11/17/2016
Convenio de colaboración
O Centro
de Actividades Subacuáticas Costa Lugo e Mariña Patrimonio asinamos
o pasado mes de outubro un convenio de colaboración para compartir e
participar en actividades conxuntas relacionadas co mar, que teñan que ver coa defensa e
coa divulgación do noso patrimonio natural e cultural.
11/15/2016
A XUNTA OBRIGADA A INDEMNIZAR UN CONSTRUTOR QUE DESTRUÍU PARTE DUN CASTRO EN SAN CIBRAO
ADEGA
e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo
e ao concello de Cervo do fallo que obriga a indemnizar o responsable
da destrución parcial do castro da Atalaia
Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia, tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos veciños na defensa do castro, como Mariña Patrimonio, asociación que naceu a partir deste conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os responsables no sucedido no caso do xacemento da Atalaia.
Para
situármonos, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron
lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr
os cartos e permitía medrar a corrupción por todas partes.
Coincidindo
con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a
comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un
xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha
desfeita arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor sobre a
existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de
2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos
arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se
rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para
edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do
xacemento.
Por
outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo
estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de
aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de
2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano.
Con
todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a
obriga de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que
impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para
edificar sobre o xacemento da Atalaia. Pola contra, o Servizo de
Patrimonio de Lugo tardou nada menos que vinte meses en incluílo no
Inventario; concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o
19 de abril de 2007.
Curiosamente, a
véspera, o 18 de abril de
2007, o Concello de Cervo
concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.
Por
tanto, dado que o concello de Cervo sabía da existencia do
xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas
licenzas, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son
tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que
Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.
Cómpre
non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o
promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter
concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que
existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos
os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións
irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.
Por
outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos felicitar a empresa
construtora porque, malia ter destruído 1600m2 de xacemento
arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de
ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas
Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento,
segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o
felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que
non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende
que estourou a burbulla inmobiliaria.
Porén,
cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e
mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación
irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos
colaterais, dado que os cartos que recibirá o construtor saen do
presuposto que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios
arqueolóxicos en toda Galiza. En consecuencia, esta sentenza non só
afectará a moitos xacementos senón que tamén prexudicará as
empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de
traballo.
Por
todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección
Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do
Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles solicitamos á Xunta e
mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa
expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento e , por
suposto, demandamos a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa
escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na
Atalaia.
FOTOS:
11/10/2016
O SERVIZO DE PATRIMONIO DE LUGO NON ACTÚA ADECUADAMENTE PARA PROTEXER UN XACEMENTO ARQUEOLÓXICO EN CERVO, CONSIDERADO ÚNICO EN GALIZA
Patrimonio
puido ter evitado os graves danos sufridos recentemente polo
xacemento
ADEGA e
Mariña Patrimonio vimos de denunciar perante o Servizo de Patrimonio
Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas
circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no
concello de Cervo. Os danos foron ocasionados no transcurso dos
labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a
superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As
remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no
recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.
A Mourisca é un
sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín,
situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas
estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges,
e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin
estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos
arqueolóxicos.
Antes de solicitar
á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de
calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA poñémonos en
contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a
autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca tivemos a
oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos
eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único
en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar
e protexer este singular ben patrimonial.
En consecuencia, o
27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a
inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois
de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de
Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das
citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección
entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun
dos recintos circulares. Posteriormente, os técnicos de Lugo
incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas
estruturas como Referencias
coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, o
feito de incluír no Inventario un lugar como
Referencia supón
que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o
lugar queda sen a debida protección.
Por este motivo,
ADEGA e Mariña Patrimonio temos explicado a anómala situación de A
Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en
reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa
do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de
diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo
e mesmo con Patrimonio.
Posiblemente froito
destes contactos, en maio a
prensa facíase eco
da existencia do sitio arqueolóxico de A Mourisca, ao tempo que
reproducía as declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio nas
que se anunciaba a corrección da ficha que fora elaborada polo
Servizo de Patrimonio de Lugo: «Respecto
dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a
súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo
estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de
referencia a xacemento arqueolóxico».
Lamentablemente a
corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no
xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que
adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita
erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso e,
así mesmo, agardamos que Patrimonio sexa quen de definir onde fallou
o Servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo
este Servizo nos danos que sufriu o sitio arqueolóxico de A
Mourisca, por non contar este ben patrimonial coa necesaria
protección, pese as nosas reiteradas advertencias.
10/17/2016
A XUNTA, FINALMENTE, ESCAVA O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS ONDE NEGABA A EXISTENCIA DE RESTOS DE CERAMICA ROMANA
- Centos de fragmentos cerámicos foron rescatados no transcurso dos traballos.
