12/28/2014

A Pena das Vellas

 A Pena das Vellas é un recinto fortificado de finais da Idade do Bronce, segundo os entendidos. Este impactante sitio arqueolóxico inventariado atópase na Pontenova. Na última imaxe figuran as coordenadas. Paga a pena visitalo.


Dragoas

No escudo do pazo de Gradaílle ( O Valadouro) pódense ver dúas fermosas dragoas en "top-less"

Cabeza do valado do Pazo de Gradaílle (O Valadouro)





Castro do Coto da Vela (Xove).

 Castro de Coto da Vela (Xove) - Voo Americano. Ano 1946
 Castro de Coto da Vela (Xove) - Voo Americano. Ano 1956
 Castro de Coto da Vela (Xove) - Voo Americano. Ano 1956
 
 Castro de Coto da Vela (Xove) - Mapa de relevo sombreado
 Castro de Coto da Vela (Xove) - Mapa de Pendentes. Ano 2009-2010


San Tirso 1956

 Fotos aéreas do castro de San Tirso (Portocelo - Xove) en 1956.



‘O segredo que esconde San Tirso’

Agradecemos a Carlos Fdez Louzao, así como ás veciñas e veciños da parroquia de Portocelo, por darnos a oportunidade de falarlles sobre o patrimonio arqueolóxico da súa contorna, na charla que tivo lugar onte no Centro Social de Vilachá.

Xornada ambiental de limpeza submariña en San Cibrao


Xornada de limpeza submariña, organizada por CEMMA e O Centro de Activiades Subacuáticas Costa Lugo, e na que colaboramos xunto con outras organizacións.


11/01/2014

Viaxe cultural

Para achegarnos á Fonsagrada non fan falla moitas excusas, pero aproveitando que o noso veciño mariñán, Celso Dourado, inaugura a exposición “Represaliados” no Museo Etnográfico de Fonsagrada, Mariña Patrimonio está a organizar unha viaxe cultural para o vindeiro sábado, 8 de novembro, a esta vila. A xornada comezarémola cun roteiro que transcurrirá pola inacabada estrada da República e que irá dende A Ferrería de Vilar da Cuíña até A Fornaza.
Rematado o roteiro, dirixirémonos a Barbeitos, onde se continuará coa xornada cultural e onde faremos unha parada para xantar. Posteriormente, desprazarémonos ao Museo Comarcal no que teremos unha visita guiada. Ás 17:30h unirémonos á inauguración da citada exposición “Represaliados”. A exposición é unha homenaxe aos membros do Batallón Galicia e ao comandante Moreno, asasinados polo fascismo no alto do Acevo hai agora 77 anos. A inauguración contará coas actuacións de Mini e Mero e do músico fonsagradino , Brais Monxardín.
Dende A Mariña trasladarémonos en autobús.
Para se anotar e informarse no Tfn.619 55 32 36 (Miguel), no correo electrónico mr.patrimnio@gmail.com ou a través do facebook.
Nos próximos días imos achegar información máis detallada sobre esta actividade.

9/29/2014

ROTEIRO POLA FRAGA DA FURNA

 
Fermoso día de outono con sabor a verán tardío o que permitiu gozar dun espazo natural marabilloso, o val do rego da Furna, un val formado por un antigo glaciar que, non sendo oficialmente cabeceira do río Ouro, constitúe o seu ramal máis longo. O grupo de sendeiristas que respondeu este pasado sábado á convocatoria de MariñaPatrimonio atravesou ata vinte veces o curso pedregoso do río que serpentea ondulante polo fondo do antigo val glaciar   
As recentes choivas da pasada semana xa permitiron o crecemento de gran variedade de cogomelos, sobre todo boletos, cantarelus e rúsulas, que non pasaron desapercibidos para os paseantes. Pola fraga que forman os tres regos que confluen na cabeceira do val o grupo recreouse na enorme variedade de especies vexetais, carballos, bidueiros, acibros, freixos... e numerosos indicios dunha activa vida faunística de aves rapaces, xabaríns, cabalos, lobos...Os regos, na cabeceira do val máis pendente, son unha fermosa sucesión de pequenas fervenzas e pozos 
labrados sobre a rocha granítica. 
O paseo comezou e rematou na capela de Sta. Filomena, resto dunha antiga igrexa do S. IX ou X, da que se conserva soamente a ábsida e unha parte dos muros, que nos dan idea da dimensión dese templo orixinal. Tristemente, o seu estado de conservación non está á altura do seu valor patrimonial, e non está peor porque a vecindade se ocupa minimamente do seu coidado.
A actividade prorrogouse coa subida ao pico do Cadramón, o punto máis alto da Serra do Xistral(1.056 m) desde onde se pode contemplar unha panorámica realmente espectacular, e finalmente coa visita á Pena Abaladoira situada á esquerda da estrada que comunica o Valadouro con Abadín, no medio dun auténtico festival de formacións graníticas. Unha refrescante cervexa na vila de Ferreira pechou unha xornada redonda, que deixou un agradable sabor de boca aos participantes.





9/22/2014

EXCURSIÓN AO VAL DO REGO DA FURNA (O CADRAMÓN)

A Asociación Mariña Patrimonio organiza o próximo sábado 27 de setembro un roteiro polo val do Rego da Furna, unha das fontes do río Ouro, rodeando o Pico do Cadramón, a maior elevación da Serra do Xistral, con 1.055 m.
O percorrido ten unha lonxitude aproximada de 8 km en total e de dificultade baixa. Iniciaremos o roteiro por un camiño paralelo ao primeiro tramo que desemboca nun punto onde o val se ensancha, constituíndo unha das escasas mostras de glaciarismo desta serra do Xistral. O río segue un percorrido ondulante por este pequeno val glaciar e finalmente, na cabeceira do val, conflúen nel tres pequenos regos en forma de abano e cubertos dunha fermosa fraga.
Ao remate deste roteiro visitaremos a pequena capela de Sta. Filomena, que constitúe un dos máis antigos exemplos de arquitectura relixiosa da Mariña, datada nos s. IX ou X e da que só se conserva a súa cabeceira ou ábside.
A actividade está aberta ao público en xeral. Para comezar, xuntarémonos no parque de Ferreira do Valadouro ás 11:00 horas. Desde alí desprazarémonos en coches particulares ata o punto de partida do roteiro, que é a propia capela de Sta. Filomena. Cada participante levará a súa comida, que coincidirá seguramente na cabeceira do val da Furna, en plena fraga. O remate está previsto para as 17:00 ou18:00 horas.
A actividade será de balde para os soci@s, nen@s e desempregad@s. Para o resto terá un custo de tres euros. Non se precisa apuntarse previamente, basta con presentarse á hora de inicio indicada. Para máis información pódese chamar ao teléfono 619553236 ou por mail no enderezo mr.patrimonio@gmail.com