O
vindeiro día 28 presentaremos na canle de
Facebook de Mariña Patrimonio un relatorio de Manuel Gago.
Esperámosvos!
5/21/2020
5/19/2020
A XUNTA PON EN PERIGO NUMEROSOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS AO PUBLICAR INFORMACIÓN ERRADA SOBRE A SÚA DELIMITACIÓN XEOGRÁFICA
No
pasado mes de abril, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en
colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de
Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais
da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un
investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información
xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza, é dicir,
revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e
doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros,
mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera
usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede. A
información contida neste visor ten carácter oficial, polo que unha
correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios
forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais
naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor
forestal, así como os trámites de autorización.
Sen
embargo, malia que as intencións eran boas, ADEGA e Mariña
Patrimonio detectaron que os límites marcados dun considerable
número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus
límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas
arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados,
malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do
territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites
de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral
de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada
no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM. Un exemplo
ilustrativo deste feito é o caso do concello de Ribadeo onde, dos
oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no
visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do
concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta
cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha
extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen
protección.
Por
tanto, ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría
de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do
visor de aproveitamentos forestais da Xunta, a información
xeográfica presuntamente “actualizada” do Patrimonio Cultural de
Galiza, mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e
completa revisión desa información e non repare os erros de
delimitación e xeolocalización atopados. Así mesmo, requirimos
tamén á Consellaría de Medio Rural que non outorgue autorizacións
para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non
estea garantida a protección e a correcta delimitación de
xacementos e doutros elementos patrimoniais. Doutro xeito, tanto a
Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar
favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e
protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas
sancións. Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte
que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para
determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas
fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de
protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado
pola Xunta. Mentres non se realice a revisión da actualización dos
datos dos límites xeográficos dos elementos patrimoniais do país,
deberían prevalecer os que figuran nos Plans Xerais de Ordenación
municipal ou no Plan Básico Autonómico.
3/05/2020
VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO Á EXPOSICIÓN “GALICIA, UN RELATO NO MUNDO”.
O
motivo fundamental da excursión realizada o pasado sábado 29 era
visitar a exposición Galicia,
un relato no mundo,
que permanece aberta desde o pasado mes de novembro no Museo Centro
Gaiás, da Cidade da Cultura de Compostela.
Sentímonos
privilexiados e profundamente agradecidos a Manuel Gago, Comisario da
exposición, que tivo a deferencia de guiarnos -malia as moitas
dificultades de axenda das que somos sabedores- e amosarnos un punto
de vista tan persoal ao percorrido. Unha exposición das grandes, das
que deixan pegada, tanto pola súa dimensión como, sobre todo, polo
seu novidoso enfoque, que permite achegarnos á nosa realidade
histórica con outras perspectivas ata agora moi pouco observadas,
ademais de polo seu formato innovador e atractivo. Sen dúbida, esta
visión da nosa identidade como pobo abre un camiño que merece ser
explorado porque enriquece e refresca a visión que tivemos ata agora
da nosa historia e porque contribúe a insuflar de orgullo a nosa
feble autoestima colectiva.
É
unha exposición extensa, que cómpre visitar sen présa e, se é
posible, facelo en varias veces . Se non o é, adicarlle o día
enteiro fai falla e paga a pena. No noso caso, completamos unha
primeira visita e, quen máis quen menos, manifestou a súa clara
determinación de volver achegarse á capital de Galicia para
completala antes do peche das súas portas, o próximo 12 de abril.
A
nosa excursión, tiña unha segunda parte, na que tamén Gago nos
acompañou e guiou pola periferia compostelá. Despois dun agradable
xantar de grupo no tamén periférico mesón O
Almacén,
moi recomendable para comer carne e comprar interesantes produtos
gourmet, visitamos o petróglifo
do Castriño de Conxo,
que
permanece vixiante na marxe dereita do val do Sar, unha das xoias da
arte rupestre galega, con representación de armas e outros motivos
singulares, aínda que de difícil interpretación.
Por
último, e antes de emprender a viaxe de volta, na outra ribeira do
val, puidemos achegarnos aos restos do Castelo
de Rocha Forte,
ou como o cualificou Gago, o “Sant’Angelo”
do
Arcebispado de Santiago, pola súa función como refuxio defensivo da
curia compostelá en época medieval, en tempos nos que afloraban os
conflitos entre o arcebispo e a burguesía compostelá. Asi mesmo,
serviu como punto de control fiscal da entrada principal a Compostela
desde a costa atlántica. Foi destruído no ano 1467 tras un ataque
masivo do exército irmandiño, como pode apreciarse nos numerosos
proxectís de pedra que conserva no seu recinto.
