perigo a súa existencia.
ANTERIORES AMEAZAS
En 2008, outras obras do Ministerio de Medio ambiente de “mellora dos servizos do areal” que non foron nin publicitadas nos medios oficiais, estiveron a piques de destruír por completo o xacemento se non é pola intervención de ADEGA e da USC. Daquela, pretendíase construír un paseo marítimo que contemplaba o retranqueo de 5 metros cara o interior do pé do talude, o que implicaba a destrución total do xacemento. Nese momento, a Dirección Xeral para a Sustentabilidade da Costa e do Mar, do Ministerio do Medio Ambiente, por medio da Resolución publicada no BOE nº 142 do 12 de Xuño de 2008 anunciaba a execución dun “Estudio integral da Praia de Arealonga e a súa contorna”, pero non aludía á realización de obras. Ante estes feitos, ADEGA e a Universidade de Santiago de Compostela interviron para reclamar a paralización das obras, solicitando, tamén desta volta, a declaración do xacemento como Monumento Natural. Aínda que isto último non se conseguiu, o Ministerio, Xunta e concello de Foz acordaron en non afectar coas citadas obras a zona central do areal, a parte máis relevante do xacemento. Polo menos, daquela, acadárase a preservación da parte da turbeira paleoambientalmente máis importante. Sen embargo, desta volta, Costas volve intervir no xacemento sen a máis mínima precaución.
VALOR DO XACEMENTO DE TURBA DE AREALONGA
O xacemento de Arealonga de Foz é a turbeira de maior antigüidade de Galiza e pode considerarse o xacemento paleoclimático máis importante do noso territorio e do resto do Estado español, converténdose ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos.
Procede do último ciclo interglaciar do Cuaternario, adquirindo un valor fundamental para a reconstrucción da mudanza climática desde as primeiras etapas nas que se constata a aparición do home en Galiza. Nel atópase o primeiro estrato de cantos rodados, sobre o que se foron superpoñendo, alternativamente depósitos de turba e area dunar que abarcan todo o período da última glaciación até a actualidade. Ademais é un dos poucos xacementos que aínda se conservan que recolle información sobre período críticos nos que se extinguiron, sobre todo, especies de vertebrados. Estudando este depósito pódese reproducir (a través dos seus restos de esporas, polen e micro-restos de flora e fauna), as condicións climáticas e ecolóxicas que se sucederon durante os 120 mil últimos anos no norte da península.
De feito, tras a súa decuberta polo científico francés Henri Nonn en 1963, este xacemento foi estudado por investigadores de toda Europa. Logo dos franceses, nos anos 80 tamén se interesaron por el científicos alemáns, e nos anos 90 foi obxecto de estudo polo Laboratorio de Xeografía e biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela.
Non é admisible que, ante a relevancia deste xacemento para a ciencia e tamén para a súa posta valor como recurso cultural e patrimonial, siga exposto a obras como as promovidas pola Demarcación de Costas sen as necesarias medidas cautelares ou precaucións.
IMAXES DAS ACTUAIS OBRAS: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157645404081060/
7/24/2014
7/08/2014
MINI ROTEIRO O 12 DE XULLO POLA FRAGA DE TRASBAR (CERVO)
ADEGA
e MariñaPatrimonio, dentro da campaña
COUSA
DE RAÍCES
pola posta en valor e recoñecemento do bosque galego, organizamos
para o próximo sábado 12 de xullo un roteiro pola fraga de Trasbar,
no concello de Cervo.
As
persoas que queiran participar neste mini-roteiro achegaranse ás 16h
á igrexa de Rúa, dende onde se partirá en coches particulares até
o lugar onde o Rego Grande verte as súas augas no río Covo. Aquí
comezará o roteiro a pé durante uns 5km (ida e volta). Será un
percorrido tranquilo, no que iremos vendo todo o que agocha esta
fraga na que abundan as arandeiras, que nesta época do ano adoitan
estar inzadas de saborosos arandos.