- A Xunta realizou a escavación sen necesidade de construír o dique de protección que esixía ás oito entidades que se ofrecían voluntarias para retirar os restos arqueolóxicos antes de que foran arrastrados polo mar.
ADEGA
e Mariña Patrimonio dámoslles os parabéns a todas as persoas e a
todos os colectivos que se moveron na procura dunha solución que
evitase a desaparición do xacemento arqueolóxico do forno romano de
Esteiro, afectado gravemente tralos temporais de marzo de 2014.
Debido
á inevitable destrución do sitio arqueolóxico pola acción do mar,
tivemos claro desde o comezo que cumpría unha urxente intervención
encamiñada a recoller os centos de fragmentos cerámicos dos dolium
así
como a documentar as estruturas do xacemento. Despois de terlle
comunicado ao Servizo de Patrimonio de Lugo a situación na que se
atopaba o forno de Esteiro, e tras solicitarlle a recollida dos
numerosos restos de cerámica, na súa resposta por escrito informaba
textualmente: “Os
técnicos deste Servizo fixeron unha inspección do xacemento o día
11.03.2014 e non atoparon indicios de materiais arqueolóxicos
mobles”.
Debido
a esta insólita negación da realidade,oito
colectivos culturais
(Mariñapatrimonio,
ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural
Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo)
xuntamos esforzos para promover voluntariamente a necesaria
intervención arqueolóxica, polo que contactamos cun grupo de
arqueólogos que elaboraron un proxecto de escavación. Porén, unha
vez máis, alguén desde Patrimonio decidiu boicotear unha acaída
solución para o xacemento de Esteiro ao poñer como condición sine
qua non a construción dun
dique que protexese o xacemento
das crecidas do mar. O elevado custe que supoñía a construción do
“imprescindible” dique obrigounos a renunciar á mencionada
escavación. Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para
a escavación executada recentemente pola Xunta.
Malia
todo, dámoslle tamén os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio
por ter reconducido esta absurda situación e por ter asumido a
intervención arqueolóxica que achegou novos datos do xacemento,
permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar
centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio,
negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.
As persoas que hoxe se acheguen ao sitio arqueolóxico comprobarán que o forno de Esteiro quedou novamente tapado e que non foi imprescindible construír o dique de protección que a nós se nos esixía con tanto celo. Sospeitamos que a finalidade da incondicional construción do dique non era a de frear o mar, senón a de frear a cidadanía que se move en defensa do patrimonio común.
9/01/2016
Pantasmas do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval. Conferencia de Manuel Gago en O Vicedo.
As
asociacións Mariña Patrimonio e Nordés Faladora vimos de organizar
para o sábado 10 de setembro unha conferencia a cargo do xornalista
e divulgador cultural Manuel Gago Mariño, co título "Pantasmas
do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval”.
Esta actividade, con entrada libre e gratuíta, terá lugar ás
20.00h na Casa de Cultura de o concello de O Vicedo.
A
xornada completarémola cunha visita ao mosteiro de San Miguel na
illa Coelleira, que partirá do porto de O Vicedo ás 10.00h. Dado
que a visita á Coelleira ten límite de prazas, é imprescindible
ter feita a reserva previamente.
Ás
14.30h haberá un xantar na Casa Fanego de San Román e as persoas
que queiran participar nel teñen como data límite para anotarse o
mércores 7 de setembro. Finalmente, tralo xantar, faremos unha
visita ao xacemento arqueolóxico de Os Moutillós.
Para
coñecer os prezos e as condicións da viaxe á Coelleira así como o
custe do xantar, cómpre contactar con Miguel Vizoso no teléfono 619
55 32 36.
6/06/2016
A MURALLA DE LUGO PLANTARASE DE EUCALIPTOS NO ARDE LUCUS
As
asociacións ADEGA, Cultura do País e Mariña Patrimonio
organizamos para o sábado 18 de xuño unha plantación de eucaliptos
no adarve da muralla de Lugo. Con este acto pretendemos visibilizar a
destrución masiva e indiscriminada do noso patrimonio arqueolóxico
a mans da industria forestal.
Aproveitando
a xornada de festa do Arde Lucus, na que moita xente en Lugo cambia
de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador
romano ou guerreiro celta, os asistentes a este acto reivindicativo
na muralla converterémonos por uns momentos en axentes da industria
do eucalipto. Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de “ningún
xacemento sen eucaliptos”, procederemos á eucaliptización da
muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal,
farémolo sen pedir permiso a Patrimonio.