2/18/2020
Santo Estevo do Ermo: unha xeografía mítica e sagrada
O
pasado 14 de febreiro, no Salón de Actos do Centro Social San Cosme
de Barreiros, o antropólogo Rafa Quintía pronunciou perante un
nutrido grupo de persoas unha interesante e moi amena conferencia
sobre Santo Estevo do Ermo. Un lugar único, que paga a pena coñecer.
A
conferencia “Santo Estevo do Ermo: unha xeografía mítica e
sagrada”, organizada pola Asociación Cultural Irmandade Santo
Estevo e Mariña Patrimonio, contou coa colaboración do Concello de
Barreiros e maila Área de Cultura da Deputación de Lugo.
2/16/2020
VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO Á EXPOSICIÓN “GALICIA, UN RELATO NO MUNDO”.
Mariña
Patrimonio organiza unha viaxe cultural a Santiago de Compostela para
o próximo 29 de febreiro (sábado). A xornada comezará pola mañá
cunha visita, na Cidade da Cultura, á exposición
Galicia, un relato no mundo. Esta
visita será guiada polo comisario de dita exposición, Manuel Gago,
quen tamén fará de guía nas visitas que terán lugar pola tarde
ao castelo da Rocha Forte e mais ao petróglifo de Conxo.
HORARIO: MAÑÁ: 9h - 14h
TARDE:
16h – 19h
PREZO: SOCIOS: BUS: 15€; XANTAR:
15€. Total: 30€
NON
SOCIOS: 10€; BUS: 15€; XANTAR: 15€. Total: 40€
As
persoas interesadas en participar nesta actividade teñen de prazo
para anotarse até o día 20 de febreiro. Deberán facelo no correo
electrónico mr.patrimonio@gmail.com,
no que indicarán nome, se é socia/o ou non, teléfono de contacto e
lugar de residencia. As prazas son limitadas.
O luns
24 de febreiro comunicarémoslles ás persoas anotadas os horarios do
bus e mailo número de conta para efectuar o ingreso correspondente.
2/13/2020
Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada
A Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo de Barreiros e Mariña
Patrimonio, en colaboración co Concello de Barreiros e a Área de Cultura
da Deputación de Lugo, organizamos para o próximo 14 de febreiro a
conferencia “Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada”. A
conferencia, que será impartida polo antropólogo Rafa Quintía, terá
lugar ás 20.00h no Centro Social San Cosme de Barreiros.
12/16/2019
CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE O PATRIMONIO INMATERIAL DO MAR NO MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO
As
charlas, organizadas pola asociación sociocultural Mariña
Patrimonio, terán lugar ao longo de varias xornadas neste mes de
decembro.
Co título “Escoitando o mar”, Mariña Patrimonio organiza un
ciclo de conferencias coas que pecha as actividades culturais que
levan organizado ao longo deste ano. O próximo día 20 comezarán as
xornadas coa conferencia “Foula de prata: a bordo da tradición
oral marítima” a cargo do Secretario da Sociedade Antropolóxica
Galega (SAGA), Miguel Losada e Enrique Blanco, Ex - Director CEIP
Noia. O 26 de decembro Anxo Muíños, escritor e patrón de pesca,
falará sobre “Mitos do mar: O alén dos barqueiros” e o 27
deste mesmo mes a conferencia “A onomástica naval na Galicia de
antano: unha odisea relixiosa, cultural e afectiva” a cargo do
profesor da UDC, José Manuel Vázquez Lijó, cerrará estas xornadas
que terán lugar no Museo do Mar de San Cibrao e que contan coa
colaboración da Rede Museística Provincial e maila Área de Cultura
da Deputación Provincial de Lugo.
11/25/2019
PATRIMONIO LUCENSE FÓRA DE MURALLAS
Visita organizada por Mariña Patrimonio con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial
A choiva non impediu ao aguerrido grupo de persoas, que respondeu á convocatoria de Mariña Patrimonio, coñecer outra perspectiva da capital provincial diferente e non menos interesante que a que rodea a súa muralla romana.