O
prezo da actividade é de 3€; para nenos/as, desempregados/as e
socios/as a actividade é gratuíta.
6/26/2014
AS MINAS ROMANAS DE OURO DA DESEMBOCADURA DO MASMA, INCLUÍDAS NO INVENTARIO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS.
As
explotacións mineiras das Covas (Barreiros) e da Espiñeira (Foz)
veñen de ser recoñecidas como xacementos arqueolóxicos pola
Dirección Xeral de Patrimonio.
Mariñapatrimonio dera a coñecer
estes sitios arqueolóxicos en marzo de 2013 ao tempo que solicitaba
a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, despois
de que o arqueólogo especialista en minería romana, Santiago
Ferrer, certificase a súa autenticidade.
Hai poucos días felicitabamos a Área
de Cultura da Deputación de Lugo pola volta ao Museo Provincial da
ourivería prerromana, que conforma a colección Álvaro Gil (12
pezas desta colección proceden da Mariña), e hoxe felicitamos ao
Servizo de Patrimonio da Xunta por recoñecer esta gran explotación
aurífera da Mariña.
Sen dúbida, a inclusión e o
recoñecemento como xacemento arqueolóxico deste último tramo do
río Masma, é unha boa nova para a nosa comarca. Pola súa extensión
e a súa boa conservación, esas minas posúen un gran potencial
turístico que, sen dúbida, os alcaldes de Foz e Barreiros saberán
apreciar e saberán poñer en valor para beneficio de todos os
mariñaos.
6/19/2014
MariñaPatrimonio celebra o regreso a Lugo da colección de ourivería de Ávaro Gil.
MariñaPatrimonio
recoñece e valora moi positivamente os resultados das negociacións
levadas a cabo pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que
conseguiron a volta das valiosas pezas de ourivería prerromana ao
Museo Provincial de Lugo. Estas pezas constitúen un símbolo moi
salientable da nosa cultura e teñen unha especial relevancia para a
comarca da Mariña, de onde procede unha boa parte desta colección.
O
pasado decembro as asociacións Cultura do País, ADEGA, Buril e
MariñaPatrimonio organizabamos un roteiro pola Mariña para
reivindicarmos a volta da colección de Álvaro Gil e, asemade,
reivindicabamos a defensa de varios xacementos arqueolóxicos da nosa
comarca, que son outras xoais do noso patrimonio. Hoxe
MariñaPatrimonio felicita a Área de Cultura polo seu magnífico
labor e agardamos que algún día poidamos tamén felicitar a
Consellería de Cultura da Xunta cando, por exemplo, inclúan no
Inventario a mina de ouro da Espiñeira e cando consoliden e protexan
Estabañón, a Roda de Barreiros ou o Hipocausto de Burela.
6/10/2014
ROTEIRO CONXUNTO DE MARIÑA PATRIMONIO E ROXIN ROXAL POLA MARIÑA CENTRAL
Este
pasado fin de semana, sabado 7 e domingo 8, a Asociación
Sociocultural MariñaPatrimonio realizou un roteiro pola comarca da
Mariña Central nos concellos de Foz, Alfoz, O Valadouro,
Mondoñedo
e Lourenzá, en colaboración coa asociación afín Roxín Roxal, que
desenvolve o seu extenso labor de defensa do patrimonio cultural e
natural na comarca das Mariñas coruñesas.
A actividade contou cunha
participación total de 70 persoas convocadas entre as dúas
asociacións.
O
sábado o grupo visitou pola mañá a basílica de San Martiño de
Mondoñedo, o obradoiro e o paradisíaco xardín do artista Daniel
Caxigueiro, os restos do castelo da Frouxeira e a fortaleza do Castro
de Ouro; pola tarde o grupo desprazouse aos montes do Chao de
Padorno, onde se atopan o Prado das Chantas e diversos monumentos
megalíticos. O animador cultural e escritor valadourense, Lionel
Rexes, foi o encargado de guiar este roteiro.