A
actividade do 18 de xuño terá lugar ás 13.00h no adarve da
muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo
Odoario ou do Hospital. A continuación haberá un xantar de
confraternidade no Lar de Cultura do País. Para rematar a xornada,
tras o xantar faremos unha visita guiada a Adai para coñecer o seu
impresionante patrimonio arqueolóxico.
As
persoas que desexen participar no xantar e/ou na visita guiada,
deberán anotarse en
6/01/2016
ADEGA E MARIÑA-PATRIMONIO DENUNCIAN DANOS MASIVOS AO PATRIMONIO HISTÓRICO-ARQUEOLÓXICO POLA INDUSTRIA DO EUCALIPTO
ADEGA
e MariñaPatrimonio vimos de presentar 40 novas denuncias por danos
ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores
asociados á explotación forestal do eucalipto: plantacións,
cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada, etc. De
feito, no N da provincia de Lugo, unha área intensamente
eucaliptizada, levamos documentado e presentado nos últimos 5 anos
un total de 56 denuncias. ADEGA e MariñaPatrimonio coidamos que boa
parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica (uns
500), poden estar afectados nalgunha medida polos labores asociados á
explotación forestal do eucalipto.
Entre
estes últimos 40 xacementos afectados figuran 2 abrigos
paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de
idade indeterminada.
Por
concellos, as afeccións documentadas distribúense do seguinte
xeito:
|
Abadín,
3
|
Lourenzá,
1
|
O Vicedo, 2
|
|
Alfoz,
3
|
Mondoñedo,
5
|
Viveiro,
2
|
|
Barreiros, 3
|
Trabada,
1
|
Xove,
5
|
|
Foz,
3
|
Valadouro,
11
|
Friol,
1
|
Coidamos
que estas 40 novas denuncias són só unha pequeña mostra, a punta
do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos
submetidos á ditadura do eucalipto. Extrapolando os datos ao preto
do medio millón de hectáreas eucaliptizadas en Galiza, a magnitude
da afección patrimonial (con danos por veces irreparábeis sobre o
ben, chegando mesmo até a desaparición do xacemento) e o impacto
cultural asociado, podería ser inmensa.
As
responsabilidades destas desfeitas distribúense, na opinión de
ADEGA e MariñaPatrimonio, a partes iguais entre a industria do
eucalipto e a Xunta de Galiza. A primeira, por actuar
irresponsabelmente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é
de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a
cobiza de ENCE. No tocante á Xunta, a súa responsabilidade é
quizáis maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixianza e
control dun valiosísimo patrimonio público.
E
perante a inoperancia da administración, somos a cidadanía
organizada a que estamos asumindo o papel de tutelar estes bens.
Seguiremos a documentar e a denunciar perante os servizos de
Patrimonio e o SEPRONA todos aqueles casos que poidamos constatar
nos que se produzan danos ao noso patrimonio. Valéndonos da listaxe
dos xacementos e contando cos recursos que as novas tecnoloxías
ofrecen, con actualizacións periódicas de imaxes de satélite,
pódese facilmente comprobar se houbo cortas e/ou plantacións de
eucaliptos sobre unha determinada zona. Como é que a Xunta non o fai
contando con moitos máis recursos?
Perante
esta situación, ADEGA e MariñaPatrimonio pediremos tamén áo
amparo da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a
Educación, a Ciencia e a Cultura, para frear a destrución masiva
dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a
inoperancia da Xunta.
5/08/2016
EUCALIPTOS NO CASTRO DA VELA
Ás veces é difícil demostrar unha agresión ao patrimonio e saber se está dentro dos límites do xacemento. Porén, nas novas tecnoloxías temos un bo aliado e unha boa testemuña, tal e como se pode apreciar neste caso do Castro da Vela.
Alguén dubida que esta plantación de eucaliptos e a correspondente remoción de terras (obsérvense os buratos) afectou o sitio arqueolóxico? Alguén dubida que esta parcela coa nova plantación de eucaliptos está dentro do castro?
4/23/2016
80 EUCALIPTOS PARA UNHA MÁMOA
Seguimos observando agresións salvaxes ao patrimonio e seguimos sorprendéndonos e escandalizándonos do que a industria forestal está a facer. A última, na mámoa do Chao da Moa. Profundos sucos, pedras desprazadas e uns 80 eucaliptos enriba do túmulo.
4/10/2016
ROZA DA LAMELA, ANTES E DESPOIS DOS EUCALIPTOS
Así queda un campo de mámoas tralo paso dos integristas do eucalipto; integristas porque pretenden que Galiza estea integramente plantada de eucaliptos.
Subscrever:
Mensagens (Atom)