Guido (Guido Guía), o guía que deseñou con moi bo criterio o itinerario desta excursión, iniciou no parque Rosalía de Castro o percorrido, que tivo a súa primeira parada na estupenda Sala de Exposicións da Porta Miñá, onde puidemos obter unha síntese moi completa do Lugo romano, así como unha breve visita á Igrexa do Carme, moi ben explicada por Santiago Iglesias, membro da Confraría carmelita. Con este prometedor punto de partida iniciamos un curioso paseo polas entrañas do barrio do Carme, un verdadeiro espazo rural dentro da cidade, degradado e esquecido, por onde a cidade baixa cara o Miño pola antiga vía XIX que atravesa o río no barrio da ponte, así como o Camiño primitivo que conduce a Compostela.
Guido conseguiu contaxiarnos o seu especial apego emocional a este lugar, sorprendentemente preservado da expansión urbana a pesar da súa proximidade ao centro. Esta circunstancia permite albergar a esperanza de que no futuro inmediato poidan levarse a cabo proxectos de investigación arqueolóxica e revalorización desta vía principal de saída histórica do Lugo romano e do Lugo medieval, sen perder a súa condición de espazo verde.
Chegados á ponte romana, percorremos a ribeira, río arriba, pola marxe esquerda para atravesalo pola nova pasarela peonil que conduce ao barrio de San Lázaro, en cuxa igrexa, noutrora capela do antigo hospital de leprosos ou lazareto, nos acolleu Abraham, o cura Párroco, que nos resumiu a historia dese barrio, moi vinculado ao Camiño, como punto de control sanitario da cidade.
Despois dunha espléndida comida no restaurante A Calzada Bar , na rúa da Calzada da Ponte, emprendemos a segunda parte da nosa excursión que nos transportou no tempo á Idade do bronce e no espazo á Adai, unha parroquia situada ao oeste da cidade desde onde se ofrece unha grandiosa panorámica da cidade de Lugo. Para esta visita, Guido emprazou a dúas persoas, Brais Rodríguez e Xabier Moure, que traballan activamente na defensa e promoción do patrimonio e son bos coñecedores deste lugar tan especial. O monte de Adai constitúe un verdadeiro parque arqueolóxico que parece ter a súa orixe, cando menos, na Idade do bronce e que concentra nunha área de poucas hectáreas numerosas mámoas e petróglifos, unha espectacular estrutura circular, do tipo da Roda de Barreiros e unha plataforma de rocha granítica con forma elíptica duns 12x6 metros, perimetrada por unha serie perfectamente ordenada de buratos que compoñen unha misteriosa estrutura, que pode parecer a base dunha cabana pero que da pé a imaxinar outras interpretacións.
Sen dúbida, o concello de Lugo ten en Adai un tesouro arqueolóxico de extraordinario valor patrimonial e gran potencial turístico. A vinculación de Lugo ao mundo romano non debería impedir que espazos como este quedaran esquecidos. Desde Mariña Patrimonio queremos animar ao Concello de Lugo e aos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia a que realicen un esforzo para iniciar o estudo deste espazo arqueolóxico que, a pouco que se gaste nel, devolverá con creces o investimento feito.
11/10/2019
PATRIMONIO LUCENSE FÓRA DE MURALLAS Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial
Mariña Patrimonio organiza unha visita
a Lugo o día 23 de novembro para coñecer parte do patrimonio menos
coñecido desta cidade. Para esta actividade disporemos dun guía
especializado que nos acompañará na visita aos barrios do Carme e
da Ponte pola mañá e a Adai pola tarde.
O traxecto do bus vai depender das
persoas que o soliciten, polo que pedimos que nolo fagan saber canto
antes (antes do venres 15 de novembro)), indicando nome, se é
socio/a ou non, teléfono de contacto e lugar de residencia, para ter
tempo de contratar o bus (prazas limitadas) e reservar lugar
para xantar.
Comunicaremos a inscrición ata que se
chegue ao límite de prazas, a partir do cal tamén se comunicará a
imposibilidade de inscrición. O luns 18 informaremos ás persoas
anotadas sobre os horarios do bus e o número de conta para efectuar
o ingreso correspondente.
10/28/2019
VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE OUROL.
Fotografías da interesante visita realizada o pasado domingo 27 de
outubro ao rico patrimonio do concello de Ourol. Unha vista guiada por
Anxo Vázquez, a quen agradecemos a súa xenerosa colaboración.
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/ETwtiz4AXLfSc6Km7
+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/ETwtiz4AXLfSc6Km7
Subscrever:
Mensagens (Atom)