O
domingo, a xornada comezou na praza da catedral de Mondoñedo coa
visita á sé episcopal, continuou cun interesantísimo percorrido
pola cidade e rematou na Ponte do Pasatempo. A visita foi guiada polo
concelleiro de cultura, Xusto Fernández Haro e o arqueólogo
municipal, Abel Vigo. Despois dunha comida de confraternidade na
Casa da Penela, en Masma, o grupo rematou a xornada na Fortaleza de
Tovar, un espectacular edificio do s. XVI que domina o fermoso val de
Lourenzá na parroquia de Sto. Tomé e que está aberto ao público
desde comezos deste ano, despois dun admirable traballo de
restauración e posta en valor, por parte do seu propietario, José
Ventoso.
MariñaPatrimonio
valora de xeito moi positivo estas xornadas de divulgación do
patrimonio histórico mariñán e, especialmente, o resultado desta
colaboración que abre a porta a un traballo de cooperación entre
estes dous colectivos que comparten obxectivos e intereses en torno á
defensa, divulgación e goce social do patrimonio cultural material
e inmaterial así como natural, tan valioso como ameazado e
necesitado de atención.
Nas
próximas semanas, o colectivo ten programado un roteiro curto no
concello de Cervo, para dar a coñecer e pór en valor a Fraga de
Martín Paz, na cabeceira do Rio Covo, un espazo natural de bosque
atlántico moi ben conservado e que, por iso, precisa ser protexido
fronte á expansión do eucaliptal.
Fotos:
5/29/2014
Roteiro pola Mariña Central
MariñaPatrimonio
e a asociación cultural
Roxín
Roxal
de Paderne (A Coruña), estamos a organizar un roteiro pola Mariña
Central para os vindeiros días 7 e 8 de xuño e que vai contar coa
seguinte programación:
Sábado 7
Ás
11h. visita guiada en San
Martiño de Mondoñedo. Posteriormente
subida a A
Frouxeira e
a continuación
visita ao castelo de Castro
de Ouro.
Pola
tardiña subida ao Chao
do Padorno para
visitarmos
O Dolmen
e o Prado das Chantas.
O desprazamento farase en coches particulares e cada un levará a súa
comida.
O
prezo da actividade é de 4€ para non socios/as e 3€ para
socios/as.
Domingo 8
Ás
10h. visita guiada na catedral,
no
museo e
na vila
de Mondoñedo;
visita que rematará na Ponte
do Pasamento. A
continuación terá lugar un xantar de confraternidade na
Casa
da Penela
(15€).
Á
tardiña remataremos este roteiro cunha visita guiada á
Fortaleza de Tovar.
Nesta
xornada os desprazamentos tamén se realizarán en coches
particulares.
O prezo desta actividade,
exceptuando o xantar, custará incluíndo as entradas 8€ para non
socias/os e 7€ para socias/os.
A
data límite de inscrición é o 5 de xuño.
5/28/2014
A TUMBA DA PRAIA DE BARREIROS, NOVO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO.
A
Xunta inclúe no inventario de xacementos arqueolóxicos a tumba
medieval localizada na praia de Coto, Barreiros (Lugo), trala
solicitude realizada por MariñaPatrimonio.
O
Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza incluíu no Inventario de
xacementos arqueolóxicos a tumba labrada na rocha, de época
medieval e que foi descuberta por un veciño de Ribadeo na praia de
Coto, concello de Barreiros.
MariñaPatrimonio
solicitara o pasado mes de abril a Patrimonio a súa inclusión ao
considerar que se trataba dun novidoso e importante sitio
arqueolóxico que cumpría documentalo, dalo a coñecer e protexelo.
A
sepultura está situada a 900m da capela de San Bartolo e
probablemente exista entre ambas algunha relación.
Como
se sabe, a toponimia está moi asociada aos xacementos arqueolóxicos
e, aínda que na actualidade non se rexistre ningún nome no lugar
que faga referencia a esta tumba, si atopamos en documentación
antiga topónimos como Rego do Lopo, Casal e Coto, que perviven na
actualidade no entorno do xacemento. Un dato moi relevante atopado
tamén nesta documentación é a presenza do topónimo O
Corpo Santo
“(...)
abaxo de dicho Casal
que se dice das figueiras y derecho a donde dicen O
Corpo Santo
y va por toda la orilla de la mar por junto al dicho Coto
“
Corpo
Santo é un nome que aparece documentado en toda Galiza e que fai
referencia a este de tipo de enterramentos da Idade Media.
5/21/2014
A CROA DE SANTE INCLUÍDA NO INVENTARIO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS.
O
castro da Croa, parroquia de Sante, concello de Trabada, ven de ser
incluído no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación
de A
Croa do Barreiro e coa clave GA27061021.
MariñaPatrimonio solicitara a súa
inclusión o pasado mes de abril, ao ter constancia da súa
existencia e ao sospeitar que o Servizo de Patrimonio de Lugo non o
tiña inventariado. Grazas a esta inclusión, o xacemento gozará de
protección e non debería sufrir máis agresións como a rexistrada
recentemente co depósito ilegal de toneladas de escombros, feito que
foi denunciado no seu día perante o SEPRONA por ADEGA e
MariñaPatrimonio. A mencionada protección tamén deberá evitar que
se estrague o xacemento cando se corten os eucaliptos plantados sobre
este ben patrimonial.
O propietarios das parcelas que
conforman o castro foron informados pola Xunta e calquera actuación
que afecte ao xacemento e ao seu contorno de protección, deberán
notificarllo á Consellería de Cultura.
As Arcas de Sinás.
Un día paseando na grata compañía dos amigos Manolo Camba e mais Isaac
Ferreira polo país do Valadouro, paramos a descansar nas Arcas de Sinás,
como fixeran aquel home do Cadramón e o seu fillo que viñan cunhas
bestas cargadas de sal dende Viveiro. O
rapaz, perseguindo un paxaro que se metera debaixo das pedras, atopou un
tesouro formado por moedas e un cabrito de ouro. O resto da historia
pódese ler no interesante libro CONTOS DO VALADOURO dos autores Xesús
Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira.
O tesouro que nós levamos para a casa foi todo o que aprendimos naquela inesquecible xornada.
O tesouro que nós levamos para a casa foi todo o que aprendimos naquela inesquecible xornada.
5/02/2014
MARIÑAPATRIMONIO INFORMA AO SERVIZO DE PATRIMONIO SOBRE A DESCOBERTA DUNHA POSIBLE TUMBA MEDIEVAL.
Mariñapatrimonio
ven de comunicarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a
existencia na praia de Benquerencia dunha posible tumba antropomorfa,
labrada na rocha e de época medieval.
O
pasado 20 de abril Pablo, veciño de Ribadeo, informou a
Mariñapatrimonio de que na praia de Benquerencia, concello de
Barreiros, vira unha rocha labrada que semellaba unha tumba medieval.
Despois de visitar o lugar, a citada asociación contactou con varios
arqueólogos, que coincidiron en que a rocha fora labrada pola man do
home e descartaron totalmente a posibilidade de que se trate dunha
oquedade natural. Así mesmo, as medidas: 1,60cm de longo; 40cm de
ancho, onde irían os pés e 50cm no lugar dos ombreiros, coinciden
coas medidas habituais neste tipo de sepulturas. Outro dato que
salientaron os arqueólogos é a orientación da tumba, posto que
estes enterramentos medievais maioritariamente estaban orientados
oeste-leste, coma se o defunto mirase
cara
á saída do sol.
Agora
cómpre realizar os estudos pertinentes que ratifiquen esta hipótese
e que, de confirmarse, estariamos ante un novo achado arqueolóxico
descuberto grazas á colaboración de particulares, concienciados da
importancia que ten dar a coñecer o noso patrimonio.
FOTOS: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157644267565392/
Subscrever:
Mensagens (Atom)







